UN DIREITO IRREVOGÁVEL

Para a comunidade internacional, a tortura é unha das afrontas mais graves à dignidade da persoa.

Hai muitas décadas qaue a doutrina xurídica considera a proibición da tortura unha norma do direito internacional consuetudinário que non pode ser revogada en nengunha circunstáncia, nen sequer en tempo de guerra ou cando existir un perigo estrutural e imitente para o Estado. Por conseguinte, a erradicación incondicional da tortura e de outros tratos ou penas cruéis, desumanos ou degradantes constitui unha obrigación de todos os estados, mesmo de aqueles que non teñan ratificado nengun tratado internacional de direitos humanos.

Non obstante, apesar desta proibición explícita e contundente, a tortura continua praticando-se en grande parte do mundo.

Por este motivo, xa nos anos setenta, encanto se negociava o texto da Convención das Nacións Unidas contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Cruéis, Desumanos ou Degradantes, várias organizacións internacionais procuravan encontrar fórmulas novas e mais realistas para prevenir estes abusos. Inspirado nos resultados das visitas a prisións realizadas polo Comité Internacional da Cruz Vermella durante os conflitos armados, Jean-Jacques Gautier defendeu a adopción de un mecanismo preventivo contra a tortura baseado nun sistema de visitas regulares aos centros de detención en todo o mundo. Despois de un longo e árduo proceso de negociación, ese sistema será finalmente criado polo Protocolo Facultativo à Convención das Nacións Unidas contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Cruéis, Desumanos ou Degradantes.

UN MECANISMO INOVADOR

Comparado con os instrumentos de direitos humanos xa existentes, o Protocolo Facultativo da Convención contra a Tortura incorpora duas importantes inovacións: a énfase na prevención e o estabelecimento de un sistema dual (a articulación de un mecanismo internacional con un ou vários mecanismos estatais).

Até ao momento, nengun instrumento internacional permitia que se realizasen visitas aos centros de detención, en calquer lugar do mundo, sen prévio consentimento das autoridades, nen estabelecia a obrigatoriedade de criar instrumentos non governamentais de ámbito estatal. De conformidade con o Protocolo Facultativo, agora ha de criar-se un organismo internacional de expertos que terá esa función (o Subcomité do Comité das Nacións Unidas contra a Tortura) e os Estados que ratificaren o Protocolo terán a obrigación de estabelecer ou designar comités estatais independentes (un ou vários) que traballarán de maneira coordenada con o Subcomité e apresentarán recomendacións às autoridades para mellorar as condicións de detención e o trato que receben as persoas privadas de liberdade.

O Subcomité e os Comités poderán manter entrevistas –reservadas e sen testemuñas- con calquer persoa privada de liberdade e con outras persoas da sua eleición, tais como funcionários das equipas médicas e de seguranza ou familiares das persoas detidas. Terán aceso a todos os rexistos relativos a calquer persoa presa e direito a examinar as regras disciplinárias, o rexime de castigos e outros documentos relevantes. Inspeccionarán regularmente o conxunto das instalacións de detención e terán aceso a todas as dependéncias, incluindo dormitórios, comedores, cociñas, celas de isolamento, cuartos de baño, áreas de exercício físico e consultórios médicos.

O Protocolo Facultativo define como “centros de detención”: comisarias, prisións, centros de detención preventiva e de menores, prisións administrativas e cuartéis das forzas de seguranza. Asi mesmo poderán ser obxecto de visitas os centros de detención de imigrantes e solicitantes de asilo, as zonas de tránsito dos portos e aeroportos internacionais, os postos de fronteiras, as instituicións médicas e psiquiátricas e os locais de detención “non oficiais” onde as persoas están expostas a todo tipo de abusos.

O Estado publicará os relatórios anuais dos comités.