Con efeito, ainda que na Parte II, Título I, Artigo II-62 do texto se afirma inequivocamente o direito à vida de todas as persoas:

1. Toda persoa ten direito à vida
2. Ninguén poderá ser condenado a pena de morte nen executado

nas Declaracións Anexas à Acta Final da Conferéncia Intergovernamental (13 de Outubro de 2004) encontramos duas “Explicacións sobre a Carta dos Direitos Fundamentais” que contrarian esta afirmación.

Explicación 3, a)

A morte non se considerará inflixida con infracción do presente artigo cando se producir como consecuéncia de un recurso à forza que sexa absolutamente necesário:

a) en defensa de unha persoa contra unha agresión ilexítima;
b) para deter unha persoa conforme o direito ou para impedir a evasión de un preso ou detido legalmente;
c) para reprimir, de acordo con a lei, unha revolta ou insurrección.

Explicación 3, b)

Un Estado poderá prever na sua lexislación a pena de morte por actos cometidos en tempo de guerra ou perigo de guerra; esta pena somente se aplicará nos casos previstos pola citada lexislación e de acordo con o que ela dispuxer.

Esta contradición non é visível no texto do Tratado que reparte o Governo por non se incluíren nel Protocolos, Anexos e Declaracións. Auséncia que pode ser interpretada como lacuna ou mesmo censura informativa.