José K é un terrorista. Un despiadado criminal que puxo unha bomba nunha praza ateigada de xente, que foi detido pola policía –que sabe da existencia das bomba mais non da sua ubicación. A única forma de que non se produza unha matanza brutal é que José K explique onde está a bomba e que o faga logo. Ese é o dilema moral que trata Javier Ortiz no seu monólogo teatral. É o que lle serve de medidor da oposición á tortura.
Non pode ser doutro xeito. Todo o mundo está en contra da tortura inútil de inocentes como está en contra da aplicación da cadeira eléctrica a persoas inocentes escollidas ao acaso: mais non non son esas oposicións obvias as que poden servirnos para medir a nosa oposición real á pena de morte ou á tortura. O que nos pode servir é a oposición á pena de morte e á tortura no caso do mais sanguinario asasino que se nos ocorra. Estamos realmente contra a tortura cando se trata de casos en que hai xente que estaria a favor. Cando se trata de tortura a un brutal canalla do que se pode obter unha información valiosísima. Neste caso só se opón quen está contra a tortura. Os outros están a favor e o que varía é o entusiasmo. Só en casos extremos, faltaria mais, non debatemos sobre a tortura rotineira como non debatemos sobre a lexitimidade de asasinar inocentes.
O prólogo é de Isaac Rosa e o texto dramático está precedido polo texto da conferencia que deu lugar á obra, do propio Javier Ortiz, e varios apuntamentos referidos a unha lectura dramatizada que se fixo en 2005. Por último, hai un breve texto da Coordenadora para a Prevención da Tortura que explica como foi vontade do autor que os beneficios morais e intelectuais, e tamén os económicos, sirvan á loita contra a tortura, contra toda tortura.