A nova lei, que en nome da luita contra o terrorismo obriga os governos da UE a armacenaren información sobre chamadas telefónicas e mensaxes electrónicas durante un período mínimo de seis meses, permitirá espreitar os contactos dos xornalistas.

“A directiva ten implicacións mui sérias no que a protección das fontes se refere”, arguiu Hans-Martin Tillack, reporteiro da revista alemá Stern. “A protección das fontes é a base do traballo do xornalista en calquer lugar do mundo.”

A garantia de anonimato das fontes de información contribui a criar un clima de “controvérsia e debate crítico” nas sociedades democráticas –insistiu Tillack, lembrando a importáncia que tiveron as fontes anónimas na denúncia da suposta existéncia de campos da CIA en Europa.

Vários organismos europeus tentaron no pasado utilizar a sua influéncia para abafar “histórias comprometedoras”, afirmou o xornalista de Stern, que ilustrou a sua denúncia con as tentativas feitas pola Comisión Europea para impedir a publicación da sua reportaxe sobre fraudes na UE e conseguiu que a polícia belga se incautase da sua libreta de contactos despois de ter alegado que Tillack obtivera información mediante suborno. Medida que a Federación Internacional de Xornalistas (FIX) interpretou como unha manobra para amedrontar eventuais futuros informadores.

O responsável da FIX indicou tamén que os poderes de vixiláncia dos estados alargan-se dia a dia sen que avistemos o final na “guerra global contra o terror” desatada a raiz dos atentados do 11 de Setembro de 2001. A situación contrasta visivelmente –afirmou- con escenários bélicos anteriores, tanto nos casos das “guerras clásicas” –que provocavan a suspensión apenas temporal dalguns direitos e liberdades- como no do conflito de Irlanda do Norte nas décadas de setenta e oitenta, conflito en que a liberdade de información non sofreu restrición.

“Cando anunciará a comisión que a guerra contra o terrorismo acabou? E cando isto acontecer, recuperaremos todos os direitos e regresaremos a unha situación normal? perguntou Hans-Martin Tillack ao comisionado Franco Frattini.