OS FEITOS

En primeiro lugar cumpre salientar que se tratava de unha manifestación pacífica, auto-convocada a título individual por un grupo de unhas trinta persoas (muitas delas integradas en colectivos ou organizacións, entre outras EsCULcA) que, indignadas pola situación que se vivia naqueles momento a causa da incompeténcia do Governo Galego e a desinformación mediática, decidiron facer un acto de protesta.

As persoas congregadas, “obrigadas, non voluntárias”, como subliñaron os meios de comunicación, depositaron diante do Parlamento un barco de cartón simulando o afundido Prestige e esparxiron catro capachos de chapapote recollido por elas mesmas na costa de Malpica. Seis mulleres encadearon-se à porta do Parlamento encanto un grupo formado por unhas vinte persoas despregava unha faixa con o lema: ESTE É O PRESTIXE DO GOVERNO GALEGO. REBELEMO-NOS” e outras seis, vestidas con o traxe que utilizaran o dia anterior para recoller o chapapote, permanecian sentadas con sardiñas petroleadas nas maos.

A concentración comezou sobre as cinco da tarde e as persoas congregadas estiveron coreando pacificamente consignas até aproximadamente as seis e meia, momento en que axentes da Polícia Nacional e Autonómicas cargaron brutalmente contra elas.

Como consecuéncia desta agresión policial, seis manifestantes tiveron que acudir ao Hospital Clínico e o 4 de Decembro de 2002 interpuxeron a correspondente denúncia no Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela.

O dia 9 de Decembro o Concello de Compostela e, na sua representación a advogada Dª Esperanza Cobas Prieto, compareceu nas dilixéncias abertas neste Xulgado (DP nº 1749/02) como acusación particular por un delito de danos contra as seis persoas que denunciaran os axentes (art. 264.1, que prevé penas de prisión de un a tres anos e multa de doce a vinte-e-catro meses). Como prova dese suposto delito, o Concello de Compostela apresentou factura emitida pola Xefatura do Servizo Municipal de Bombeiros de Compostela por un total de 994,40 Euros (traballos de limpeza da via pública con nada menos que 200 litros de produto dispersante e 8.000 litros de água a presión).

SUSPENSIÓN DO XUÍZO

O pasado 14 de Decembro de 2004, dia previsto para a sua celebración, o xuízo contra os nove axentes tivo de ser suspendido pois, por erro xudicial, o Concello de Compostela non fora citado. No entanto, e apesar de non ter sido convocado, o Concello compareceu para reiterar a sua acusación contra as seis persoas que denunciaron agresión policial, non –note-se ben- contra as trinta que participaron no acto senón unicamente contra as seis que denunciaron os axentes.

O vindeiro 1º de Febreiro está previsto que sexan por fin xulgados estes axentes asi como as seis persoas que apresentaron denúncia contra eles.

PODERES PÚBLICOS E LIBERDADES

Tanto o respeito a este direito como o dever positivo de garanti-lo conlevan que toda inxeréncia do poder público que poda atinxi-lo estexa presidida polo princípio da proporcionalidade mais restrita, isto é, que a medida limitativa –neste caso punitiva- resulte a única imprescindível para o fin pretendido.

Pois ben, EsCULcA fai-lle saber que estima que a conduta do Concello resulta no caso totalmente desproporcionada e completamente alonxada dunha mínima sensibilidade democrática respeito de manifestacións lexítimas e necesárias da sociedade.

A liberdade de expresión e das suas manifestacións no ámbito público constitui un dos pilares básicos de toda sociedade democrática. Garantir o seu exercício ven ser un dos deveres primordiais e ineludíveis dos poderes públicos, ao tempo que a xustificación necesária da sua lexitimidade.

Asi pois,

EsCULcA, como asociación que vela pola salvaguarda dos direitos e liberdades públicas quer manifestar-lle a sua sua reprovación à atitude da Corporación Municipal que V. Preside e instá-la a retirar os cargos contra as seis persoas que denuncian teren sido agredidas por axentes das Policías Nacionais e Autonómica o dia 3 de Decembro de 2002 cando exercian o seu lexítimo direito à liberdade de expresión, nun momento en que eran millares as persoas que en Galiza reclamavan información sobre o acontecido e medidas urxentes para paliar os efeitos catastróficos do naufráxio e posterior afundimento deo Prestixe.

En Compostela, a 25 de Xaneiro de 2005