O campo de refuxiados ‘Better Days for Moria‘ naceu a iniciativa dun grupo de voluntarios xunto ao centro oficial de rexistro da illa grega de Lesbos. Se xurdiu tan preto dun campo gobernamental, di Raül Torras, é porque facía falta: "Polos vacíos institucionais". A súa presenza, apunta, incomodaba porque "reflectía que algo non ía ben".

Ao principio, axudaban os recentemente chegados mentres tentaban rexistrarse no saturado centro de Moria. Despois, cando o campo oficial comezou a impedir o rexistro a determinadas nacionalidades, comezaron a acollelos de forma máis prolongada. Converteuse no refuxio das persoas tachadas de "migrantes económicos": paquistaneses, marroquínos, arxelinos, tunisianos…

Os problemas xa comezaran para eles moito antes. Agora, todos os refuxiados e migrantes serán devoltos en base ao acordo UE-Turquía. E, segundo denuncian moitos voluntarios e ONGs, eles corren o risco de seren os primeiros en retornar. Falamos co coordinador de ‘Better Days for Moria‘ cando o campo xa ficou practicamente baleiro. Explícanos como se produciu o proceso de evacuación das persoas que acollía, e por que eles mesmos decidiron finalmente ir a un centro de detención polo seu propio pé.

Son días tristes en Lesbos.

Desde o domingo, as autoridades gregas están a evacuar Lesbos dos refuxiados que xa estaban nas illas con anterioridade á entrada en vigor en acordo. No voso caso, ao ser un centro extraoficial, tamén os evacuaron.

 

Como o están facendo?

Hai dous días, chamounos a Policía para advertirnos de que unhas 150 persoas que se aloxaban en ‘Betters Days for Moria‘ debían abandonar o centro. Dixéronnos que, se non saían voluntariamente, intervirían no campo. Moi preto de Moria (o centro oficial agora convertido en centro de detención) tiñan tres furgonetas de antidisturbios…

Entón, explicamos á xente que estaba aloxada no campo que tiñan dúas opcións. A primeira, accederen a ir ao campo oficial voluntariamente. Sobre esta posibilidade explicámoslles que non sabíamos que ían facer con eles. Se van a Kavala, aonde parece que están a trasladar todos, non sabemos se os internarían en centros ou serían deportados directamente a Turquía.

A outra opción que lles expomos era non ir, ficaren no centro. Deixámoslles claro que nós non os estabamos botando, mais desgrazadamente non os podiamos protexer da policía, non tiñamos capacidade de facer nada. A maioría elixiu saír voluntariamente.

Por que elixiron irse?

Son conscientes de que non teñen outra opción. Dicíannos que, se ao final van ser deportados igualmente, mellor facelo voluntariamente.

Ademais, cando lles explicamos que a policía ameazou con intervir, a maioría dixo que marchaba porque non quería ver á policía neste campo. Dicíannos que nos querían moito e non querían pór o noso campo e a nosa xente en perigo. Portáronse de forma excelente. Imaxíno a frustración que deben sentir por estarem encerrados e o difícil que debe de ser manter unha posición pacífica. Esta xente fíxoo.

Saben que foi deles?

Chegan moitas informacións mais sen contrastar. Hai dous días partiu un ferry a Kavala, tiña xente de Irán. Finalmente, segundo contáronnos algúns dos iranianos que viaxaban nel, o ferry non foi a Kavala senón a Atenas. Metéronnos en autobuses e ficaron parados sen información. Non temos garantía de que os leven a Kavala, como din as autoridades. 

Tamén temos dúbidas de que os centros de protección creados en Atenas cumpran garantías.

Como están as persoas que decidiron quedar no voso centro? Que pensan facer?

É moi complicado, viron que a gran maioría decidiu marchar. Senten que o terán que facer. É moi duro… levamos dous días despedindo xente, o panorama é moi desolador. Chegamos a un punto en que non temos solución. Aquí non están as autoridades gregas nin a policía, tampouco hai ninguén de Acnur. Aquí somos nós os que temos que explicar e dicir adeus con bágoas nos ollos.

A xente está triste, está a perder a pouca esperanza que tiña. Son máis ou menos conscientes das dificultades legais. Agradécennos moito este tempo mais son conscientes de que a partir de agora non virán boas noticias. Senten tanta frustración…  Pensan que o deixaron todo atrás por nada, non conseguiron chegar onde querían, esquecéronse deles, senten abandonados por Europa.

En que condicións viven os refuxiados no centro pechado de Moria (Lesbos)?

Agora mesmo Moria -antigo centro de rexistro- xa é un campo pechado. Todos están en Moria, tamén solicitantes de asilo. Mais estes primeiros días están a ser moi confusos. Antes había moitos voluntarios que facían cousas tan básicas e necesarias como buscar as familias, darlles roupa, ou información… Mais a maioría agora mesmo non ten acceso aos refuxiados. É un trato distinto e segundo o que nos contan é moito peor, agora xestiona o centro a policía.

Cando todo o persoal é oficial, asegúrasche do que se explica e deixas ver ao mundo só o que ti queres. Este é un elemento moi importante: non haberá persoal humanitario, polo que me preocupa que é o que se vai a explicar ao mundo sobre o que ocorre en Lesbos. Agora os voluntarios contaban día a día a realidade. Agora encerran aos refuxiados e a transparencia será menor.

Antes do acordo UE-Turquía, presionáranvos para pechardes o voso campo?

Directamente non, mais desde o principio, o feito de haber un campo non oficial á beira do oficial significa que o oficial non funciona. Nunca fomos benvidos porque non interesa. Porque demostra que hai baleiros no seu campo, por iso sempre nos puxeron as cousas difíciles. Cortáronnos a auga dun día para outro. Mais sempre estivemos moi valorados por todos os refuxiados.

Parece que o labor de Betters Days for Moria en Lesbos termina. É así? Que pensan facer e como o levan os voluntarios?

Fodidos, estamos fodidos. Os que estabamos aquí desde hai tempo sabiamos que nalgún momento pasaría. Viamos como evolucionaba a lóxica europea e como ían limitando as súas opcións. Primeiro impediron saír de Grecia a xente da Tunisia, Marrocos e Alxeria; logo aos paquistaneses… Mais aínda que es consciente, nunca estás preparado para afrontalo. Os voluntarios non estabamos preparados para facelo tan rápido, así que imaxínache eles…  Que despois de atender 160.000 persoas desde novembro polo baleiro institucional, a policía te ameace con intervir o teu campo é duro.

Podiamos axudar, organizarámonos e tiñamos capacidade. Mais a vontade política é de non axudar. Temos que ver como evoluciona, probablemente comezaremos o proxecto noutro sitio, temos moitos contactos para empezar de novo. Podería ser Turquía ou Líbano…

Orixinal aqui.