Risa Cribeiro: De un tempo a esta parte, é frecuente ver membros de EsCULcA observando o desenvolvimento de actos reivindicativos convocados no espazo público. A que responde esta presenza?

Yolanda Ferreiro: Desde hai xa tempo, EsCULcA ven constatando que o seu lavor como Observatório de Direitos e Liberdades crece dia a dia. Vivemos un tempo en que as liberdades públicas e os direitos fundamentais sofren un retroceso constante pola acción dos poderes públicos e, como consecuéncia, aumenta a vulneración de direitos por parte das forzas e corpos de seguranza, en especial en concentracións, manifestacións ou marchas de protesta. Daí que desde o ano pasado EsCULcA se propuxese ampliar o ámbito en que viña actuando e comezase a enviar grupos de observadoras e observadores a aqueles lugares e momentos en que se celebran actos, que, polo que pudemos comprovar, resultan  particularmente sensíveis à vulneración de direitos.


R.C.: Unha vez realizado o lavor de observación, que fai EsCULcA con os dados recollidos?

Y.F.: Cando os membros de EsCULcA concluen a tarefa de observación directa proceden a formular os seus resumos particulares que posteriormente son contrastados e postos en comun para elaborar o relatório completo de todas as incidéncias detectadas, desde a habitual falta de identificación dos axentes policiais que interveñen no operativo –habitual mesmo nos casos nos en que esa identificación lles é requerida polos membros actuantes de EsCULcA- ou a eventual desproporcionalidade dos efectivos policiais en relación con o número e atitude das persoas que participan nos actos, até violacións mais graves como pode ser a agresión e/ou detención inxustificada de persoas. En relación a este tipo de actuación, é importante salientar unha prática mui preocupante que se repete ultimamente en todo o territorio do estado español: os excesos de forza nas detencións inxustificadas conlevan de maneira case automática, e paradoxalmente, a denúncia posterior por parte dos axentes da persoa detida, a que acusan de un delito de atentado ou desobediencia. Por outra parte, e tamén de forma crecente e non menos preocupante, pratica-se a incoación de expedientes sancionadores aos partipantes neste tipo de actos de protesta, nun claro exemplo de represión da disidencia.

R.C.: Estes grupos de observación de EsCULcA son equiparáveis aos legal teams que actuan no resto de Europa?

Y.F.: Nun primeiro momento, podería-se pensar, efectivamente, que obeceden ao mesmo obxetivo e até poderian confundir-se , mais o fin é parcialmente diferente e daí o seu nome (“equipas de observación”). A primeira diferenza reside en que os membros das equipas de observación non están formadas unicamente por advogados ou advogadas. Calquer membro de ESCULCA, independentemente de cal sexa a sua profesión, pode formar parte destas equipas e iso porque o lavor principal é “observar” a actuación das forzas e corpos de seguranza en relación con o respeito e posível vulneración de direitos e liberdades e só en casos excepcionais poden ademais oferecer asesoramento a persoas agredidas polos axentes. O obxetivo é constatar directamente se se producen vulneracións de direitos e liberdades de persoas que participan en actos políticos que se desenvolven en espazos públicos, sendo de vital importáncia para nós a elaboración dos relatórios que despois son enviados a organismos e instituicións nacionais e internacionais.

R.C.: Como valora EsCULcA o resultado deste traballo?

Y.F.: Claramente mui positivo. Por unha banda, cremos que a actuación desenvolvida no que vai de ano contribuiu a consolidar o lavor destas equipes e constatamos que as persoas que participan nos actos agradecen ese lavor independente. Por outra banda, ainda levando pouco tempo e sendo experiencia pioneira no noso pais, comezamos a ver xa o eco deste traballo en publicacións de observatórios europeus como, por exemplo, Statewatch. Resta muito por facer, nomeadamente con as forzas e corpos de seguranza, que non están acostumados a que observadores e observadoras independentes tomen nota das suas actuacións irregulares. E, sobretodo, resta muito traballo por fazer con os poderes públicos, responsáveis en última instáncia de que as cargas policiais sexan cada dia mais duras e abusivas. O tempo en que o noso lavor deixará de ser necesario, tristemente, non parece estar próximo.

Yolanda Ferreiro Novo é advogada e Vice-Presidenta de EsCULcA.