Jorge del Cura é un histórico da loita contra a tortura e pola dignidade dos presos no Estado español. A súa mobilización política arrinca coa execución de Salvador Puig Antich en Barcelona, no ano 1974, condenado a garrote vil pola morte dun policía nun xuízo militar irregular e sen garantías. Con vinte e cinco anos Puig Antich convertíase na vítima expiatoria coa que o réxime franquista quería amosar firmeza nun momento en que estaba ferido polo asasinato de Carrero Blanco. “Despois virían os fusilamentos do ano 75, a loita pola amnistía do ano 77 e a loita da Copel”, a Coordinadora dos Presos en Loita, que traballou pola dignidade e visibilizou a situación dos reclusos, convertidos en man de obra barata nos talleres das cadeas españolas. Jorge del Cura atópase hoxe á fronte da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura: “Nos anos 80 comeza a non ser interesante falar de tortura, a xente prefire ocuparse doutras cuestións, e é entón cando se fai patente a n

ecesidade de establecer organismos que nos dediquemos expresamente a isto, porque non podemos perder ningún compañeiro nesta batalla”.

Máis de 600 persoas denunciaron en 2009 ser vítimas de torturas e malos tratos en España en situacións de privación de liberdade ou cando eran detidas por parte das Forzas de Seguridade do Estado, funcionarios de prisións e outros encargados da súa custodia. Así se recolle no informe sobre A tortura no Estado español relativo ao ano pasado presentado o venres con motivo do día internacional contra a lacra.

En concreto, 624 persoas denunciaron sufrir agresións e malos tratos en 242 situacións ocorridas en 2009, algunha das cales acumulou 150 denuncias, como a que tivo lugar en Barcelona o pasado mes de marzo contra a actuación dos Mossos d’Esquadra por parte dos estudantes contra o Plan de Boloña.

Por comunidades é Cataluña a que ocupa o primeiro lugar en número de denuncias (215), seguida do País Vasco (104), Madrid (103), Andalucía (81) e Galiza (47), mentres que as que menos tiveron foron A Rioxa, única na que non se rexistrou ningún caso; Murcia (1), Melilla e Cantabria e Asturias (3).

En canto aos funcionarios denunciados, os do Corpo Nacional de Policía acumulan 197; os Mossos, 190; a Policía Local, 64; os funcionarios de prisións, 65; a Ertzaintza, 46, e a Garda Civil, 43.

Cando viñeron por min

“Primeiro apresaron os comunistas, e non dixen nada porque eu non era comunista. Logo levaron os xudeus, e non dixen nada porque eu non era xudeu. Logo viñeron polos obreiros,e non dixen nada porque non era nin obreiro nin sindicalista. Despois metéronse cos católicos, e non dixen nada porque eu era protestante. Cando finalmente viñeron por min, xa non quedaba ninguén para protestar”.

Bertolt Brecht

Aos que se pregunten: Por que a policía debe aplicarlle os dereitos humanos a quen non os aplica na súa vida como cidadán, que lles diría?

Que a deshumanización dos inimigos é unha estratexia moi perigosa e que xa aplicou Hitler. No momento que permites que se poida valorar están a abrir a caixa de Pandora. Se abres a caixa dos horrores será moi difícil pechala. Todo ser humano, con independencia do que cometese, ten dereito a non ser obxecto de tortura. É algo que non admite matices, porque no momento en que abras esa espita, non hai modo de controlalo. Ademais, se admites isto, están aceptando que mañá sexas ti o torturado.

Quen tortura en España?

Todos os colectivos encargados da custodia de persoas privadas de liberdade foron nalgún momento denunciados e condenados. Tamén se producen moitos casos de agresións no momento da detención, na rúa, en escampados aos que se trasladou ilegalmente algunhas persoas detidas antes de seren levadas ás comisarías, así como nos vehículos policiais.

Quen facilita que iso se siga producindo son os propios mandos?

Hai varias circunstancias. Por unha parte existe unha importantísima carencia de formación en dereitos humanos dos policías, dos funcionarios de prisións…, e tamén da propia sociedade. Por outra, son colectivos moi pechados e cun fortísimo sentido de corporativismo. O número de agresores queremos crer que é unha minoría e, non obstante, a inmensa maioría ampáraos e xustifícaos. Por outra banda, as campañas de inseguridade cidadá xeran a idea de que o inimigo non ten dereitos, de que hai que ser duro.

Parécelle que iso acontece aquí?

Houbo un retroceso brutal en toda Europa. A última enquisa sobre percepción da tortura no Estado español falaba dun 30% de españois que apoian a tortura en caso de terrorismo. Máis do 40% da mocidade española é partidaria da pena de morte. Cando o presidente do goberno presume de que o Código penal da democracia é máis duro que o da ditadura e se alenta a limpar as rúas é imposíbel que os funcionarios non respondan a esas incitacións. Sempre que se pide eficacia, por exemplo, no cumprimento das ordenanzas cívicas, aparece a violencia policial. Tamén os xuíces colaboran coa situación cando son partidarios de que o detido declare en comisaría porque alí os presionan máis, pero un detido ten dereito a non declarar e se existe ese dereito hai que respectalo. Haberá que investigar os feitos por outras vías.

En que posición se atopa o Estado español respecto a outros? Hai algún país que lograse erradicar a tortura?

Non, a tortura practícase en todos os países.

O ser humano é por natureza torturador?

É algo realmente lamentábel. Pero para iso están as convencións de dereitos humanos e as leis. O Estado español atópase nun nivel medio respecto ao resto de Europa, o cal tampouco deixa en moi bo lugar a Europa. O que acontece é que só aquí existen asociacións dedicadas especificamente a loitar contra a tortura.

O seu informe denuncia dúas torturas diarias.

No informe recóllense 624 denuncias individualizadas, pero hai outras cento noventa e nove denuncias das que temos coñecementos e que cremos que son reais que non se inclúen porque as persoas denunciantes ou non nos mandaron toda a información necesaria ou pediron expresamente que non se incluíse o seu caso en ningún informe por medo a posíbeis represalias. Por iso, estamos a falar de oitocentas e pico denuncias coñecidas no ano 2009. Hai que ter en conta que hai sectores como os inmigrantes e como pequenos delincuentres ou presos en segundo grao que non denuncian nunca as agresións sufridas e que posibelmente sexan os sectores que máis veces son agredidos.

Cando fala de agresións a inmigrantes imaxinamos que se refire tamén a aquelas que acontecen nos centros de internamento de emigrantes (CIE), cuxa situación denunciaron reiteradamente o Foro Galego de Inmigración, SOS Racismo, Médicos do Mundo ou Ferrocarril Clandestino. Mellorou algo a situación?

No informe recollemos situacións concretas no CIE de Madrid, no de Valencia ou no de Barcelona, onde houbo agresións. O acceso é moi limitado, a inmensa maioría non vai denunciar. O único punto positivo é que, malia todas as dificultades, cento tres persoas atrevéronse a denunciar o ano pasado a situación. Aínda hai xente que defende a dignidade do xénero humano e é moi valente e importante pola súa parte.

Cal é o perfil do denunciante?

As persoas que máis agresións sofren son aquelas que adoitan non denunciar, como diciamos antes. O 50% dos denunciantes son activistas, persoas moi concienciadas e adoitan ter, pola súa condición de pertenza a ONG ou movementos cívicos, facilidade, asesoramento, etc. para presentar a denuncia. Non son os máis agredidos e iso reflicte o descontrol entre a realidade e o que reflicten os informes, porque os máis agredidos son os máis vulnerábeis os que menos capacidade teñen de acceso á asistencia letrada. En Madrid sabemos que se producen moitas agresións a persoas sen teito e que nunca acaban denunciando. Despois hai 45 persoas que denuncian que foron torturadas cando estaban detidas en rexime de incomunicación, por pertenza a  banda armada. Tamén hai dous sectores chamativos: unha é a de xente nova que foi agredida na súa participación no botellón ou en celebracións de victorias deportivas en cidades onde se desenvolveron ordenanzas cívicas. Este sector vai a máis ano tras ano. Despois hai outro número significativo de persoas que van a comisaría a presentar unha denuncia  por algún motivo e protestan polo trato recibido ou pola demora e acaban sendo agredidas polos policías. Practicamente todos os cidadáns estamos expostos a que nos aconteza.

Como se demostra? As cámaras nas comisarías son a solución?

As cámaras de vixilancia axudarían. A primeira vez que se trataron nas comisarías da Ertzaintza ou dos Mossos d’esquadra produciuse unha disminución de agresións dentro de comisaría. Pero as cámaras non cobren todos os espectros da comisaría, hai zonas onde non se poden instalar, como nos servicios ou nas zonas de cacheo. É aí onde agora se están a producir as agresións. O importante é que exista a vontade real de empregalas, porque se os responsábeis de custodiar e de remitir ao xulgado as gravacións son os propios axentes, traerá problemas. Ademais, ten que existir un protocolo real para que esas gravacións non se destrúan, porque o habitual é que se volva gravar por riba, polo que cando o xulgado reclama as imaxes, borráronse, desapareceron… Isto non está resolto.

Quen investiga estas torturas?

Os delitos de tortura deberían ser investigados por xuíces e fiscais, que deben, por imperativo legal, actuar rápida e eficazmente ante calquera indicio de tortura ou malos tratos. Por desgraza, como denunciaron reiteradamente os organismos internacionais de Dereitos Humanos, por exemplo o Comité Europeo para a Prevención da Tortura no último informe publicado sobre o Estado español, a actuación de xuíces e fiscais contra a tortura deixa moito que desexar. De feito o Estado español foi condenado tanto polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo como polo Comité Contra a Tortura da ONU e o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, por non investigar suficientemente as denuncias por tortura, ou por atraso inaceptábel nas investigacións destes delitos.