O libro de Ferreiro Baamonde toma como obxecto de estudo os diversos modos en que a vítima de un delito está capacitada para participar no proceso penal e a idoneidade do proceso para satisfacer as suas necesidades e procura esclarecer até que ponto esa participación é útil para o estado na aplicación do ius puniendi (direito a castigar).
A obra estrutura-se en duas partes. Na primeira, o autor aborda o cadro conceitual da exposición, na segunda centra-se na análise dos diferentes modos de intervención.
En primeiro lugar, examina a preocupación actual polas vítimas de delitos na Xustiza penal como resposta à denominada “expropriación do conflito”, situación que levou a investigadores e lexisladores a tentar configurar o proceso de modo que, ao tempo que se mantén como instrumento de defensa garantista dos direitos do imputado, o proceso non esqueza os direitos da vítima. O traballo evita adoptar unha óptica de confronto, rebate a chamada teoria dos vasos comunicantes (en virtude da cal un aumento dos direitos da vítima há de supor necesariamente unha restrición das garantias das persoas submetidas a xuízo) e advoga por fazer dese papel un elemento que contribua a unha menor represividade na resposta penal.
 A seguir, o autor acomete o estudo do modo de participación no proceso penal do suxeito ofendido ou prexudicado, quer dicer, a sua intervención como acusación particular, ou popular cando se trata de protexer bens xurídicos supraindividuais, o que permite alargar a participación no proceso a entidades grupais na defensa dos bens lesionados.
 No capítulo IV o autor examina a importáncia da vítima na aplicación pública do ius puniendi analisando, entre outras cuestións, os dous modos fundamentais en que actua como axente de controlo social: mediante a denúncia (meio através do cal o sistema coñece a maior parte dos delitos que chega a tratar) e a declaración testemuñal (instrumento provatório fundamental para levar a bon termo a maior parte das acusacións por delitos que teñen unha vítima determinada). 
Ao tempo que se analisa a intervención da vítima nestes ámbitos, Xulio Ferreiro expón tamén os meios que o sistema penal foi desenvolvendo para fomentar esta intervención e diminuir a vitimización secundária.
Finalmente, o autor descreve os instrumentos que o proceso pon ao dispor da vítima para que esta poda ver recoñecidos os seus intereses.
Na obra constata-se a utilización de unha ampla diversidade de materiais. Tomando como referéncia a regulación positiva española, o autor recolle as reformas legais que nos últimos anos incidiron neste ámbito e aborda o estudo outros ordenamentos xurídicos . Estudo necesário devido à dimensión internacional do tema, con raíces no pensamento criminolóxico e xuridico anglo-saxónico mais de ampla influéncia en instrumentos normativos internacionais e nacionais dos cinco continentes. Por outra parte, para tratar adecuadamente as diversas facetas do tratamento da problemática relación entre a vítima do delito e a xustiza penal, Ferreiro Baamonde non duvida en entrar no campo da socioloxia, a criminoloxia, a psicoloxia social, etc. A esta amplitude material ainda temos de acrescentar o feito de que nas duas últimas décadas da literatura vitimolóxica resultou incrivelmente profusa.