Pablo Sánchez (A Coruña, 1978) é portavoz da asociación “Jimmy, Sempre con nós”, creada “para que non lle falte nada ao fillo de Jimmy e para que non quede impune o asasinato fascista”. Conversamos con el sobre os feitos que tiveron lugar no Manzanares aquel 30 de novembro de 2014.
 

Unha das reclamacións principais da asociación é a da xustiza. Por que consideran que no caso Jimmy non hai xustiza?

Porque hai moitas cuestións que así o din. Empezaron dicindo que houbera unha quedada cando non había proba ningunha e cando a propia investigación policial concluíu que non era unha quedada, senón unha emboscada. Os detidos foron os apuñalados e non os autores deses apuñalamentos. Ademais, o fiscal pediu a prisión provisional para seis dos afeccionados da Coruña e nada para os afeccionados madrileños. É curioso que en seis meses houbera catro xuíces diferentes.

A que cre que se debe?

Porque os anteriores xuíces non lles valían. Resulta que este último xuíz saca do cárcere catro agresores do Atlético e mételles só “riña tumultuaria”, cando eles mesmos sinalaron que no vídeo publicado a persoa que tiran ao río non é Jimmy (era Santi, outro compañeiro noso) e non negaron que fosen eles quen tiraron e golpearon Santi. Como Santi non morreu, déixaos en liberdade. Non hai que esquecer que tamén está o caso da testemuña protexida, que di estar a cinco metros dos que golpean e tiran a Jimmy ao río e nin o fiscal nin o xuíz lle toman declaración. Se non chegamos a ter avogado privado, o caso queda pechado.

En que momento do proceso se atopa o caso?

Estamos á espera do que diga o xuíz. A declaración de Santi, que tivo lugar o pasado xoves –quinta feira- non valeu para nada porque o xuíz de Madrid non lle enviou nin unha soa pregunta ao xuíz da Coruña. A toma de declaración foi un paripé. Agora estamos á espera de que declare a testemuña protexida.

Vostede é membro dos Riazor Blues, pensa que o grupo ao que pertence foi criminalizado?

Si. Todo colectivo que non se prega ao sistema convértese en inimigo e tratan de o reprimir ao máximo, axudándose dos medios. Desta maneira, preséntannos como mozos violentos, como irracionais sen futuro cuxo único obxectivo é emborracharse e isto calla na sociedade. Ocupáronse máis de nos desprestixiar que de buscar os asasinos. Inventaron até o da quedada, dicindo que había whatsapp.

Sempre defenderon que foi unha emboscada. Que aconteceu?

Saímos, coma sempre, do Palacio da Ópera da Coruña, e non de Lugo, como se dixera, e conseguimos as entradas da mesma maneira que as conseguimos sempre. Almorzamos en Madrid e alí foi onde aconteceu todo. A policía quedou cos nosos móbiles para facer as comprobacións e o único que atoparon foron mensaxes entre a xente do Frente Atlético para quedar entre eles. Algunha das mensaxes dicía que quedaban porque “bajaban los cerdos”, por nós. E por iso xuntaron tanta xente, case 300 persoas, nas inmediacións do Manzanares. Se te vas pegar con alguén non baixas do bus, como fixemos nós, coa entrada do fútbol, e a un só quilómetro do estadio. Cres que na capital de España, Madrid, pode andarse tranquilamente con paus e coitelos e que ninguén se decate e non pasa nada?

A policía di que non presenciou os feitos…

A “pelexa”, por chamalo de algún modo, porque eramos uns 100 contra uns 300, dura uns 30 minutos. Até que marcharon os últimos deles alí non apareceu ningún policía. É a forma que teñen eles de dicir que tan culpábeis son os agredidos como os agresores. Desprestixiaron os que fomos golpeados. Mesmo Cifuentes –por entón delegada do Goberno en Madrid- admitiu que era falso que quedásemos cos Bukaneros –afeccionados do Rayo Vallecano. Todo foi mentira, coa última intención de salvagardar os amigos.

Foi unha cuestión ideolóxica?

Está moi claro. Isto fútbol non é. É unha cuestión puramente ideolóxica. Alí había xente de Asturias, Levante… había militares, policías… mesmo se di que o sobriño de Cerezo –presidente do Atlético de Madrid- andaba polo medio.

Cantas multas teñen os afeccionados do Dépor?

Aos que fomos detidos paralizáronnos as multas porque o procedemento vai pola vía penal, pero dos que non foron detidos hai 60 multas de 60.000 euros. A este importe hai que sumarlle o 20% se non pagas a multa en dous anos. E é imposíbel pagar en dous anos 60.000 euros, polos que, ao final, serán multas de 72.000 euros… É unha hipoteca que temos para toda a nosa vida.

Cando entrevistamos o seu avogado, Erlantz Ibarrondo, confirmounos que do bando do Atlético non había multa ningunha. Segue a ser así?


Por que esa diferenza?

Polo que falamos antes, é unha movida política. Os fascistas, co apoio das altas instancias do Estado, cálanos os que pensamos dun xeito diferente. É como facía Franco. Con multas saben que conseguen calar moita xente, pero outros non calamos.

Cre que hai unha certa “barra libre” para a extrema dereita española?

Penso que si. Queda moi claro con isto. Se o asasinato de Jimmy son catro meses de cárcere e nada máis… xa me dirás. En Madrid fan o que queren. Á xente emigrante fanlles un 88 –o H é a oitava letra do abecedario, de maneira que o 88 sería o saúdo usado polos nazis “Heil Hitler”- e hai unha impunidade total. Cantos crimes levan xa? Non esquezamos Aitor Zabaleta e Carlos Palomino. Algúns van ao cárcere pero as penas son irrisorias. Teñen moito poder. A eles deféndeos un que foi fiscal da Audiencia Nacional, imaxina o que ten que cobrar. Ademais, poden darse o luxo de ter cada un deles un avogado. Ningún de nós pode pagar un avogado deses.

Pensa que acabarán sendo xulgados os asasinos de Jimmy?

Non descansaremos até o conseguir, custe o que custe.

Que opinión ten do movemento de apoio crecente que se está dando na cidade da Coruña para pedir o fin da impunidade e para que haxa xustiza?

Só podemos dar mostras de agradecemento. Temos que darlle ás grazas á Federación de Peñas, que nos apoiou desde o primeiro momento e que segue a axudarnos moito, á xente do BNG da Coruña, que denunciou en Madrid as mentiras lanzadas contra nós, ao alcalde da Coruña, que pide xustiza para Jimmy, ao Deportivo e aos xogadores, que parece que empezan a involucrarse porque se decataron do engano…

Teñen o apoio do club?

Agora estamos moi contentos co club, aínda que podía involucrarse un pouco máis. Non temos queixa. Parece que a xente en xeral se decatou, por fin, do engano, de que había moitas cousas que non cadraban… só hai que pensar que non hai ningún imputado polo asasinato de Jimmy e que os do Frente Atlético só recibiron delito por “riña tumultuaria”, como todos nós, e como Santi, o compañeiro que tiraron ao río. Hai afeccionados do Dépor que teñen catro puñaladas no corpo e que logo de estar no hospital curando tiveron que estar tres días durmindo no calabozo en Madrid. En vez de deter os autores, detiveron os que padeceron os ataques. Limitáronse a deter todo aquel que tiña os pantalóns sucios e que estaba suado.

O próximo 30 de novembro cúmprese un ano do asasinato de Jimmy. Como ides enfocar ese día?

Todos os días 30 de cada mes, imos á Torre de Maratón, ao grafitti coa cara de Jimmy, e facémoslle unha ofrenda con velas. O 30 de novembro, faremos algo especial para que nunca se esqueza. Seguiremos a pedir xustiza sen descansar.

 

Orixinal aqui.