A finais deste mes partirá para Gaza a II Flotilla da Liberdade con axuda

humanitária e o propósito de furar o bloqueo da Faixa.Este ano a plataforma
Rumbo a Gaza participará con un buque (Gernika) en que viaxarán activistas procedentes de diferentes lugares do estado español. Galiza estará presente con unha delegación de cinco persoas, entre elas Fernando Blanco Arce, presidente do noso observatório.

EsCULcAEsCULcA participa activamente na plataforma BDS-Galiza, que promove no noso país a campaña global de Boicote, Desinvestimento e Sancións a Israel e organiza a campaña galega da II Flotilla da Liberdade. Como devemos interpretar este interese pola situación do povo palestino?


Fernando Blanco
: Non sei se a “cuestión palestina” é a maior cuestión ética hoxe , como afirmou Mandela, porque semellaria  inxusto priorizar  as inxustizas do noso mundo. Mais a violéncia exercida a cotio polo Estado de Israel sobre a populacion palestina non permite equidistáncias ou indeferenzas. Dese convencimento nasce a campaña BDS a nivel mundial, que , xunto con outros  colectivos, é impulsada na nosa terra por EsCULcA porque, e pode semellar unha  resposta formal, estaturariamente temos como obriga a defensa dos direitos fundamentais e liberdades das persoas. E hoxe os direitos fundamentais , comezando polo direito a vida , da populación palestina, son violados impunemente. A resposta deve ser global e deve ser desde Galiza.

E.:  Cal é o sentido e a relación de estas duas iniciativas internacionais, a campaña de BDS a Israel e o envio de axuda humanitária à Faixa de Gaza nesta II Flotilla?

F.B.: Son campañas que parten do convencimento da necesidade de que sociedade civil de  un paso adiante na busca dunha solución xusta à situación de Palestina, perante a pasividade de governos e organizacións internacionais. Iso une as duas campañas.  BDS pretende, por meio dun esforzo sostido e dilatado e por meio da promoción do Boicote, Desinvestimento e Sancións contra Israel, que o estado sionista respeite os Princípios Universais de Direitos Humanos e as Resolucións de NN.UU de cara à  tan citada solución xusta da situación en Palestina , como no seu momento se desenvolveu una campaña semellante frente ao estado racista de África do Sul e a sua política de apartheid.  A campaña Rumbo a Gaza-II Flotilla  da Liberdade é unha iniciativa non violenta cuxo obxectivo é pór en marcha un comboio de barcos para romper e pór fin ao bloqueo a que Israel submete a Faixa de Gaza desde o ano 2006.

E.: Que fundamento legal ten o bloqueo?

O bloqueo a Gaza, alén de desprecível éticamente , carece de fundamento legal algun e está baseado unicamente na ocupación militar dos territorios palestinos. O Estado sionista  de Israel submete desde 2006 a Faixa  a un bloqueo terra, mar e ar. Este bloqueo foi cualificado como ilegal por Nacións Unidas, Estados Unidos, a Unión Europea e polas principais axencias e organizacións internacionais (como Amnistía Internacional ou Cruz Vermella). Máis de millón e medio de persoas sofren este castigo colectivo. Gaza é hoxe un imenso campo de concentración, un enorme gueto. O bloqueo ten empobrecido enormemente a populación de  Gaza: o 80% dos seus habitantes depende da axuda humanitária para a sua alimentación; o 70% das famílias sobrevive con menos dun euro ao dia; o 50% da populación activa está desempregada. O Exército de Israel submete a populación, indefensa e sen un exército regular que a protexa, a devastadores ataques: 500 persoas asasinadas en 2006 na Operación Chuiva de Verán; perto de 1.500 persoas asasinadas –delas 400 nenos e nenas– na Operación Chumbo Derretido de decembro de 2008 e xaneiro de 2009; 80 persoas asasinadas o pasado ano 2010; preto de 40 nestes primeiros meses de 2011.

E.: Para xustificar a sua oposición à entrada por mar de axuda humanitária à Faixa, Israel argumenta que esta axuda pode chegar por terra sem problema algun.

As diversas iniciativas civis que tentaron introducir esta axuda por terra e foron bloquedas polo exército israelita abondaria para desmentir tal aserto.  Mais , con a fria obxectividade dos dados, non devemos esquecer que as restricións impostas por Israel ao movimento e aceso da axuda humanitaria internacional ao Territorio Palestino Ocupado están custando máis de 3,2 millóns de euros ao ano segundo un informe da Asociación de Axencias Internacionais de Desenvolvemento (AIDA polas suas siglas en inglés).
Asi mesmo, cada mes, as ONG que traballan no Territorio Palestino Ocupado gastan 375.000 dólares (255.000 euros) para superar as restricións israelitas ao movimento e aceso à axuda humanitaria. E quen paga este incremento no custo anual de 4,5 millóns de dólares (3,2 millóns de euros) son as populacións dos  Territórios Palestinos Ocupados. toda esta información está documentada no informe de AIDA, unha coalición de 84 organizacións internacionais de axuda e desenvolvemento entre as que figuran as ONGs españolas Acción contra o Fame, IntermónOxfam, Médicos do Mundo, MPDL, Movimento pola Paz, HelpAge International España e Solidariedade Internacional.

Con un de cada catro habitantes dos Territórios Ocupados vivendo por baixo do limiar da pobreza, as organizacións que elaboraron o informe aseguran que estas restricións isolan ainda máis as comunidades que precisan axuda urxente e que o custo desta infámia recai sobretodo nas persoas mais vulneráveis.

As organizacións humanitarias aseguran que os impedimentos para acederen à denominada Zona Seamou limite (como se denomina a área militar entre a Liña Verde e o Muro) e às comunidades beduínas e pastoras do val do Xordán e o sul de Hebrón, fan que esta populacións sexan tan vulneráveis como a de Gaza. Poñen como exemplo a imposibilidade de conseguir permiso para que membros de AIDA podan entrar durante un par de horas a avaliar as necesidades da comunidade de unha localidade de Barta (en zona Seamouo), onde 3.600 persoas viven  rodeadas por un valo eléctrico.


E.: Como interpretas as presións de Israel aos governos ocidentais para que impidan a saída dos barcos, carga e activistas da Flotilla.

F.B.: Como unha manifestacion da preocupación do estado de Israel e mesmo dos seus poderes económicos pola movilización global de iniciativas como a segunda flotilla ou propia BDS. O temor de Israel a ser a nova África do Sul plasma-se nestas presións. E non deve esquecer-se que os nosos governos se submeten a elas. Efectivos dos corpos e forzas de seguranza do Estado seguiron membros de Rumbo a Gaza, vixiaron e controlaron charlas, conferéncias e actos públicos organizados pola plataforma, levaron a cabo retencións e rexistos arbitrarios en plena vía pública dos seus membros, etc.

E.: E a reacción dos governos europeus?

Obviamente , e falando do goveno español, as devanditas actuacións policiais mostran a sintonia con a posición do governo israelita de obstaculizar a campaña Rumbo a Gaza, apesar de ser unha iniciativa perfeitamente legal e transparente. Toda a información sobre a campaña está disponível na páxina web da plataforma (www.rumboagaza.org).  Por outra banda, os postulados da campaña coinciden con a posición oficial do Governo español de respeito à legalidade internacional, defensa dos Direitos Humanos e denúncia da ilegalidade do bloqueo à Faixa de Gaza. Xa que logo, deveria apoiar a campaña en vez de criminalizá-la.

E.: Como responde a opinión pública galega à situación de Palestina e à participación de unha delegación na II Flotilla?

Cando se produciu a operación Chumbo Derretido en 2008-2009 ou o ataque à I Flotilla da Liberdade en maio de 2010, en Galiza houvo importantes manifestacións de rexeitamento das agresións sionistas e de solidariedade con o povo palestino. Por outra parte, cando ainda non hai un mes que BDS-Galiza comezou a recollida de asinaturas, son xa perto de 1500 os galegos e galegas que demandan do governo español a protección da integridade física e seguranza das persoas que embarcarán na flotilla.

Institucionalmente , o BNG apresentou unha proposición non de lei para que o Parlamento Galego inste as autoridades españolas a tomar medidas de protección. No Congreso, Francisco Jorquera –deputado do BNG– apresentou unha iniciativa en que preguntava ao Governo se pensava tomar algunha medida e coñecía o risco que corren as persoas que participan na flotilla.

Para nós, a verdadeira importancia desta campaña non reside na participación de activistas galegos na flotilla , senón na resposta da sociedade galega frente à posível agresión sionista contra esta iniciativa internacional  e contra a agresión permanente que sofre o povo palestino.