En Standard Operating Procedure ( S.O.P), o americano Errol Morris parte das fotografias de torturas e vexacións na prisión de Abu Ghraib, convertidas xa en icones da vergoñosa actuación estado-unidense no Iraque e símbolos do xiro da opinión pública americana sobre a (i)legitimidade desta intervención.
O director utiliza as reconstrucións,  material de arquivo, música e sobretodo a sua máquina de entrevistas, montadas no seu característico estilo fragmentário. Destavolta os “confesionários” de Morris mostran os e as soldados de Abu Ghraib sobre un fondo indeterminado, sen nengun pormenor que os descreva , que remete de maneira clara às paredes nuas de unha prisión. Planos fechados sobre os rostos de unhas testemuñas que gañan logo entidade de personaxes.
Unha das grandes incógnitas que asaltavan as persoas que viron as fotografias de Abu Ghraib era como foi posível a sua produción. Como era posível que alguén que realizase tamañas atrocidades pudese cometer o erro de deixar provas gráficas diso? Unha primeira resposta aparece sutilmente insinuada polo director, que non inclui no filme só as fotografias das vexacións a presos, senón que inclui tamén as dos próprios soldados realizando poses do mesmo estilo perante a cámara fotográfica, de tal xeito que unhas parecen continuar de forma coerente as outras nunha prática que devén banal no universo fechado da prisión. Mais hai outras respostas, e a mais surprende é a que nos oferece a soldado Sabrina Harman nun testemuño case inverosímil reforzado polas cartas que ela mesma enviava a sua esposa e en que se nos mostra como unha improvisada “reporteira de guerra”, unha espécie de espia infiltrada que deve participar nos feitos para poder denunciá-los despois.
Tamén se fai sentir en S.O.P. mais unha reflexión sobre a utilización do documento fotográfico: a cámara non como unha xanela ao mundo, senón como un instrumento que selecciona unha parte do real, e que esconde portanto mais do que desvela. No que é a parte mais directamente política do filme, Morris tira à luz o que os icones de Abu Ghraib ocultaron: que as verdadeiras torturas transcorrian fora de campo, realizadas por eses que o filme identifica como fantasmas. Procedimentos de actuación estándar.
Standard Operating Procedure, Gran Premio del Jurado en Berlín 2008, é distribuído no estado español por Sony Pictures Releasing de España, que finalmente decidiu non o estrear en salas comerciais. DVD disponível.