Mauro Palma, expresidente do Comité Europeo para a Prevención da Tortura, critica os malos tratos aos ‘sen papeis’ e a opacidade das investigacións antiterroristas en Europa

Os casos de malos tratos a persoas detidas continúan manchando as credenciais de varios países do continente, mesmo no seu círculo supostamente máis avanzado: os Vinte e sete da Unión Europea. Mauro Palma experto en prevención da tortura, subliña nunha entrevista concedida en Madrid algunhas das situacións máis problemáticas: a detención dos inmigrantes ‘sen papeis’, a miúdo realizada en condicións deplorábeis, e as investigacións en casos de terrorismo, con frecuencia cubertas por un halo de opacidade.
“As condicións de detención dos inmigrantes son bastante vergoñosas un pouco en toda Europa, e especialmente na rexión mediterránea”, argumenta Palma, que foi até o pasado mes de decembro presidente do
Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, a organización de defensa dos dereitos humanos que agrupa 47 Estados europeos con sede en Estrasburgo. “O problema é que nalgúns casos aspésimas condiciónsnon derivan simplemente dunha falta de recursos ou dunhaincapacidade de xestión administrativa, senón dunha verdadeira intenciónsimbólica, do desexo de mandar unha mensaxe a través do trato”.

Palma relata como exemplo o grave caso que descubriu durante unhainspección en Grecia o ano pasado. “Nun centro policial da zona fronteiriza con Turquía atopamos 146 persoas en 110 metros cadrados. Non había espazo nin sequera para que os detidos puidesen estar deitados. Había un único cuarto de baño. Moitos dos detidos permanecen nesas condicións durante semanas. A maioría deles viaxaba cunha mochila con roupa de muda. As autoridades confiscábanas e abandonábanas á intemperie, a mucharen baixo a choiva. En Grecia, a vontade de manter os centros en condicións particularmente negativas baséase naintención de que os detidos manden unha mensaxe ao seu país: “isto é un inferno”, relata Palma, quen con todo explica que os estándares dos centros de detención son moi baixos en todo o arco mediterráneo.

Este episodio encádrase na xeneralizada retórica antiinmigración que avanza a gran ritmo en Europa desde que a crise sacode o seu armazón socioeconómico. Partidos xenófobos están en auxe en moitos países, e a propia UE adoptou en 2008 unha directiva que permite a detención de inmigrantes durante 18 meses polo mero feito de o seren. “Evidentemente, trátase dunha medida con connotacións moi graves, xa que permite a privación da liberdade dunha persoa polo que é, e non polo que fai, e ademais con decisión de carácter administrativo e non penal. Mais nós [no Consello de Europa] confiabamos en que se utilizase para pór un teito aos países que tiñan límites de detención máis elevados. Con amargura démonos conta de que algúns Gobernos utilizaron en troca a directiva para ampliaren os límites anteriormente previstos pola súa lexislación. Este é o caso do Goberno italiano de Silvio Berlusconi, por exemplo”, di Palma, que ten formación de matemático ademais de xurista, e que segue traballando en Estrasburgo, agora no Comité de Cooperación para a Execución Penal.
A segunda área motivo de inquietude para Palma é a investigación sobre crimes terroristas. “Unha mensaxe bastante fea que deu Europa despois do 11-S é que, para facer máis incisivas as investigacións, é necesario aumentar o período de detención policial. Aí reside unha mensaxe segundo a cal reducindo a transparencia aumenta a eficacia da investigación. Esta cultura ten que ser cambiada. Opacidade igual a eficacia. En realidade, é o contrario. Reino Unido, en particular adoptou medidas polas que entre que a persoa é detida e imputada pódese chegar a 28 días. Mais non está en situación de incomunicación. Este sistema é moi característico da situación española”, comenta Palma.

O réxime de incomunicación é o aspecto máis problemático da actuación das autoridades españolas, e recibiu numerosas críticas de parte de organizacións internacionais. Este réxime aplícase en casos de crimes de especial gravidade, coa intención de impedir o detido poder comunicarse coa banda á que pertence mentres as investigacións están aínda en curso. Con todo, a súa formulación lexislativa e a súa interpretación jurisprudencial espertaron severas críticas. O preso non pode nin sequera falar co avogado de oficio antes de declarar ante o xuíz.

“A cuestión da incomunicación é moi delicada”, opina Palma. “Nos últimos anos houbo unha evolución. A percepción en España de que isto é un problema aumentou fortemente. E houbo unha evolución da praxe,
cunha liña de xurisprudencia que derroga algúns dos aspectos máis duros do réxime de incomunicación, introducindo a posibilidade de avisar da detención un familiar ou alguén próximo; a visita ao preso
por parte de médico de confianza, en presenza do da Audiencia; e que o avogado de oficio, até agora unha figura que non pode intervir, teña a posibilidade de falar co detido. Estas medidas, que non eliminan o sistema de incomunicación, mais alixéirano, son postas en práctica sistematicamente por tres do seis xuíces da Audiencia Nacional. Isto demostra unha evolución. Con todo, desafortunadamente, as operacións en casos graves raramente se executan cando estes xuíces están de quenda. Execútanse case sempre cando quen están de quenda de traballo non as aplica. Non quero ser malicioso, mais observo que, estatisticamente, na primeira metade de 2011, de 16 casos de incomunicación, todos sucederon cando estaba de quenda o mesmo xuíz, [Fernando] Grande Marlaska, que non aplica esas medidas”.

Palma observa que, durante os seus anos á fronte do Comité de Prevención da Tortura, o órgano tivo “forte sospeitas” de que nalgúns casos as denuncias de malos tratos por parte dalgúns presos tivesen fundamento real. “Mesmo malos tratos físicos”, di Palma.