Con efeito, o Tribunal Constitucional resolveu en 1990 (sentenzas 120/1990, de 27/VI e 137/1990, de 7/VII) que, con diferenza ao que acontece con carácter xeral, a Administración ten un dever de prestación positiva de salvagarda da vida dun recluso, mesmo que este renuncie voluntariamente à mesma. Esa consideración diverxe do aplicável à realidade extra-penitenciária, xa que nela non existe unha obriga, nen individual nen institucional (incluído o ámbito médico-hospitalário), de evitar coactivamente a morte dunha persoa que decide pór fin à sua vida. Na opinión do TC, a fundamentación desa diverxéncia non reside tanto na obriga legal de salvagarda da vida e a saúde dos reclusos por parte da Administración penitenciária, prevista no art. 3.4 L.O. Xeral Penitenciária, canto na existéncia entre preso e Estado dunha relación de suxeición especial.

Paradoxalmente, con esas discutíveis –e discutidas- resolucións, o Estado (auto-)impuxo-se o dever absoluto de salvagardar a vida e a saúde do recluso de Juana e isto socava definitivamente os eventuais alicerces xurídicos da resolución da Audiéncia Nacional.

As sentenzas do TC intensificaron tanto o dever do Estado de salvagarda da vida e da saúde dos reclusos que nun momento en que ese Estado xa non pode seguir garantindo eses direitos, como constata o relatório forense, a única medida posível é o levantamento da prisión provisória (que ten, aliás, neste cas, escasa lexitimación legal).