É un dos artigos máis polémicos da  Lei de Seguranza Cidadá e tamén un dos máis utilizados pola Policía. As “faltas de respecto e consideración” a membros das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado son o terceiro motivo polo que máis persoas foron sancionadas ao abrigo da Lei Mordaza desde a súa entrada en vigor: 22.627 multas entre xullo de 2015 e decembro de 2016.

 

Cada mes son tramitadas 1.257 denuncias, 41 ao día, por este motivo segundo os últimos datos publicados polo Ministerio do Interior no relatorio Actuacións en materia da seguranza cidadá  do ano pasado.

Agrupando todos os tipos de sanción, a Policía interpuxo 285.819 multas en aplicación da Lei Mordaza, desde a súa entrada en vigor o 1 de xullo de 2015. Os datos inclúen os expedientes sancionadores tramitados a través das delegacións e subdelegacións do Goberno, mais non aqueles que aínda non se elevaron ou que foron desestimados. Ademais, tampouco se incorporan os da Ertzaintza e os Mossos d’Esquadra, polo que as cifras de Cataluña e País Vasco están infrarrepresentadas.

As multas referidas como “faltas de respecto” constitúen o primeiro motivo referente a seguranza cidadá, xa que as sancións divídense entre estas e as relacionadas con drogas e armas e explosivos. De feito, “o consumo ou a tenencia ilícita de drogas” é, con diferenza, o primeiro motivo, con 193.000 multas, seguido de “portar, exhibir ou usar armas prohibidas”, con 31.200 multas.

Importe das multas tramitadas

O Estado arrecadou máis de 3 millóns, cunha media de 154 euros por sanción, polas multas relacionadas co artigo 37.4 da Lei Mordaza, que contempla como infracción leve -con sancións de 100 a 600 euros- “as faltas de respecto e consideración  cuxo destinatario sexa un membro das Forzas e Corpos de Seguranza no exercicio das súas funcións cando estas condutas non sexan constitutivas de infracción penal”

Un artigo que desde o principio foi duramente contestado pola “ambigüidade coa que está redactado”, de maneira que “é imposíbel saber que é falta de respecto e que non”, explica Mónica Hidalgo, portavoz do colectivo Non Somos Delito. Na súa opinión, que o articulado non defina os límites obxectivos do que é considerado ou non sancionábel converte a norma “nun caixón de xastre en que cabe todo e deixa a discreción do funcionario decidilo”, prosegue.

A Lei Mordaza pasou a castigar con sancións administrativas infraccións que antes da reforma de xullo de 2015 estaban contempladas no Código Penal, de forma que debían estar suxeitas a un procedemento xudicial. Esta norma “deixa sen garantías os cidadáns porque non é o mesmo poder defenderte ante un xuíz que que un funcionario decida subxetivamente o que el nese momento considera unha falta de respecto”, analiza a avogada especializada en Dereito Penal Isabel Elbal.

Unha situación que tamén denuncia  a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI), que retrata “a indefensión que se produce cando se inicia un expediente sancionador” porque, tal e como explica Hidalgo, “a Administración convértese en xuíz e parte, xa que propón a sanción e sanciona ao mesmo tempo”.

Ademais, a PDLI fai fincapé en que “se aplica a presunción de veracidade” do que di a Policía porque o artigo 52 da norma establece que a denuncia ou o atestado dos axentes constituirá “base suficiente para adoptar a resolución que proceda”, polo que o cidadán “vese obrigado a demostrar a falsidade dun relato policial, o que resulta, na práctica, imposíbel”, sostén a plataforma.

A pesar de que a Lei Mordaza rexistra máis de 40 tipos de infraccións, o 95% das sancións desde a súa entrada en vigor foron por só cinco motivos: consumo ou tenencia de drogas en lugares públicos (art. 36.16), portar, exhibir ou usar armas prohibidas (art. 36.10), faltas de respecto ás Forzas de Seguranza (art. 37.4), desobediencia ou resistencia á autoridade (art. 36.6) e causar desordes ou obstaculizar a vía pública (art. 36.3).

Melilla, a que máis sanciona

Por comunidades, a parte alta da táboa é ocupada por Melilla, con diferenza respecto das seguintes. Na cidade autónoma tramitáronse en 2016 453 sancións por cada 10.000 habitantes. Unha cifra afastada da Rioxa e Canarias, que son a segunda e terceira comunidade que máis multan coa Lei Mordaza con 146 e 138 multas por cada 10.000 cidadáns. Galiza, que ocupa o 9º lugar, tramitou 76 sancións cada 10.000 habitantes.

Mais información aquí.