Para sospeitar que algo raro está a ocorrer só temos que mirar ao noso redor. Acaso a frase en neolingua A guerra é a paz que o protagonista Winston Smith lía na fachada do Ministerio da Verdade é diferente, no sentido de inversión e ocultación da realidade, que a de “mobilidade exterior” pronunciada pola ministra española Fátima Báñez cando se refería ao grave problema da emigración causada polas políticas do PP? Ou cando Montoro puxo en marcha “medidas excepcionais para incentivar a tributación de rendas non declaradas” se o que quería dicir era “amnistía fiscal para as maiores fortunas do Estado”? Por se alguén pensa que me estou indo pola tanxente vou lembrar outra frase en neolingua española: “estabilidad presupuestaria”. Con este eufemismo se denominou a modificación en 2011 (acordo Zapatero-Rajoy) do artigo 135 da Constitución que consagraba o pago da débeda pública como absolutamente prioritario fronte a calquera outro gasto nos orzamentos do Estado. En realidade a famosa “estabilidade” ocultaba a decisión das forzas do establishment español(PP-PSOE) de atender, primeiro e en calquera circunstancia, os pagos á banca antes que os gastos sociais, vitais para a cidadanía. Esta última decisión, convenientemente adobiada para evitar a alarma social, ocultaba unha cruel e antidemocrática medida neoliberal (furtándolle aos cidadáns un debate nun asunto fundamental que debería ser decidido en referendo público) producindo incluso mortes a causa dos recortes orzamentarios, como ocorreu ata hai moi pouco cos enfermos de hepatite C.

Pero unha nova, desvelada pola Rede Voltaire en marzo pasado, supera con creces todo o anterior para converterse de feito nun asunto propio dun sistema totalitario ao puro estilo orwelliano. Esta rede de información libre e alternativa asegura, e as súas fontes soen ser moi solventes, que se está conformando un pacto entre as principais axencias e empresas de comunicación mundial co obxecto de subministrar unha información unificada na mensaxe e nos obxectivos. Entre elas estarían os 14 grupos máis importantes dos media transnacionais: dende Bertelsmann, Time Warner ou Sony ata Televisa ou Walt Disney Company, BBC, CNN e Al-Jazeera. Ademais de Reuter, Associated Press e France Press, as tres principais axencias de información a nivel mundial que, de facto, facilitan a maioría da información que comparten os media do planeta, como El PaísEl Mundo ou La Voz de Galicia, por poñer só tres exemplos. Por se esta alianza non fose suficiente para meter o medo no corpo, Google e First Draft (descoñécese quen está detrás desta empresa) estarían establecendo vínculos cos grupos antes citados, de tal maneira que a prensa escrita, a TV e internet subministrarían unha información unificada co obxectivo de neutralizar ou minimizar as voces alternativas a ese Pacto Informativo.

Que se propoñen? En primeiro lugar, convencer ao cidadán de que os medios adscritos ao Pacto “son honestos e que as persoas ou países denunciados por eles non o son”. Outra das regras non escritas sería a de que “os membros do Pacto non se critican entre si”. De tal maneira que os media desta alianza “son os que din a verdade sempre, mentres que os outros menten”. Ocorre que de verificarse este comportamento se violaría a Carta de Munich, da Organización Internacional de Xornalistas. O principio de pluralismo, elemento básico dunha democracia, quedaría anulado de facto, o que nos levaría irremisiblemente a unha sociedade totalitaria. Este modelo informativo xa se aplicou recentemente coas guerras de Libia e actualmente sucede coa información sobre Siria ou coa situación de Venezuela, aplicando un patrón de “bos e malos” no que non caben os matices, e menos o contraste de opinións en pé de igualdade. Por último, o Pacto cualificaría todas as demais noticias que non encaixen no seu patrón como falsas (fake news). O feito de que a inmensa maioría das cadeas e xornais subscriban o material do “Ministerio da Verdade dos Media Internacionais” convertería esta alianza nun sistema de manipulación de masas a nivel planetario que asombraría ao propio Orwell.

Creo que esta información é o suficientemente seria para non deixala pasar como se fose algo anecdótico ou un asunto conspiranoico máis. Por certo, a Rede Voltaire asegura que o famoso ICIJ (Consorcio Internacional para o xornalismo de Investigación, patrocinado polo financeiro George Soros) forma parte deste Pacto. O ICIJ publicara en 2016 os Panama Papers, información roubada de forma misteriosa das oficinas da firma de avogados Mossack Fonseca. Daquela o obxectivo era prexudicar a determinados países (Rusia e China) ou a persoas disidentes e caídas en desgraza dentro do sistema occidental (James Cameron, por exemplo) de tal maneira que os capitais depositados nos paraísos fiscais clásicos fosen directamente aos offshore terrestres de Estados Unidos (Delaware, por exemplo). Polo visto, non se trataba dunha denuncia altruísta de xornalistas independentes contra da fraude, senón dunha operación de bandeira falsa impulsada polo goberno norteamericano. 1984 deixou hai tempo de ser a ficción de pesadelo dun sistema onírico remoto. A denuncia masiva deste proxecto perverso e o debate nas redes é a mellor maneira de enfrontar ese pacto diabólico contra a humanidade.