A obra recolle estudos relativos á ciberseguridade, desde a súa consideración como unha componente imprescindíbel na vida dixital, análises da normativa vixente en diversos ámbitos e a necesidade de trazar e coñecer a fondo o perfil dos novos usuarios, para desta forma implementar medidas educativas eficaces que permitan garantir un uso seguro da tecnoloxía.

Abórdase a cuestión dos problemas da contratación levada a cabo polos menores non emancipados en Internet, unha das actuacións que vén sendo cada vez máis habitual debido ás numerosas posibilidades que ofrece Internet para que un menor poida celebrar un contrato. E reflíctese a respecto do papel desempeñado por Internet como factor criminóxeno nos delitos de pornografía infantil, examinando nese mesmo cadro a normativa europea e o seu reflexo no Código Penal español.

Non podían faltar os estudos relativos ao prexuízo que da participación na rede se deriva para a intimidade das persoas. Trátase a cuestión relativa á privacidade, a través da análise das medidas adoptadas desde a óptica estatal e o seu posibel desaxuste coa normativa dos dereitos humanos no cadro do Dereito Internacional explicando como se conxuga no actual cadro dixital, sobre todo, tendo en conta as técnicas utilizadas en materia de vixilancia nas comunicacións. Relacionado precisamente coa intimidade das persoas, a súa honra ou a súa imaxe incorpórase tamén unha reflexión sobre algúns dos aspectos do que vén sendo denominado como dereito ao esquecemento dixital e a súa eventual confrontación coa liberdade de información.

Colaboran no traballo: Víctor Domingo Prieto (Presidente da Asociación de Internautas), Marcos Gómez Hidalgo (Subdirector de Operacións do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e, do ámbito académico, Charo Sádaba Chalezquer (profesora Titular da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra), Francisco Jimenéz García (profesor Titular de Dereito Internacional Público), Carmen Pérez Conesa (profesora Titular de Dereito Civil), Julia Roupeiro Carrasco (profesora Titular de Dereito Penal) e Eva R. Jordà Capitán (profesora Titular de Dereito Civil).

Orixinal aqui.