O obxectivo da Axéncia será proporcionar às instituicións, órgaos, oficinas e axéncias competentes da Comunidade e aos Estados membros, cando aplicaren o Direito comunitário, axuda e asesoramento sobre os direitos fundamentais, con a finalidade de os axudar a os respeitaren plenamente cando adoptaren medidas ou estabeleceren liñas de actuación nas esferas das suas competéncias respectivas.

Entre as tarefas que desenvolverá a Axéncia para conseguir o obxectivo proposto, destacan as seguintes:

recompilar, rexistar, analisar e difundir dados e informacións obxectivas e fiáveis, que podan comparar-se, sobre a situación dos direitos fundamentais;

realizar ou fomentar investigacións e traballos cientítificos, temáticos ou monográficos sobre os direitos fundamentais;

organizar nos Estados membros conferéncias, seminários, debates e traballos semellantes nesta matéria;

cooperar con organismos e organizacións non governamentais, competentes ou dedicadas ao traballo en direitos fundamentais, respectivamente;

emitir opinións perante as instituicións da Comunidade, cando estas aplicaren o Direito comunitário;

facer un relatório anual sobre a situación dos direitos fundamentais.

Xeograficamente, as suas tarefas estenderán-se ao território dos actuais Estados membros, ao dos Estados candidatos a se integraren na Unión e ao de Estados terceiros que teñan acordos de asociación con a UE e que incluan, neses acordos, cláusulas de respeito aos direitos fundamentais ou direitos humanos.

Con o obxectivo de traballar en estreito contacto con os cidadáns, a Axéncia contará no seu seo con unha plataforma de ONGs e asociacións dedicadas aos direitos fundamentais e con expertos na matéria.

Eivas importantes

De entrada, a posta en marcha da iniciativa merece unha favorável acollida de asociacións como EsCULcA que traballan con o mesmo obxectivo. Mesmo ven ser unha oportunidade e ferramenta en que poder participar para consegui-lo. Mais convén salientar o que nos parecen limitacións importantes na sua actuación.

No que toca ao traballo con as instituicións, a sua incidéncia queda limitada a un campo estrito: cando aquelas, sexan da Unión ou dos Estados membros, “aplicaren o Direito comunitário”, isto é, cando desenvolveren ou aplicaren o Tratado da Unión, Directivas, Regulamentos e outras decisións próprias. Non se estende pois à actuación dos Estados membros cando estes lexislaren ou aplicaren o direito e políticas nacionais próprias.

Hai ademais un couto fechado no que a Axéncia non pode entrar. Trata-se do campo ou área da cooperación policial e xudicial entre os Estados, o chamado no argot comunitário “o terceiro pilar” da Unión, no que se veñen adoptando grande número de medidas. De feito, esta é unha área na que as medidas afectan mui forte e extensamente a direitos fundamentais básicos, como o direito de liberdade, intimidade, protección de dados, proceso con garantias, etc., e no que a violación destes direitos está en situación de maior risco e maior segredo. Salientamos esta limitación con palabras contidas no Relatório do CES (Consello Económico Social, europeu) ao proxecto de Axéncia:

O Comité recoñece a necesidade de estabelecer un equilíbrio adecuado entre a seguranza, en particular as medidas antiterroristas, e mais a protección e promoción dos direitos e liberdades dentro da Unión. Como consecuéncia do 11 de Setembro e dos mais recentes atentados con bomba en Madrid e Londres, os direitos humanos e as liberdades fundamentais poden ser postos en entredito por algunhas das novas medidas antiterroristas adoptadas polos Estados membros. Non obstante, unha das mais grandes debilidades da cooperación europea en matéria de seguranza é o feito de que estas políticas continuan estando fora do cadro comunitário, sendo desenvolvidas principalmente baixo o método intergovernamental (terceiro pilar da UE). O papel da Unión Europea é consecuentemente mui limitado. A exclusión do Parlamento Europeu e do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas provoca unha falta de transparéncia no proceso de decisión. Estender as funcións da Axéncia Europea de Direitos Fundamentais sobre aspectos relativos ao terceiro pilar da UE (Título VI do TUE), suporia un elemento chave para salvaguardar o equilíbrio adecuado entre liberdade, seguranza e xustiza nas políticas desenvolvidas pola Unión”.

Esta trascendente limitación ten unha explicación, e claramente manifestada. No tramo final da negociación Reino Unido, República Checa, Eslováquia, Chipre e Malta opuxeron-se a que a Axéncia pudese actuar no campo do terceiro pilar; e a decisión de aprovación da Axéncia e do seu Regulamento de competéncias e funcionamento tiña que ser tomada por unanimidade (esixéncia do Tratado). Portanto, ou non havia Axéncia ou a sua botadura ía con este lastre.

Outra singradura teria –ou terá- se a Carta dos Direitos Fundamentais formase parte dunha Constitución Europea, hoxe en dia ausente.