No que a este segundo aspecto se refere, cumpre salientar que o governo español non abriu o necesário concurso público para a selección de candidatos, non consultou a sociedade civil através das suas asociacións, sindicatos, partidos, etc., nen fixo públicos os critérios en que alicerza a sua proposta.

Extremo este último realmente preocupante porque, de atendermos à traxectória pública do Sr. Torres Boursault, temos que concluir necesariamente que os méritos que se tiveron en conta para a selección deste candidato situan-se nun ponto ben distante do que prevé o Protocolo.

Lembremos brevemente esta traxectória:

a) Leopoldo Torres boursault foi nomeado polo governo de Felipe González, sendo Ministro do Interior José Luís Corcuera, Fiscal Xeral do Estado o 27 de Xaneiro de 1990. Seis meses antes de comezar, na Audiéncia Nacional, o xuízo contra José Amedo e Michel Domínguez (primeiro dos xuízos contra os GAL);

b) Nos meses seguintes, dias antes de comezar este xuízo, o Estado español negou-se a pór a disposición da Audiéncia Nacional tres implicados fundamentais na trama dos GAL;

• Paesa (que estava en Suíza e fora nomeado, pouco antes da sua identificación como colaborador dos GAL, representante neste país, da república de Santo Tomé e Príncipe perante a ONU)
• George Mendaille, (detido no Estado español e posteriormente posto en liberdade ao non conceder-se a sua extradición a Franza), e
• Rafael Masa (que fora destinado, pouco antes de se descobrir a sua implicación nos GAL, a Bolívia como instrutor da polícia boliviana).

c) Viu-se implicado no “desaparecimento” do “Relatório Navajas”, que relacionava o daquela Coronel Galindo con o narcotráfico.

d) Finalizado o seu mandato como Fiscal Xeral, mantivo a relación con os responsáveis políticos do PSOE que se viron implicados nos crimes dos GAL. Dirixiu a defensa letrada do exministro de Interior, José Luís Corcuera (nos casos dos Fondos Reservados) e do exgovernador civil de Guipúscoa, José Ramón Goñi Tirapu (no escándalo das fitas de vídeo gravadas a Pedro J. Ramírez).

“A eleición do Sr. Torres Boursault só pode obedecer à intención do Governo español de dar esa aparéncia de boa vontade para luitar contra a tortura, ao tempo que mantén ben fechados os esgotos do Estado e premia con un cargo internacional, polos servizos prestados, aquel que o axudou cando se viu acosado polas investigacións sobre o terrorismo de estado e os GAL”, afirman os portavoces da Coordenadora para a Prevención da Tortura.