Non é a primeira vez que ocorre. Nesta ocasión, a denuncia chega logo dun partido de baloncesto entre o Obradoiro e o Cajasol. Segundo asegura un afeccionado do equipo galego, co que puido falar Praza, a Policía obrigou a outro seareiro a retirar unha bandeira galega coa estrela vermella que penduraba dun valado do Multiusos Fontes do Sar. Baixo ameaza dunha multa de 3.000 euros, un axente vestido de paisano advertiulle ao implicado da infracción que podería supor a súa actitude.

 Esta nova denuncia chega despois de que numerosos afeccionados do Celta se queixasen hai dúas semanas de que varios axentes de policía impediran o paso ás bancadas do estadio Santiago Bernabéu con bandeiras galegas coa estrela vermella con motivo do encontro disputado entre o equipo vigués e o Real Madrid. As redes sociais expresaron tamén o malestar polo trato recibido por parte da Policía nun recinto onde adoitan exhibirse bandeiras preconstitucionais ou de ideoloxía fascista.

Tampouco foi esta a primeira vez que ocorreu algo semellante nun desprazamento de equipos galegos. Hai anos, nun encontro en Pamplona entre o Deportivo e o Osasuna, varias bandeiras galegas foran requisadas por axentes na entrada ao estadio do Sadar. Incluso en Riazor se lembran advertencias do mesmo tipo non hai moito tempo.
A polémica chega a Galicia logo de que un afeccionado do Barcelona fora multado o pasado mes de decembro con 3.001 euros por introducir unha estelada (bandeira independentista catalá) no Santiago Bernabéu. Daquela, o propio Ministerio de Interior recoñecera que estas bandeiras non constituían "ningún tipo de infracción" da Lei contra a Violencia no Deporte, pero aclaraba que poderían ser confiscadas se a autoridade policial presente no recinto deportivo considera que supoñen un risco de alteración de orde pública.

"Neste caso, o rapaz colocaba esa bandeira cada fin de semana no mesmo fondo desde hai tempo", asegura o afeccionado do Obradoiro que contactou con Praza, que luciu despois a estreleira e que chegou a falar co axente de paisano e co axente de seguridade que intentaron vetar o símbolo. "Pode haber alguén a quen lle moleste", disque lle argumentaron.

"Contactei cos meus avogados, que incluso consultaron o caso á Delegación do Goberno, onde lles confirmaron que non existe lei ningunha que prohiba exhibir esa bandeira nos espectáculos deportivos", confirma o afectado, que asegura que desde o club atribúen o veto á Liga ACB. O caso, polo que parece, queda á interpretación do operativo policial que se despregue en cada un dos partidos, o que explicaría que bandeiras deste tipo luzan cada fin de semana en Riazor ou Balaídos sen atranco ningún.

 

Fonte: Praza Pública