Gusta das causas complicadas como a de Chelsea Manning, coñecida antes co nome masculino de Bradley Manning. A soldado condenada a 35 anos de cárcere -xa pasou catro entre reixas- pola filtración de máis de 700.000 documentos clasificados ao portal WikiLeaks. A maior condena por espionaxe da historia dos Estados Unidos. Parte do material que revelou indicaba a existencia de posibeis violacións de dereitos humanos e infraccións do dereito internacional humanitario cometidas por tropas estadounidenses, polas forzas armadas iraquís e afgás que actuaban xunto cos norteamericanos e pola CIA. Acabou detida e sufriu un calvario de torturas no cárcere antes de se abrir o xuízo oral, segundo o relato dos seus avogados.


Outro litixio non isento de dificultade é de Mohamedou Ould Slahi. Cidadán mauritano, detido en Guantánamo, sen cargos nin xuízo, desde o 5 de agosto de 2002. Antes de ser recluído, foi sometido a desaparición forzada e entregado a Xordania. Slahi afirmou que foi vítima de tortura ou tratos crueis, inhumanos e degradantes tanto na Xordania, como na base aérea de Bagram (Afganistán), en Guantánamo e durante os traslados, e que debido a iso realizou confesións autoinculpatorias.
Dous casos en mans da prestixiosa avogada Nancy Hollander cunha similitude para Amnistía Internacional: a violación dos dereitos humanos.


Que supón enfrontarse a estados que concentran tanto poder como os EUA?

Do punto de vista do traballo dunha avogada penalista consiste en se pór entre o cliente e o poder do propio goberno. É das poucas veces que todo o poder que pode ter un goberno se concentra contra un dos seus cidadáns.
Niso consiste o meu traballo, en situarme entre ese cidadán e o poder estatal.


Mais, é posíbel derrotar xuridicamente os Estados Unidos?

Ten que ser porque, senón, non habería defensa posíbel. Si que se poden gañar casos contra os gobernos.  Se se detén unha persoa e esta é acusada mediante métodos lexítimos a condena pode ser aceptábel. Mais, se non é iso o que acontece. o meu traballo é asegurar que o Executivo opere conforme á legalidade cando tenta procesar un cliente, observando que non se viole a lei vixente.


Recibe moitas ameazas?
Algunhas, mais non demasiadas.


Cal é a situación actual de Chelsea Manning?

Está encarcerada nun cuartel disciplinario no estado de Kansas. Estamos a preparar un recurso contra a súa condena que presentaremos xunto dunha instancia xudicial superior.
Ao mesmo tempo, hai avogados que están a traballar noutro caso para que ela poida obter coidados médicos que lle permitan resolver o seu estado de disforia de xénero.


Denunciaron que a soldado foi obxecto de torturas no cárcere, mellorou o seu estado?
Antes de implicarme neste caso, e de que comezase o xuízo, foi trasladada de Virginia a Kansas e as condicións melloraron espectacularmente. Xa non está en réxime de illamento, nin sometida a condicións que o relator especial sobre a tortura para a ONU cualificou como tortura.
Os avogados que tiña antes loitaron e tiveron éxito para que a situación de Manning mellorase. Outros avogados están a traballar na vertente médica, para que ela reciba tratamento que lle permita mudar de xénero, e que por agora non recibe.


En que se vai a basear o recurso?

Non coñecemos aínda todos os fundamentos xurídicos. Estamos a repasar o caso xa que é o máis volumoso de toda a historia de casos militares: ten millares e millares de páxinas. Aínda debo ler todo o material. Si podo dicir que imos basear o recurso en varias cuestións: non tería que ser condenada no cadro da Lei de Espionaxe, a súa reclusión antes do xuízo non foi conforme á lei, demourouse demasiado en celebrar a vista e existiron irregularidades durante o proceso ao non poder presentar todas as testemuñas nin expor a súa propia defensa.


Entón, pedirán unha rebaixa da pena ou a liberdade absoluta? Hai que lembrar que ela recoñeceu algúns dos feitos polos que é acusada.

Imos pedir ambas as cousas. Declarouse culpábel mais é un asunto que se vai a deixar de lado no recurso xa que entendemos que as penas impostas polos crimes son demasiado longas. Non se tivo en conta  o tempo en que estivo recluída antes do xuízo, nin o feito de que ter sido torturada. Pediremos que se modifique a condena.


Á vista do que conta, é normal que os Estados Unidos actúen sen garantías procesuais?

Espero que non sexa normal, mais si acontece. E é por iso que recorreremos a un nivel máis alto da Xustiza. Moi a miúdo, o feito de que fallen as garantías é utilizado polos avogados para presentaren recurso ante as condenas aos seus clientes.


Ten esperanzas de que prospere o recurso a pesar de toda a presión do gabinete Obama contra o seu cliente?

Afortunadamente Obama non controla os tribunais que van examinar o recurso. Iso si, imos pedir un indulto a Obama, ou ao presidente que o suceda.
De feito, Amnistía Internacional implicouse en tentar que o Goberno español exerza presión para que o presidente norteamericano indulte Chelsea.


O valor da soldado Manning serviu de algo?
Espero que a súa valentía non sexa en balde. Mais está claro que é unha mensaxe de advertencia ao resto: ollo que se pos nunha situación embarazosa o Goberno dos Estados Unidos acabarás no cárcere.
E iso é unha situación moi perigosa. Se considerase que a súa valentía non vai dar os seus froitos non aceptaría o caso. Hai unha posibilidade de os nosos argumentos convenceren neste caso. En calquera caso penal nunca sabes onde se pode producir o milagre. Mais temos que ir a todas as instancias e traballar para  gañar o caso. Nunca houbo unha pena tan longa por filtrar información do Goberno. É máis, sob a administración Obama podemos contar até oito denunciantes que sufriron este tipo de condenas, a cifra máis alta da historia, mesmo se sumamos todos os presidentes norteamericanos. Temos que pór fin a isto.


A sociedade norteamericano abandonou Chelsea?

A maior parte das persoas nos Estados Unidos nin coñeceron nin coñecen o nome de Chelsea Manning. É por iso que as actividades como as que fai Amnistía Internacional son tan importantes para insuflar máis ánimo a Chelsea. Cando eu falo sobre o caso con outras persoas, moi a miúdo non saben de que se trata.


Por que cre que acontece iso?

Ao longo da historia, os estadounidenses non tiveron gran interese pola política. Creo que os europeos prestan máis atención á información.
Moitas veces cando estou nun avión topo con persoas que me din que nunca ven o telexornal porque lles resulta deprimente. A historia dos Estados Unidos é diferente, a súa xente non ten o mesmo nivel educativo que en Europa. Fíxache, se quero ter noticias teño que acudir a medios como The Guardian, BBC, Ao Jazeera ou mesmo The Daily Show, un programa de comedia nos Estados Unidos.


Chelsea garda aínda documentos que non desvelou?

Non pode ter máis documentos secretos. É imposíbel que os teña estando encarcerada. Lembremos que leva no cárcere varios anos, e ela non ten acceso a ningunha información secreta ou doutro tipo. (Chelsea filtrou a WikiLeaks millares de documentos clasificados acerca das guerras do Afganistán e o Iraq así como, entre outras cousas, un vídeo coñecido como ‘Collateral Murder’ onde se ve un ataque aéreo en Bagdad en 2007).


Despois da difusión, mudou algo a forma de actuar dos Estados Unidos no que aos dereitos humanos di respeto?

Até certo punto. Agora dínos que os centros clandestinos de detención da CIA (tamén chamados  black sites) xa non existen. Que nós saibamos non hai ninguén sometido a torturas en Guantánamo. No entanto, eu non podo entrar a comentar o que se filtrou, ou se a situación mellorou nas campañas bélicas no exterior. Todos coñecemos violacións de dereitos humanos que se produciron dentro dos Estados Unidos recentemente.

Salvando as torturas e a falta de garantías procesuais, algúns poden pensar que Chelsea debe cumprir algunha condena porque infrinxiu unha lei e iso é delito.

Non coñezo nada que revelase ela que fose daniño para os Estados Unidos. Non hai dúbida de que violou a lei vixente e por iso se declarou culpábel dalgúns delitos, mais neste caso non se trata de infrinxir a lei. O problema central é que segundo a Lei de Espionaxe non tes por que demostrar dano algún á seguridade do estado para seres condenada. É verdade que ela puxo nunha situación embarazosa os Estados Unidos, mais non foi declarada culpábel do delito de axudar o inimigo. Así, desta forma, rebatería aos que pensen que debe cumprir condena.


Chéganlle moitas denuncias dentro dos Estados Unidos sobre violacións de dereitos humanos?

Si, recibo moitas peticións para traballar en temas de violacións de dereitos humanos. Actualmente represento clientes que están presos en Guantánamo, que sofren penas moito máis longas do que tería que ser. Iso pode ser considerado violación de dereitos humanos. Todo depende do que se entenda por dereitos humanos.


Antes mencionou que xa non hai torturas en Guantánamo. Mellorou a situación alí?
Acabará pechándose como prometeu Obama ao chegar á Casa Branca?
Quero puntualizar. Si que hai torturas:  hai persoas que son alimentadas cando están en folga de fame, continúa habendo persoas en réxime de illamento, e iso é tortura. É verdade que xa non hai vexacións como antes, por exemplo as malleiras. Sobre o encerramento da prisión non podo dar resposta. Hai dúas semanas había 142 persoas en Guantánamo, e despois o Uruguai aceptou recibir tres delas. Nesta visita no Reino da España, estivemos con representantes do Goberno español e pedímoslles de novo que acollan presos, tal e como fixo o Executivo de Zapatero hai anos. A única forma de que se peche é se outros países aceptan os presos, e que os Estados Unidos os deixen marchar. Teño un cliente de Mauritania -cando digo que é de Mauritania moita xente non sabe onde está- que ten aprobada a súa liberación mais continúa retido.
Non son capaz de comprender por que non pode marchar a casa. Guantánamo só podería ser pechado se os países acollesen presos.


O seu cliente Mohamedou Ould Slahi escribiu un libro, traducido para 14 idiomas…excepto para español.

Titúlase ‘O diario de Guantánamo’, e sairá publicado o próximo 20 de xaneiro.
Debido á situación económica non temos ningunha editorial en lingua española, polo que seguimos buscando neste momento.


Falando do español, ten algún cliente español?

Non, ningún.

E como ve a situación no Reino da España e en Europa respecto dos dereitos humanos?

Non se se estou cualificada para dar a miña opinión sobre as prácticas en Europa e no Reio da España.
Tento estar ao día mais ao non ser de aquí é difícil… Coñezo o caso dun maxistrado moi activo que tivo problemas e perdeu o seu posto. (Pregunta o seu nome ao xornalista, e ao suxerirlle a Garzón confirma sacudindo a cabeza). E tamén sei o que está a ocorrer con Cataluña, mais non podo responder a súa pregunta, vostedes coñecen mellor a situación.


Defendeu varias persoas condenadas por terrorismo. É difícil?

Si, é difícil. Especialmente porque a acusación de terrorismo se impón antes mesmo a condena ser firme. Por exemplo, teño un cliente que foi condenado a 65 anos de cárcere só por doar diñeiro a nenos palestinos. Está condenado por terrorismo, por achegar diñeiro a Hamas, con todo, na condena só dise que doou diñeiro a palestinos. Así é difícil saber o que é ser terrorista e o que non.


Por certo, vostede está entre a/os 50 mellores avogada/os penalistas dos Estados Unidos.
Como se alcanza esa consideración e que sente?
(Ri antes de contestar).
Bo, pois levo moitos anos exercendo. Traballar moito, moi duro, algo de sorte e conseguir bos casos