Recentemente, Chicha Martínez, compañeira na BDS-Galiza i en COSAL-Costa da Morte, pasou quince días por terras palestinas xunto a outros catro amigos, Javier Turnes, Ubaldo Cerqueiro, Rafael Poncela e Alberto Pagán. Chicha falanos do que alí puido ver e comprobar de primeira mao.

Cal foi o obxectivo da vosa visita?

Queriamos ver, coñecer no terreo aquelas situacións que coñeciamos de lonxe. Vivir por uns días o que a ocupación conleva no cotiá.

Ate que ponto palpaches o acoso cotiá á poboación palestina?

Poderías visitar Xerusalén sen chegar a te decatar dalgúns aspectos da ocupación, pois o sionismo é moi bo ocultando información e manexándoa segundo lle convén. Mais o acoso está por todas partes: estás rodeada de exército armado até os dentes por todas partes (entras así no país, aeroporto, estación de autobuses, transportes, …) , hai lugares limitados por relixións (musulmáns non pasan, ou só pasan musulmáns, baixo control israelí), os desprazamentos son por lugares diferentes e condicións diferentes (estradas e nalgúns casos rúas segregadas para palestinas/israelís, checkpoints taméns diferenciados, …), en cada recuncho hai bandeiras sionistas, mais a bandeira palestina é ilegal na maior parte dos lugares, e un longo etc.

Qué actitude tivo a poboación israelí e o exército con vós?.

O exército está sempre ameazante, mais sen amosar emocións: repiten as ordes e mais o discurso que teñen para cada momento, e non saen de aí, nen permiten que ninguén saia. Non tivemos problemas porque non llelos demos.

En canto á poboación israelí, pois houbo un pouco de todo. En Xerusalén a poboación xudía máis relixiosa (ortodoxa ou ultraortodoxa) tenta amosar que non es benvida coa indiferenza total (non cruzan nen a ollada), ou o desprezo. O resto da xente israelí en xeral tamén amosa indiferenza, non contestando nen mirando cando preguntas, mais tamén houbo persoas amábeis nas indicacións e mais na conversa. E un aparte son as persoas israelís que traballan en organizacións con palestinas para defender os dereitos destas e rematar coa ocupación actual.  Neste caso o recibimento e mais o trato foi calososo.

Nótase o labor dos internacionais dentro dos territorios ocupados?

Nótase porque é importante. Hai  labores que non sempre poden facer israelís nen palestin@s, porque é ilegal para el@s e arriscan moito, e que realizan internacionais: presenza nas casas en grave risco de ocupación cando @s propietari@s teñen que saír (Sheik Jarrah, por exemplo), acompañamento a escolares para evitar as agresións d@s habitantes dos asentamentos, acompañamento a labreg@s, polo mesmo motivo, asesoramento en cuestións legais, participación en actos de resistencia pacífica ou de protesta, … Ademais, a gravación e difusión das actividades nas que se participa é de vital importancia para contrarrestar as informacións falseadas do sionismo. É fundamental que vaiamos e contemos.

Tivestes entrevistas con asociaciós de mulleres. ¿Cómo ves en concreto o papel da muller dentro da loita do pobo palestino?

Anque tivemos entrevistas cunha organización (RWDS: rural women developmento society), realmente foi difícil falar con mulleres, o cal xa é un sinal en si mesmo. A muller semella moi vinculada ao espazo do privado. Sen embargo, a resistencia trabállase no día a día e mais na actitude ante cada situación de acoso, e aí as mulleres están a xogar un papel moi destacado: non calan, cuestionan as limitacións impostas, maniféstanse, …

Os nenos non coñecen máis realidade que a ocupación. ¿Cómo viven esta sitación?

Con normalidade aparente: medran sabendo que hai que pasar controis, que ás veces non se poden pasar, que hai humillacións continuas, que hai medo, incluso dentro das casas.  Mais ter todo iso integrado no cotiá leva a consecuencias psicolóxicas que, por exemplo no Campo de Refuxiados de Balata, dicían están agora mesmo ao límite, aflorando coa mesma violencia coa que a Segunda Intifada tratou á poboación.  Botaron moitas noites, por exemplo, agardando a que unha luz verde, que dende o control militar dun cumio cercano movían iluminando os tellados, non parase no seu, porque era o sinal para a aviación bombardear a casa na que se detiña. Tras tanto e tanto sufrimento, é incríbel a capacidade para manter o sorriso, e para brincar, inda nas peores situacións, mais medrar nas condicións nas que o están a facer pasa e pasará factura ás crianzas.

Falaches cunha asociación de defensa dos presos políticos. Qué posibilidades teñen de loitar polos dereitos deste colectivo? Qué puideches coñecer das condicións dos centros de detención?

Addameer fai un traballo impresionante, pois é a onde poden acudir @s palestin@s cando hai unha detención administrativa ou irregular por parte de Israel, e tamén da Autoridade Palestina nalgúns casos. As condicións deste tipo de detencións son totalmente irregulares dende o punto de vista legal: sen cargos, sen xuízo, tardan días en ter acceso á defensa, a defensa non accede ás supostas probas contra os cardos descoñecidos, … E mentres, están entre a poboación reclusa ou, nos casos máis graves, en réxime de illamento. A comida, as condicións hixiénicas e de acceso a coidados sanitarios, son moi malas, nen sequera sempre entenden o que lles din, …

Cales son as sensacións coas que voltades a casa?

Viaxamos cinco persoas, de diferentes idades, traxectorias e ideoloxía política (dende a máis esquerda á máis dereita), incluíndo quen non  tiña totalmente clara o seu posicionamento ante o  pobo palestino nen ante Israel. Mais isto non é unha cuestión política, nen relixiosa, e iso quedou moi claro para todas: trátase dun proxecto perverso, implacabelmente levado á práctica,  que pretende eliminar un pobo para ocupar o seu territorio. Quen é persoa e presencia tal estratexia non pode máis que ficar comprometida con Palestina e mais o sufrimento da súa xente. Así que as diferenzas iniciais non importaron. Voltamos cunha indignación tremenda, unha tristura fonda, e unha dor infinita; mais tamén coa admiración eterna por unha poboación que non perde a afabilidade nen o sorriso, e pola súa capacidade de resistencia. E coa determinación de non esquecer, e de contar. E de traballar no que poidamos para que o pobo palestino poida vivir na súa terra decidindo o seu presente e mais o seu futuro en liberdade.

Categories: Colectivo
Tags: