Os feitos

Os feitos en que se fundamenta a acusación do fiscal contra estes funcionários tiveron lugar o 18 de Febreiro de 2003 no Centro Penitenciário de Monterroso, cando o internoMagdare Rabay solicitou a Mario Luís Martínez, xefe dos servizos médicos do centro, lle fose modificada a medicación que tiña pautada. Perante a negativa do facultativo, Magdare Rabay ameazou con autolesionar-se exibindo unha folla de uns catro centrímetros de lonxitude.

A requerimento do funcionário encarregado de levar os internos a consulta, Magdare Rabay acedeu a entregar a folla e foi conducido ao exterior da sala. Ali recolleron-no José Ramón Hidalgo Fernández e Joaquín Escudero Álvarez, ambos acusados agora pola fiscalia, que o introduciron na sala de curas ao tempo que, con o evidente propósito de evitar a presenza de testemuñas, ordenavan o resto das persoas que esperavan pasar consulta regresaren ao módulo.

Xa no interior da sala, os agora imputados deron orde a Magdare Rabay de despir-se e, cando estava completamente nu, mallaron nel até o facer perder o coñecimento. Ao recuperar a consciéncia, Magadare Rabay viu entrar na sala o próprio xefe dos servizos médicos, Mario Luís Martínez, que comezou a golpeá- lo encanto os outros funcionários o mantiñan imobilizado proferindo expresións como “te mato te mato, hijo de la gran puta, moro de mierda, musulmán de los cojones, todos sois terroristas integristas, fanáticos hijos de puta”.

Depois, vestido e alxemado, conduciron-no ao módulo de isolamento onde o obrigaron a despir-se novamente e, ainda alxemado, foi vítima mais unha vez de golpes, ameazas e tratamentos degradantes (vários funcionários orinaron sobre o seu corpo).

Sobre as 13’15 horas, os funcionários que agora se enfrentan a unha acusación de torturas, voltaron entrar na cela onde Magdare Rabay permanecia manietado e, cando este solicitou ser atendido das lesións que lle produciran os golpes, Mario Luís Martínez Martínez, non só lle negou calquer tipo de asisténcia médica senon que o ameazou de morte no caso de acudir solicitá- la à enfermaria.

O dia 25 de Febreiro, Julia Valles Martínez, médica do centro penitenciário, observou o estado en que se achava Magdare Rabay e, despois de consultar con outro facultativo do centro (Ricardo López Piloto) e diagnosticar as lesións que apresentava (“edema, dor à mobilización lateral e antero-posterior e deformidade do tabique nasal”), decidiu o seu transladado ao Complexo Hospitalário Xeral-Calde de Lugo para averiguar se existia fractura. O diagnóstico foi “contusión tabique nasal con fracturas de osos próprios sen desprazar e fechada”.