SOBRE O SEGUIMENTO POR PARTE DO ESTADO ESPAÑOL DAS RECOMENDACIÓNS DO RELATOR ESPECIAL DA ONU PARA A TORTURA

Hai un ano o Estado español ratificou o Protocolo Facultativo da ONU para a prevención da tortura e celebra este primeiro aniversário recebendo unha nova reprimenda polas suas políticas neste ámbito. Consolidado no ponto de mira do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, nesta ocasión o Relator Especial eleva o ton das críticas ao Estado español lamentando explicitamente no seu recente relatório o seguimento feito das recomendacións do seu predecesor, Sr. Theo van Boven.

O mantimento do rexime de detención incomunicada, as extremas neglixéncias da investigación xudiciária das denúncias por tortura, a falta de depuración de responsabilidades por parte da administración a este respeito e a negativa a rexistar áudio-visualmente os interrogatórios policiais son os temas que mais enerxicamente condena Manfred Novack, embora asinale muitos outros lugares obscuros nas políticas preventivas para a tortura no Estado. As respostas institucionais desde o governo central son unha vez mais tópicas, imovilistas e irreais. Nalguns casos, como no da dispersión dos presos vascos -que tratan de xustificar alegando que ese incumprimento da lexislación penitenciária está xeneralizado, sendo portanto un “mal de muitos” que non ten nada de particular, para, acto contínuo, recoñeceren que se trata dunha política intencional e específica- chegan, como se vé, ao absurdo. Ou a xustificación que se dá ao incumprimento da gravación en vídeo dos interrogatórios. Primeiro aponta-se o risco de auto-inculpación espontánea das persoas encausadas e a seguir acrescenta-se que tamén existe o risco de estas poderen “dramatizar o momento do interrogatório” ou expresaren nel propaganda das suas ideias.

O Relator Especial, facendo sua a información facilitada pola Coordenadora para a Prevención da Tortura, critica o arquivo sistemático das denúncias por torturas e maus tratos, asi como as demoras na sua investigación ou a falta de impulso procesual, e recolle con escándalo algun exemplo de pronunciamento xudicial ou declaracións de apoio de autoridades públicas a funcionários condenados por torturas, homenaxes públicas, indultos e outras atitudes institucionais que delatan a falta de vontade política de garantir os direitos das persoas neste terreno.

De feito, o discurso oficial continua centrado na excepcionalidade dos casos de maus tratos, apesar dos dados que manexan as próprias instituicións que revelan unha média de uns 750 casos anuais desde o ano 2000, ocultando o problema con declaracións formais sen contido prático e pequenas “lavaxens de cara” como a asinatura do Protocolo Facultativo da ONU.

Na sua resposta ao documento do Sr. Novack, o Governo español non responde aos requerimentos do Relator nen se compromete a cumprir con as recomendacións para a prevención da tortura. Por contra, o governo responde às denúncias concretas minusvalorando-as, nuna atitude de ocultación dos feitos e das suas próprias responsabilidades.

Neste sentido, a Coordenadora para a Prevención da Torutra vé-se na obriga de denunciar novamente a atitude do Governo español que, cando faltan apenas dous meses para se cumprir o prazo de implementación de mecanismos estatais previstos no Protocolo Facultativo, non deixou de sabotar o espírito desta ferramenta con atitudes como a proposta –sen consultar a sociedade civil- de Leopoldo Torres para o subcomité internacional, ou a aproximación à oficina do Valedor do Povo para deseñar un mecanismo estatal en torno a ela, posicións que ilustran a sua nula intención de desenvolver unha politica que realmente pretenda erradicar a Tortura nen recoñecer a sua prática.

COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA

Abril de 2007