Xulio Ferreiro Baamonde, profesor de Direito Procesual da Faculdade
de Direito da Universidade da Coruña, realiza neste libro unha pormenorizada
análise xurídico-procesual da Lei Orgánica 6/2002, de 27 de Xuño, de Partidos
Políticos (LOPP). Mais concretamente, o autor examina o procedimento especial
perante a Sala, tamén especial, do Tribunal Supremo a que se atribui competéncia
para a ilegalización de partidos políticos cando estes vulneren “de forma
continuada, reiterada e grave a esixéncia de unha estrutura interna e un funcionamento democráticos”, ou cando “de forma reiterada e grave a sua actividade
vulnere os princípios democráticos ou persiga deteriorar ou destruir o rexime de
liberdades ou imposibilitar ou eliminar o sistema democrático”.
Ao longo do libro, o autor vai debullando a regulación procesual da LOPP
e a cuantiosa xurisprudéncia ditada polo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo a raiz da ilegalización dos partidos Herri Batasuna, Euskal Herritarrok e
Batasuna, e daqueloutras formacións -partidos ou agrupacións de eleitores- que
foron posteriormente disolvidas por ser consideradas sucesoras das anteriores.
O profesor Ferreiro Baamonde trata demoradamente aqueles asuntos que
suscitaron maior polémica do ponto de vista procesual: natureza xurídica do proceso
de ilegalización, atribuición da competéncia à Sala Especial do art. 61 (LOPJ
do Tribunal Supremo), alcance da execución da sentenza de disolución, a chamada
sucesión fraudulenta do partido disolvido, a posibilidade de reabilitación
dos partidos ilegalizados, etc., pondo de manifesto a imperfeición técnica de muitos
aspectos da lei e a non sempre acertada aplicación da mesma por parte dos
máximos órgaos xuridiscionais do estado.

A petición de EsCULcA, o profesor Ferreiro Baamonde apresentou o 12 de Xuño de 2009, na asembleia da AED (Advogados Democratas Europeus) un Relatório sobre a Ilegalización de Partidos Políticos no Reino de España que pode consultar-se aqui.