O xornalista italiano Vittorio Arrigoni foi testemuña do ataque de Israel a Gaza hai agora pouco mais de un ano, onde colaborou en actividades de auxílio a feridos e desde onde informou o mundo através das suas crónicas.
O seu libro, escrito en forma de diário, permite acompañar a esteira de asasinatos e as reaccións das xentes de Gaza  durante aquel mes apocalíptico.
É un documento descarnado, non un estudo, do visto polo autor, “a história de tres semanas de masacre, escrita na medida das miñas posibilidades, en situación de absoluta inseguranza, transcrevendo o inferno que me rodea nun caderno amarrotado, muitas veces de cócoras a bordo dunha ambuláncia” (p.20).
“Deita-se unha bomba, espera-se a axuda, e bombardea-se  outra vez os feridos e o persoal de socorro” (p.98), denuncia Arrigoni.
E alerta tamén sobre a ameaza de novas agresións:  “Os avións lanzan panfletos o último dia dos ataques con esta adverténcia:  ‘Ao mínimo acto de ofensa contra Israel voltamos invadir a Faixa de Gaza, o que vivestes estes dias non é nada en comparación con o que vos espera'” (p.128)
“Os palestinos foron tan desumanizados polos xudeus israelitas -xa se trate de políticos, militares ou cidadáns comuns- que matá-los converteu-se nalgo natural, ao igual que expulsá-los en 1948 ou aprisioná-los nos Territórios Ocupados”, afirma no prólogo I. Pappé.
Este libro merece ser incluído na “Educación sobre o Holocausto”, parte do currículum obrigatório en escolas de todo o mundo.
O Grupo de Traballo para a Cooperación Internacional sobre o Ensino do Holocausto está formado por 27 estados, entre eles o Reino de España que non ten grupo algun para o ensino da sua memória histórica (http://www.holocausttaskforce.org/) . Que obxectivos declaran? Nengunha mención à Carta Universal dos Direitos Humanos, nada sobre a Xustiza Universal, nen palabra sobre os  holocaustos que se producen hoxe en dia diante dos seus ollos (Iraque, Afeganistán, República Democrática do Congo, etc.).

Resumo do art. de Agustín Velloso publicado en Rebelión (22-03-10)