Javier Pérez Royo tivo claro desde o principio que os estatutos de Sortu nunca deberon de ser impugnados. Por iso recibiu con «satisfacción» a decisión do Tribunal Constitucional de amparar o recurso contra o veto ao seu rexistro como partido político.


Finalmente, o Tribunal Constitucional español avalou a inscrición de Sortu no rexistro de partidos políticos. Cal é a súa primeira valoración?

Isto pon punto final ao proceso que se iniciou cando Sortu depositou os seus estatutos no rexistro de partidos do Ministerio do Interior. Xa non cabe ningún recurso contra esta actuación, polo que o tema, xudicialmente, está resolto. O partido adquire agora personalidade xurídica. Este é o punto final da batalla pola legalización de Sortu e, por tanto, pola normalización deste partido como un máis.

Transcorreu máis dun ano desde que o Supremo vetou a inscrición de Sortu. Por que demorou tanto o proceso de legalización?

O tema era moi conflitivo, non no País Vasco mais si en España. No entanto, trátase dunha cuestión que non se tiña que plantexar sequera. O Goberno non debería actuar e a Fiscalía non debería interpor recurso. Os estatutos encaixaban clarísimamente na Constitución e a Lei de Partidos. Unha vez que se plantexou, tiña moitas complicacións, porque existía división no seo do Supremo, no Constitucional, e na sociedade española en xeral. Había moita tensión, moita división, e iso é o que foi: unha tira-puxa durante todo este tempo que, afortunadamente, se resolveu ben. Ademais, a resolución é definitiva. Existirá o dereito á protesta, mais xa non ten percorrido.

Con todo, o Constitucional impuxo algunhas condicións, como o que denomina «non equiparar» ás vítimas da violencia de ETA cos presos.

Incluíronse unha serie de condicionantes nos que se avisa sobre unha posible ilegalización sobrevinda. Mais iso non ten ningunha importancia. Engádese por curarse un pouco en saúde, mais Bildu e Amaiur xa están nas institucións e non pasa nada. Non houbo ningún intento de as por fóra da lei. Ademais, progresivamente, todo irá estando máis normalizado. As próximas eleccións vanse a celebrar relativamente pronto e nelas Sortu poderá estar como un partido normal e, previsiblemente, terá moi bos resultados e acumulará un espazo importante no País Vasco, o que fará aínda máis inverosímil que se poida pór outra vez fóra da lei. Creo que xa está resolto, afortunadamente. Nada permite aventurar unha decisión ulterior.

A dereita española embirrou contra unha decisión adoptada por un Constitucional dividido.

Tamén decidiu dividido o Supremo. Foi exactamente igual, só que do signo contrario. Se valeu para o Supremo, por que non vai valer para o Constitucional? Ademais, dous dos maxistrados que non están a favor da legalización non emiten votos particulares. Así que hai unha diferenza con respecto á sentenza anterior. Tamén se ve un movemento interno dentro do Constitucional, non se aprecia a animosidade ou a contundencia na ilegalización que se viu, por exemplo, na sentenza de Bildu. Pódese interpretar como algo positivo.