No próximo 5 de xullo, quinta-feira, será proxectado nos Multicines Norte de Vigo  o filme “La Cifra Negra”, un documentario sobre a tortura no Reino de España dirixido por Ales Payá. Despois da proxección haberá un debate sobre en que participará Guillerme Presa Suárez, avogado e membro de EsCULcA, que ten un coñecemento directo, como profesional e activista, da situación nos cárceres ubicados no noso país.
Resultado de imagen de la cifra negra
A longametraxe tracexa unha panorámica da vulneración dos Dereitos Humanos en comisarias e cárceres do Reino de España através duns trinta casos paradigmáticos e analisa o índice de impunidade deste tipo de delitos. Vítimas, avogadas e avogados, membros da xudicatura, policías, activistas dos dereitos humanos e outras persoas que coñecen de perto a situación analisan as súas causas e sinalan posíbeis vías de superación deste flaxelo  que pon en causa o estado de dereito.
O documentario conta coa participación de Jorge del Cura (portavoz da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura), Joaquim Bosch, Rafael Ribó, Manuela Carmena entre as persoas entrevistadas e con actores como Willy Toledo, Isak Férriz e Gorka Lasaosa nas reconstrución de feitos demostrados en sede xudicial.
Prémios
O filme gañou o 16º Festival de Cinema e Dereitos Humanos de Donosti. Inaugurou a última edición do BccN Barcelona Creative Commons Film Festival e participou na sección competitiva do Festival de Cinema e Dereitos Humanos de Barcelona. Ten o apoio de Amnistía Internacional e da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura.
En Galiza, alén da súa exhibición nos Multicines Norte de Vigo do próximo dia 5 de xullo, está previsto que sexa proxectado no Cinema Numax de Compostela no próximo 7 de xullo.