En 2000, o conde Hans Christof von Sponek deixou o seu cargo de Axudante do Secretario Xeral de Nacións Unidas e Coordinador de Misións Humanitarias no Iraque en protesta polas sancións económicas ao pobo iraquiano impostas polas Nacións Unidas. Von Spaneck é membro da Comisión de Crimes de Guerra de Kuala Lampur –creada en 2007 polo ex primeiro ministro de Malaisia Tun Dr Mahathir–, cuxa misión é verificar e controlar as queixas das vítimas en guerras e conflitos e outros crimes recoñecidos como violacións da lei internacional1. Nesta entrevista responde as preguntas da xornalista independente suíza Silvia Cattori.


Tanto a súa investigación2 como os relatorios presentados polo senador suízo Dick Marty, en 2006 e 2007, no Consello Europeo sobre os centros clandestinos de detención da CIA probaron xa a práctica sistemática da tortura por parte da CIA3. Parece que o relatorio do Senado sobre a tortura da CIA publicado recentemente achegou novos aspectos aos que xa coñeciamos. Segundo o seu punto de vista, este relatorio ten unha transcendencia específica?

A publicación do Senado de Estados Unidos do resumo de 500 páxinas do relatorio sobre a tortura é unha contribución importante para o proceso xudicial. Por suposto, o recoñecemento oficial das atrocidades cometidas por funcionarios estadounidenses pode dar lugar a unha condena, mais non é suficiente. As autoridades dos EUA, tanto do Congreso como da administración, incluíndo o presidente Obama, deben mostrar o seu liderado e compromiso confirmando que ese corpo de evidencia será utilizado pola Xustiza dos EUA para empezar o proceso de xulgamento de todos os perpetradores.
A publicación do relatorio sobre a tortura non fixo máis que confirmar o que se sabía en todo o mundo desde hai moito tempo, isto é, que os funcionarios de goberno estadounidense cometían tortura e crimes de guerra. Os gobernos europeos e os doutros países así como as organizacións civís da sociedade tiñan coñecemento da tortura practicada en cárceres do Iraque (por exemplo, en Abu Ghraib, Camps Bucca e Camp Cropper), do Afeganistán (por exemplo Bagram), de Cuba (Guantánamo).

Como membro da Comisión de crimes de guerra de Kuala Lampur, relacioneime con persoas torturadas en Bagram, Abu Ghraib e Guantánamo en 2011 e 2012, e escoitei de primeira man todo sobre o seu inmenso sufrimento. En xuño de 2014, Denis Halliday e eu mesmo, en nome da Comisión KL, entregamos dous volumes de probas de torturas e crimes de guerra recollidas pola Comisión nunha sesión sobre o Iraque da Cámara dos Comúns en Londres. Grazas á investigación realizada polo senador suízo Dick Marty e presentada no Consello Europeo, o mundo enteiro soubo da existencia de cárceres clandestinos, por exemplo en Polonia, Rumania, Exipto, Libia, Siria e outros sitios. Somos conscientes de que os cativos eran transportados a eses cárceres co único propósito de obter información mediante a tortura.

A importancia da publicación do relatorio, por tanto, non ten tanto a ver coa confirmación de que se torturaba. Os truculentos detalles do tratamento inhumano descritos no relatorio de Senado estadounidense non son máis do que algo que se acrescenta ao cadro do horror do cal eramos conscientes. O novo e significativo, con todo, ten a ver coa admisión oficial de tales crimes polo Congreso dos EUA e o que daí se deriva: a obrigación estadounidense de os xulgar.

A petición presentada por Denis Halliday4 e vostede reclama aos Estados Unidos que, en conformidade co mandato da lei internacional, inicien demandas contra aqueles que practicaron a tortura. Pensa vostede que é posíbel que o goberno estadounidense obre en consecuencia?

O feito de que nin o Senado nin os Representantes dos EUA nin o goberno do presidente Obama teñan revelado de momento as súas intencións nin os seus próximos pasos en relación coa Xustiza espertou unha enorme preocupación en todo o mundo. Non pode ser que o país que quere verse como a vangarda da defensa dos dereitos humanos dea outro espectacular exemplo de usar dous pesos e duas medidas na aplicación da lei.

No Iraque, os Estados Unidos non só cometeu tortura, ademais sumiu no caos o país, un caos que custou a vida de millóns de persoas e que continúa tendo efectos letais en toda a rexión. Primeiro e ante todo, non é este tamén un crime do que EUA debería facerse responsábel?

No caso de que os Estados Unidos non dean o paso necesario para acudir aos tribunais, a obrigación de facelo deberá ser asumida polo Tribunal Penal Internacional (TPI) ou, segundo o principio da xurisdición universal, por algún tribunal nacional. En 2012, o TPI rexeitou ocuparse dos casos de tortura e de crimes de guerra co argumento de non seren da súa xurisdición. Só cabe esperar que a recentemente nomeada Fiscal Xeral do TPI, Fatou Bensouda, entenda a súa alta responsabilidade e acepte ver os casos que –na eventualidade de o goberno dos EUA non cumprir coa súa obrigación– lle foren presentados.

Notas:

1. Comisión: criminalisewar.org

2. It is estafe for the damage to be compensated

TIME on Iraq War: What Did We Do to Deserve This?

3. http://www.assembly.coe.int/asp/doc/xrefviewpdf.asp?FileID=11527&Language=FR

http://www.dickmarty.ch/docs/20081221_nota-19.3.07-(f).pdf

http://www.dickmarty.ch/docs/20081221_rapporto-fran%C3%A7ais.pdf

4. STOP TORTURE: Accountability: YES ? Impunity: NON

Fonte: http://arretsurinfo.ch/the-senate-cia-torture-report-and-the-us-obligation-to-prosecute-h-c-von-sponeck-interview/

Orixinal en Rebelión (Traducido do inglés para español por Carlos Riba García.