Baseado nun artigo publicado na London Review of Books en marzo de 2006, os profesores Mearsheimer e Walt aprofundan no seu libro no que até agora ten sido un tema tabu: o impacto do lobby israelita na política exterior dos EUA.
Os autores, que se definen a si próprios como filo-xudeus, descreven o extraordinário apoio material e diplomático que os EUA proporcionan ao estado sionista e argumentan que ese apoio non pode ser explicado só por razóns de orde estratéxica ou moral senón que é devido à influéncia política do poderoso lobby israelita. Un lobby que traballa activamente para moldar a política exterior estadunidense nun sentido favorável a Israel e que está formado por persoas e organizacións unidas por intereses que pouco ou nada teñen a ver  con a identidade relixiosa ou étnica.
Curiosamente, as agresivas políticas fomentadas por este lobby -defenden Meaersheiner e Walt- non só non benefician en absoluto o interese nacional estadunidense senón que tamén poden prexudicar, no longo prazo, o próprio estado de Israel.
O estudo aprofunda nas manobras do lobby mais tamén alarga a reflexión aos mais recentes acontecimentos no Líbano, a Palestina, a Síria, o Irán ou en asuntos como o do petróleo.
A opinión e a prensa internacionais deron no seu dia ampla acollida ao artigo que deu orixe ao libro e as teses defendidas polos autores foron submetidas a acalorado debate no ámbito intelectual, diplomático e político. Debate en que non faltaron as batidas acusacións de “anti-semitismo” apesar da proclamada e constante defensa que os autores fan do estado de Israel.

Hai versión en español: El lobby israelí y la política exterior de Estados Unidos.