Outros organismos, como o da OTAN por exemplo, realizan os cálculos en base a outros criterios, incorporando partidas que revelan que o gasto militar anual do Reino de España é realmente o dobre do que podemos identificar a partir dos datos que facilita o goberno. Alén do que indica a OTAN, hai partidas que poderían ser consideradas gastos militares e deben ser contabilizadas para calcular con maior exactitude o montante final dedicado a este concepto nos PGE. 

No exercicio de 2012 o gasto militar alcanzou o 1,80% do PIB e o 5,22% dos PGE, o que supuxo un incremento respecto ao exercicio anterior, sendo posibelmente o orzamento destinado a defensa o único que, ou polo menos o que mais, aumentou entre 2011 e 2012. 

Por outra banda, é importante mencionar un dos elementos de maior incidencia no orzamento militar, tanto polo volume de recursos que consome cada ano das arcas públicas, como pola incidencia que ten como grupo de presión nas políticas gobernamentais. Referímonos á industria militar, que consome cada ano unha cantidade inxente de recursos públicos non só no que se refire á compra con diñeiro público de armamento senón tamén no que respecta ás axudas á I+D a través da concesión de, créditos brandos, que desde que comezaron a realizarse tamén desde o Ministerio de Industria en 1997 acumularon só deste ministerio 15.777,30 millóns de euros. Ao que hai que engadir as medidas de apoio de carácter comercial, económico e político de varios ministerios e mesmo das máis altas instancias do Estado, dificilmente cuantificables. 

A maiores, a industria militar española e internacional recibe cada ano importantes contías orzamentarias dedicadas á compra de novos armamentos. O Reino de España ten asinados contratos que deben facerse efectivos os próximos anos por un valor de 30.728,51 millóns de euros, o que consumirá unha boa parte dos escasos recursos públicos en detrimento de os necesarios gastos sociais, o que ben pode denominarse como "a bolla armamentística española". O caso do ano 2012 é especialmente controvertido, xa que durante o mes de setembro se aprobou un crédito extraordinario de 1782 millóns de euros, non contabilizados inicialmente, para a adquisición de novo armamento para o exército español. En 2013 Defensa planea pedir un crédito de 1000 millóns para pagar armamento.

Finalmente, para aproximarnos ao verdadeiro gasto militar realmente liquidado, a esta partida hai que sumarlle o orzamento destinado ás operacións militares no exterior que son practicamente na súa totalidade imputadas ao Fondo de Continxencias. Só en 2012 foron 769,08 millóns de euros. Defensa orza anualmente un irrisorio montante de 14,36 millóns de euros e ao final do ano engade unha partida similar á de 2012 proveniente do mencionado Fondo de Continxencias. En 2013 con toda probabilidade ocorrerá algo similar.

Como vemos existen unhas nada desprecíbeis diferenzas entre o gasto militar inicialmente orzado e o efectivamente liquidado ao final do exercicio, que recurrentemente aumentan cada ano os recursos públicos que consome a actividade militar, facendo que o gasto militar un máis que relevante peso nas contas públicas.

 (por Jordi Calvo)

Mais información aqui.