A actualidade política funciona a impulsos. A propósito das dúas salvaxes violacións en grupo ocorridas en poucos días, os voceiros da apocalipse non dubidan en proclamar a redución da idade penal. O peor disto é a extensión mediática de que aos menores “non lles pasa nada”, perversa conclusión que obvia a severidade dos tribunais dos menores e pode producir un efecto “chamada” macabro. Non van ao cárcere pero teñen castigo e necesitan terapia asistencial.

Para casos de violación protagonizados por adolescentes malamente se poden establecer prevencións reais e efectivas por incidir na parte máis escura da condición humana. A sociedade tampouco acaba de establecer defensas fronte aos violadores adultos. O feito de que estas violacións fosen en grupo, moi ao contrario das adultas, evidencia que a violencia e o machismo están inscritos na escala de valores dos rapaces. Iso non se cambia con leis, senón con educación e cultura da liberdade, da empatía e da solidariedade.

Mal camiño o de alterar as leis segundo a axenda mediática da actualidade.