A execución dunha pena privativa de liberdade implica a entrada do penado no universo carcerário, rexido polo Direito Penitenciário. Neste contexto nace a relación xurídica penitenciária, cualificada polo Tribunal Constitucional como unha “relación especial de  suxeición”, quer dicer, o interno ve modificado o seu estatus xeral de cidadán para adquirir unha posición de especial submetimento à Administración. Se ben a teoria das relacións especiais de suxeición non é aplicada únicamente aos reclusos, xa que tamén están unidos à Administración por esta clase de vínculos outros colectivos, como os militares ou os funcionários, non podemos negar a maior vulnerabilidade dos presos frente aos posíveis efeitos negativos das mesmas. Esta superior indefensión está fortemente vencellada à escasa, cando non nula, asisténcia xurídica con a que conta a nosa populación penitenciária à hora de relacionar-se con a Administración.
É o obxectivo das seguintes liñas demonstrar que esta situación de desamparo é contrária aos princípios dun Estado social e democrático de direito tal e como se autocualifica o Estado español.

A lei
O artigo 25 da Constitución, pedra angular do sistema penitenciário, estabelece que os penados continuan a gozar dos direitos fundamentais non afectados pola condena. Xa que logo, seguen a estar amparados polo direito à defensa nun proceso xudicial recollido no artigo 24.2 do texto constitucional. No mesmo sentido pronuncia-se a Regra 23 das Regras Penitenciárias Europeas e a  Disposición Adicional 5ª da Lei Orgánica do Poder Xudicial. Porén, as normas mencionadas só fan referéncia ao proceso xudicial, descoñecendo por completo que a primeira liña da actuación do Direito Penitenciário é a via administrativa. Non reparou o lexislador, como tantas veces, nas peculiaridades do Direito que rexe o dia a dia nos cárceres, e que fan que nos procedimentos que teñen lugar perante a Administración Penitenciária estexan en xogo aspectos vitais do indivíduo. A realidade é que cada vez que se resolve a clasificación nun determinado grau de tratamento, a aplicación dun concreto rexime penitenciário, a concesión ou denegación dun permiso, a imposición dunha sanción disciplinária, a obtención dun posto de traballo…etc., está-se a intervir poderosamente en todos e cada un dos aspectos da vida dun cidadán. Decide-se sobre sua liberdade ambulatória, xa que non é o mesmo desfrutar dun terceiro grau, no que se permiten saídas ao exterior, que estar clasificado en segundo grau no que o tempo de permanéncia no estabelecimento penitenciário é muito maior; sobre a posibilidade de relacionar-se con outras persoas ou permanecer até 23 horas diárias de soidadde nunha cela, como acontece na aplicación do primeiro grau ou na execución dunha sanción de isolamento; sobre o fortalecimento ou debilitamento dos seus lazos familiares; sobre as posibilidades que terá de encher o baleiro do tempo en prisión con actividades das que poda tirar proveito…etc. Perante a magnitude das consecuéncias que pode ter un simples acto administrativo é óbvio que o interesado deve contar con asesoramento legal antes de que a sua causa sexa examinada, xa en via xudiciária, polo Xuíz de Vixiláncia Penitenciária.

Consecuéncias práticas
 A maior parte dos internos dos Centros Penitenciários forman parte dos estratos sociais máis desfavorecidos, teñen falta ou insuficiéncia de meios económicos e non posuen un nível cultural mínimo que lles facilite por-se en contacto con os profisionais do Direito.  É certo que o ordenamento recolle a posibilidade de acederen à asisténcia xurídica gratuita, regulada na Lei 1/1996 que desenvole o disposto no art. 119 da Constituición, mais, como os procesos perante a Administración Penitenciária están, segundo o previsto na Lei Orgánica Xeral Penitenciária, dentro do cadro de procedimentos administrativos nos que non é preceptiva a intervención dun letrado, a persoa privada de liberdade carece da posibilidade de que se lle recoñeza o direito à gratuidade da asisténcia xurídica. Perante esta situación,  vários Coléxios de Advogados puxeron en marcha, non sen sérias dificuldades, os Servizos de Asisténcia Xurídica Penitenciária, que asumen a asesoramento legal do inteno nas suas relacións con a Administración Penitenciária. O pioneiro nesta tarefa foi o Coléxio de Advogados do Señorío de Biscaia, o seu exemplo foi estendendo-se a outros territórios, se ben dun xeito lento e con numerosas complicacións, principalmente económicas.
O panorama descrito até o momento fai xurdir a seguinte cuestión: pervive ainda, no subconsciente dos operadores xurídicos e do lexislador, a vella idea de que o recluso é un cidadán de segunda categoria que deve ver reducida à mínima expresión a defensa dos seus direitos máis elementares?