couComo todos os anos desde aquel fatídico 2003, o 8 de abril é unha data que, para a familia Couso, significa dor e, ao mesmo tempo, loita pola memoria. Pasaron xa dez anos desde que un tanque estadounidense ceifase a vida do xornalista José Couso en Bagdad e aínda non se logrou sentar no banco os oficiais imputados polo xuíz Pedraz, que leva o caso.

Os papeis que no seu momento desvelou Wikileaks viñeron demostrar até que punto a complicidade entre os gobernos de EEUU e España logrou que, polo momento, non se faga xustiza.

Como están as cousas 10 anos despois da morte do seu irmán?

Podemos dicir que, afortunadamente, o caso continua aberto, a pesar de tanto o Goberno español como o estadounidense estaren contra nós. Un deles, o de EEUU, é a potencia global. Lográronse varias cousas, como que o xuíz imputase dous superiores implicados e os procesase despois das dilixencias que se fixeron en Bagdad. O último que nós fixeramos era a declaración [na Audiencia Nacional] da xornalista Amy Goodman. [Goodman entrevistou no seu programa Democracy Now ao ex sarxento estadounidense Adrienne Kinne, quen admitiu que o Hotel Palestina, onde se aloxaba a prensa internacional, estaba marcado como obxectivo a atacar].

Xa que o ex sarxento da intelixencia militar non se presentou para tomarlle declaración, polo menos a xornalista veu para dar veracidade a ese testemuño. Como sempre, a maioría dos fiscais neste país, ao ter unha organización xerárquica, tratan de parar o caso. O último movemento do fiscal, como sempre pervertindo a súa natureza e, para min, con motivos espúrios, foi a tentativa de que, outra vez, se deixase de investigar o caso, coa proposta dun arquivo provisorio. O arquivo non pode ser definitivo, xa que estamos a falar dun delito de lesa humanidade. Aínda así, o que fixemos ante iso foi propor novas dilixencias.

Por que non se tomou declaración a esta señora se existe un convenio bilateral entre España e EEUU para colaboracións xudiciais? Que o cumpran, ou, como é o caso, que se denuncie o convenio. Non o van a facer, mais nós temos que pedilo. Doutra banda, pedimos que Interpol reactive a orde de busca e captura, que deixe de facer o que lle dá na gana e cumpra coas leis internacionais. Interpol debe facer aquilo para o que está destinado, que é cumprir as ordes dun xuíz, non cuestionalas ou cambiar os estatutos expresamente para que, en casos como o noso, non podamos perseguir a criminais de guerra estadounidense.

Desde Interpol alegan que o seu estatuto lles impide perseguir a militares. Con todo, si que desenvolveron este tipo de persecucións no pasado.

Claro que si. Cando hai uns anos non se conseguiu pechar o caso a pesar dos movementos entre bastidores que descubriu Wikileaks, o que fixeron foi, ante a segunda orde de busca e captura, modificar os estatutos de Interpol. Fíxose ademais baixo a presidencia do antigo ministro do Tesouro estadounidense. El foi quen promoveu a modificación de estatutos, redactado expresamente para non cumprir a orde do xuíz Santiago Pedraz de buscar os culpabeis da morte do meu irmán.

Este corpo policial suponse que debería ser imparcial. É curioso que estea presidido por un antigo ministro de EEUU.

É que Interpol é unha coordinación de corpos policiais para seguir as ordes dos xuíces, é unha estrutura típica dun Estado de Dereito. Entón, que fan eles decidindo o que se pode perseguir ou non? Con isto ábrese a porta á absoluta impunidade, que é o que buscan. Precisamente a Convención de Xenebra, que é o cadro do Dereito Internacional Humanitario, contempla a persecución dos responsabeis de crimes de guerra.

É esquizofrénico, mais ben, xa se sabe que EEUU xoga cunha esquizofrenia política voluntaria para criticartodo o mundo mais non o aplicar a eles mesmos. Agora lembraba as relacións, por exemplo, do noso monarca coa monarquía saudita, onde se vai crucificar un señor. E eses son os nosos amigos. Despois, vemos como se pechan aquí televisións iranianas mais non as propiciadas por Arabia Saudita. É curiosa esa dobre moral. Ou todos ou ningún, porque se non, es un cínico.

Nalgunhas ocasións vostede denunciou que, no sentido de facer xustiza, EEUU venos como unha colonia.

Si. Venos como unha colonia e, encima, sen contrapartes, grazas aos nosos gobernos servis. Baixo unha relación de aliados, no cadro da OTAN, no que temos bases conxuntas -unha delas tan importantes como Rota-, non debería haber ningún problema para manter, no cadro dese convenio bilateral, colaboracións en materia xudicial e penal. Se ti tes unha mazá podre ou que cometeu un erro, sexa militar español ou estadounidense, que compareza ante un xuíz e demostre a súa inocencia ou a súa culpabilidade. Vese por unha banda a moral de amo, de colono, e por outro o do lambecus. É algo que a min me doe especialmente neste país, pola nosa soberanía nacional.

Falando de complicidades, vostedes tiveron unha mala experiencia neste sentido cando o PSOE estaba no Goberno.

O PSOE utilizounos na oposición, que era algo que lle viña moi ben contra o Goberno de Aznar mais, cando lle tocou gobernar, non só fixo algo diferente, senón que levou a cabo todo o contrario do que prometeu, até o punto de conspirar cunha embaixada estranxeira. A nivel de vicepresidenta, de ministros, do fiscal xeral do Estado. É algo que cando o les non o cres. Pregúntasche: Que somos? Que pasa, que quen goberna é a embaixada dos EUA? Estes señores ponse a disposición da embaixada doutro país? Iso en que cabeza cabe? Se mo contaran hai tempo, diria que non podía ser.

Podería aceptar que houbese conversas durante encontros bilaterais, mais aquilo de conspirar en comidas na embaixada a min paréceme demencial para este país. E despois van de patriotas. Eu por iso fago moitas veces unha reflexión: o PSOE ficou no P. Socialista non é, porque xa nin sequera é socialdemócrata. Obreiro tampouco, vendo que non favorece a clase traballadora. E español parece que tampouco. Despois dos papeis de Wikileaks, vimos que xa non son nin españois.

O que parecía unha conspiranoia ao final próbase como certo.

Si, ao principio pareciamos tolos. Cando vimos o vídeo aquel de o helicóptero matando varios xornalistas, a xente puido darse conta de que actúan como lles dá na gana, que non cumpren ningún dos estándares de combate para distinguiren entre civís e militares. Con todo, cos papeis de Wikileaks, produciuse unha constatación que nos deu máis carta de natureza e de credibilidade.

Orixinal e entrevista completa La Marea