Argumentan os denunciantes que entre as condutas penadas como crime de lesa humanidade recollidas no Código Penal (o art. 607bis.2) son aplicáveis a este caso aquelas que se referen a quen “causar a morte de algunha persoa” (art. 607bis.2.1.), quen “detiver algunha persoa e se negar a recoñecer esa privación de liberdade ou a dar razón da sorte ou paradeiro da persoa detida” (607bis.2.6), quen “detiver outro, privando-o da liberdade, con infracción das normas internacionais sobre a detención (607bis.2.7); quen “cometer tortura grave sobre persoas que estiveron sob a sua custódia ou controlo” (607bis.2.8). Condutas todas elas cometidas, en opinón dos denunciantes, polo Sr. Rumsfeld como parte dun ataque xeneralizado contra a populación civil do Iraque.

Tamén consideran acreditada, conforme ao exposto nos feitos da denúncia, a comisión de “Delitos contra as persoas en caso de conflito armado”.

O art. 611 CP castiga no seu apartado 1 –afirman- quen, con ocasión dun conflito armado, “realizar ou ordenar realizar ataques indiscriminados ou excesivos ou fixer obxecto a populación civil de ataques, represálias ou actos ou ameazas de violéncia cuxa finalidade principal sexa a aterrar”, e no apartado 9 quen “impedir ou demorar, inxustificadamente, a liberación ou a repatriación de prisioneiros de guerra ou de persoas civis”.

Por outra parte, argumentan os denunciantes, “o art. 609 CP castiga quen, con ocasión dun conflito armado maltratar de obra ou puxer en grave perigo a vida, a saúde ou a integridade de calquer persoa protexida ou a fixer obxecto de tortura ou tratamentos desumanos.”

Pode ler-se aqui o texto íntegro da denúncia.