Os tribunais condenárono a 6 anos e 1 día de prisión por un delito de “aldraxe á nación española feito con publicidade” polo retrouso dunha canción coreada nun festival antinuclear en Pontevedra. Pasou catro anos exiliado en Europa e Venezuela até que en 1984 se entregou, ingresando en prisión durante 46 días antes de ser indultado.

 

O cantautor galego Suso Vaamonde soubo ben da fraxilidade da democracia española xurdida da transición e de que lastres era esta debedora. Comprobouno nas propias carnes: catro anos de exilio e 46 días de prisión. Todo polo novo retrouso dunha canción popular (‘Uah!’) cantada nun concerto. Valtonyc está, 38 anos despois, e tamén a raíz das letras de cancións, seguindo o camiño que xa percorrera o de Pontecaldelas a principios dos 80.

Foi Suso Vaamonde o primeiro exiliado da democracia española emanada da Transición. Poucos meses despois foi un xornalista catalán, Xavier Vinader, quen tivo tamén que exiliarse para eludir o encarceramento ditado polos tribunais, no seu caso a raíz da publicación dunha serie de artigos sobre a extrema dereita

Un militar que pasaba pola zona montou en cólera e intentou interromper o concerto. Non contento con iso, interpuxo unha denuncia, que a Audiencia Provincial de Pontevedra admitiu. A sentenza: 6 anos e 1 día de prisión

Era 1979 e Suso Vaamonde estaba actuando en Pontevedra nun festival antinuclear. Guitarra en man e coa súa característica voz de trono, o cantor enceta ‘Uah!’, unha popular canción naquela altura que fundía as súas raíces na tradición. Resoa entón na praza un retrouso: “Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / se España é miña nai / eu son un fillo de puta”. Un militar que pasaba pola zona montou en cólera e intentou interromper o concerto. Non contento con iso, interpuxo unha denuncia, que a Audiencia Provincial de Pontevedra admitiu. A sentenza: 6 anos e 1 día de prisión para Suso Vaamonde. O Tribunal Supremo, perante o cal recorreu o cantor, mantivo a resolución: 6 anos e 1 día por un “delito consumado de aldraxe á Nación española, feito con publicidade, previsto no artígo 123 do Código Penal”.

 

Dd8lby7U0AAwDYy

 

Vaamonde coñeceu esa resolución cando estaba actuando en Hamburgo (Alemaña). O músico tivo que iniciar pouco despois un periplo no exilio no que pasou por Londres antes de desprazarse até Caracas (Venezuela), onde pasou catro anos exiliado. Recibiu numerosos apoios do mundo da cultura de Galiza e Portugal. En 1984 decidiu entregarse. Entrou na prisión de Ourense, onde pasou 46 días, até que chegou o indulto do goberno español. “Chegou o final dun conto que nunca debeu ser contado”, dixo nada máis saír do cárcere.

Suso Vaamonde mantivo que naquel concerto en Pontevedra el non cantara ese retrouso, que fora o público presente o que o fixera a viva voz. Algo, por certo, que o público seguiu facendo durante anos en boa parte dos concertos nos que o cantautor interpretaba un dos seus temas máis populares, ‘Uah!’.

Fonte: Sermos Galiza