Como foches identificado?

Estaba con outras amizades na Praza Maior. Ía disfrazado de monicreque polas detencións de Madrid e levaba un cartaz de cartón que puña ‘Gora Alka-ETA’. A praza estaba ateigada de xente e por volta das 2.30h da madrugada achegáronse 7 ou 8 policías nacionais (CNP). Colléronme e dixéronme que tiña que ir con eles. Eu non daba creto e pensei que era xente disfrazada, que era brincadeira. Empurreinos un pouco e colléronme do brazo. A xente estaba flipando. Baixáronme cara á parte traseira da praza e cando vin o furgón [policial] xa me decatei de que ía en serio. As persoas que estaban comigo comezaron a preguntar que estaba a acontecer e identificáronas. Imaxino que para meter medo.

Que razóns deu a policía para te identificar?

Dixeron que o que estaba a facer estaba a molestar a xente e que recibiran varias chamadas por mor do meu disfraz e do cartaz. Non sei se é certo ou non mais pode que si porque no medio da xente non me puideron ver. Os axentes preguntáronme como ía así vestido co que estaba a pasar, que era apoloxía do terrorismo e que levaban os meus dados ao xuíz para que decidise se cumpría dar parte á Audiencia Nacional. Tentei discutir con eles mais non atendían a discusións. Ademais, levaba unha mochila de Que voltem [colectivo de amizades e familiares de pres@s independentistas], fotografárona e adxuntárona ás probas após rexistrarme por se levaba algo máis.

Como valoras o acontecido?

Ourense é a capital do entroido e nel sempre se fixo sátira e crítica política. Este mesmo ano houbo unha comparsa sobre o caso Baltar [foi denunciado por acoso sexual e está a ser investigado por un presunto delito de suborno e tráfico de influencias]. Era moi forte. Nunca sucedeu nada.

A que cres que se debe?

Isto vén propiciado por unha tensión mediática por parte dos medios capitalistas. Se á xente lle dis que isto está mal, que todo é terrorismo, e mesmo Podemos se posiciona en conta… á xente dalle por chamar. En Ourense hai disfraces de todo tipo e sempre houbo respeito polo entroido pois, ademais, é parte fundamental del a sátira.

Que farás agora?

Estou en contacto con Esculca. Falarei con eles para que me aconsellen como proceder. Para min ao ser activista político, non quero que isto pase desapercibido mais tamén quero velar pola miña seguridade e, aliás, estou preocupado pola miña familia pois isto non é unha brincadeira. Non me colle na cabeza que vaia a máis, porén, non me fío.