O TS condena dúas organizacións laicas ao pagamento ‘desmesurado’ despois de os tribunais desestimaren unha denuncia pola concesión da Medalla ao mérito policial a unha virxe. ‘A nosa demanda obrigounos a enfrontar unha situación embarazosa no ámbito nacional e internacional. Por iso non lles chegou con desestimala senón que quixeron castigar o desaire da denuncia condenándonos ao pagamento de custos desmesurados’, denuncian.

 

 

 

‘Custos desmesurados’. Así cualificaron Europa Laica e MHUEL (Movemento para un Estado Laico), os custos procesuais impostos polo Tribunal Supremo a estas dúas organizacións despois de os tribunais desestimaren a súa demanda pola concesión da Medalla ao mérito policial á Virxe do Amor.

Un total de 4.000 euros que serán sufragados por doazóns solidarias após unha campaña lanzada nesta mesma semana. ‘Quixeron dar cabo de nós e nós pasamos o cepo’, sinalan nun comunicado

‘A nosa demanda obrigounos a enfrontar unha situación embarazosa no ámbito nacional e internacional. Por iso non lles chegou con desestimala en todas as instancias xudiciais posibeis senón que castigaron o desaire da denuncia condenándonos ao pagamento de custos desmesuradas de 4000 euros?, subliñan.

JORGE FERNÁNDEZ DÍAZ OUTORGOU A MEDALLA

Europa Laica e MHUEL critican o feito de que só ‘mentes imbuídas de preconceptos relixiosos’ son capaces de ‘meter de penetra unha Virxe nese cadro normativo’.

O litixio comezou hai máis de catro anos, cando Europa Laica e MHUEL demandaron o ministro de Interior, naquel momento o ‘popular’ Jorge Fernández Díaz, por outorgar a medalla a unha virxe.

Estes colectivos argumentaron que a lei (5/1964) establece que poderán ser recompensados con tal Medalla ‘os funcionarios dos corpos que integran a policía […] cando se estimar que reúnen algunha das circunstancias esixidas para a súa concesión; e excepcionalmente a persoas alleas […] cando se fixeren acredoras a iso…”, dando como méritos resultar morto en acto de servizo, mutilacións ou feridas graves, dirixir un servizo de excepcional transcendencia ou salientar por valor ou eficacia.

As organizacións acusaron o ministro de ‘pasar por cima da lei’ e levárono aos tribunais. Subliñaron o feito de a Virxe non pertencer a ningún corpo policial, nin ser persoa física, nin acreditar ningunha das condicións esixidas: ‘Seguimos mantendo o mesmo hoxe. E calquera con sentido común chegará a idéntica conclusión’, sinalan.

Europa Laica e MHUEL critican o feito de só ‘mentes imbuídas de preconceptos relixiosos, como opusdeístas ou lexionarios de cristo, sexan ministros ou maxistrados do Supremo’ son capaces de ‘meter de penetra unha Virxe nese cadro normativo’, xa que ‘para eles as leis que dimanan do Altísimo prevalecen sobre o mundano boletín oficial’.

Neste sentido, lembran que a Constitución fala de aconfesionalidade e separación de poderes. ‘O preito da medalla demóstranos que na práctica é o ranzoso nacional-catolicismo que impregna as principais estruturas do Estado con densidade crecente a medida que se ascende na pirámide do poder’, afirman.

O colectivo laicista empraza o novo ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska a pronunciarse sobre estas prácticas ‘honras, medallas e méritos outorgados a todo tipo de santos, cristos e virxes que alagan por todas as partes todas as institucións do Estado, contando coa colaboración de cargos públicos, cando, xusto ao contrario, deberían ser retiradas para facer efectiva a aconfesionalidade constitucional’, advirten.

Fonte: Nueva Tribuna