Coma se dun mal soño se tratase, espertamos coa noticia dunha (nova) agresión dos corpos e forzas de seguranza do estado (neste caso, a Garda Civil) a un grupo de cidadás e cidadáns que se manifestaba pacíficamente en defensa da terra e do mar en Cangas.
Facendo un esquema simplón dos feitos, obtemos os seguintes datos:
a) 16 persoas son denunciadas e detidas (ademáis de agredidas) diante da vella fábrica de Massó en Cangas. Os motivos da súa detención son que exercen o dereito de manifestarse e a obligación moral de defender unha terra fronte as agresións especuladoras de empresas e entidades bancarias.
b) Arredor de 10 axentes da Garda Civil baten e deteñen 16 persoas diante da vella fábrica de Massó. O motivo da súa actuación é que cumpren ordes, e as ordes son ben explícitas: o seu labor é velar pola seguranza cidadá, a liberdade, a xustiza…
Para o estado e para a clase dirixente, a defensa ética e pacífica da Terra é un delito que debe ser castigado. Ese estado e esa clase dirixente que serven as grandes corporacións e entidades bancarias, que á súa vez só veneran o Deus Diñeiro. Ese estado e esa clase dirixente que utilizan os corpos e forzas de seguranza e os poñen ao mandato do poderoso Deus Diñeiro e os seus apóstolos no planeta Terra.
Para a cidadanía, a defensa dos recursos naturais é unha obrigación moral. Só pretenden dar voz á terra e ao mar, que non poden chorar polas feridas de dinamita ou os verquidos tóxicos na costa, nin berrar polas magulladuras da maquinaria pesada ou polo espolio dos montes. Mentres a Garda Civil bate nos corpos da cidadanía en Cangas, empresas e banca baten, golpean, zarandean, estoupan, esmagan e violan a xa agonizante Terra.
A destrucción do litoral en Cangas para a construcción dun porto deportivo na antiga fábrica de conservas de Massó non é máis ca outra expresión do aniquilamento e sometemento dos nosos espazos naturais. Marina Atlántica e Caixanova en Cangas; Reganosa en Mugardos; Ence en Pontevedra; Iberdrola en Santo Estevo (Cañóns do Sil); Cupire Padesa no Courel… e continúa unha interminable lista que desborda os límites da xeografía galega para cubrir de gris-destructor todos os recunchos do planeta.
Paradóxicamente, o estado e a clase dirixente, as grandes corporacións e a banca, chaman progreso á aniquilación de recursos, á destrucción, ao golpe de estado contra a natureza. Chaman democracia á utilización parcial de corpos policiais e militares para amordazar á cidadanía. Chaman xustiza ao encarceramento de civís, á burocracia que nunca resolve contra as barbaries medioambientais. Chaman liberdade á sumisión. Chamanlle Planeta Terra, pero en realidade só queren ver nela un monocultivo de billetes, onde nada ten importancia salvo o Deus Diñeiro, onde todo vale para continuar co crecemento económico atroz.
Nin é progreso, nin democracia, nin xustiza, nin liberdade… Trata de denunciar a inxustiza social e medioambiental que se leva a cabo con total impunidade e paralizar a destrucción do territorio non é un delito…