A investigadora arous Helena Domínguez obtivo un ‘cum laude’ coa súa tese de doutoramento, ‘A construción mediática do conflito político en Galiza: o tratamento de Resistencia Galega na prensa’.

 

 

O vindeiro 16 de abril a investigadora ofrecerá un resumo da súa investigación (‘A construción mediática do conflito político en Galiza: o tratamento de Resistencia Galega na prensa’) no centro social ‘Escarnio e Maldizer’ de Compostela, convidada por Ceivar co gallo do Día Internacional de apoio os presos políticos. A tese de doutoramento desta investigadora arousá foi defendida hai unhas semanas e mereceu a cualificación de ‘cum laude’.

De onde parte o teu interese por este tema?

O meu foi unha evolución. Como investigadora, sempre me interesaron os movementos sociais e a comunicación alternativa, así que cando empecei os estudos de doutoramento en Barcelona fixeime no movemento okupa. Vivía nun barrio onde había moita actividade deste tipo, con casas okupas e centros sociais moi activos, así que quixen facer a miña tesiña sobre as prácticas comunicativas dese movemento.
Cando volvín para Galiza, á hora de facer a tese quería seguir cos movementos alternativos. Mais aquí o panorama ‘okupa’ non tiña tanta implantación e inclineime pola comunicación do movemento independentista. Ambos os dous movementos teñen cousas en común, como por exemplo a creación de centros sociais, que son lugares de debate e reflexión, que serven para agregar novos activistas e darlle cohesión aos movementos sociais. Aquí foron artefactos impulsados polo independentismo

E de aí…

Nun Congreso en 2013 no que tomei parte fixen unha primeira aproximación a medios do independentismo, como Galizalivre.org, Diario Liberdade e Novas da Galiza. Fixen entrevistas con activistas e unha queixa que todos partillaban era sobre como se representaba o independentismo nos medios convencionais. Mais á hora de procurar bibliografía sobre ese tema non atopaba nada. Naquela época declaraban Resistencia Galega como organización terrorista, así que me decidín a investigar todo isto.

Na túa tese sostés que a prensa convencional actuou como unha prolongación do Estado no tratamento de RG. Como se se limitase a cumprir o papel de “instrumento propagandístico”

Así foi. Iso non significa que a prensa convencional asuma e defenda sempre todos os intereses do Estado en todos os ámbitos, mais no que toca ao ‘terrorismo’, é así. Hai unha liña marcada para definir e cubrir o que é considerado ‘terrorismo’, a liña oficial, e de aí non se afasta ninguén. A prensa convencional non aborda o tema desde criterios de xornalismo, senón que actúa de aparato propagandístico da estratexia antiterrorista do goberno.

A que te refires cando falas dunha ‘liña da que non se afasta ninguén”?

As notas de prensa do ministerio de Interior, da delegación do goberno, as filtracións da policía… non se cuestionan. Toda esa información nin sequera se contrasta, dáse por obxectiva sen máis, ofrécese como a única versión dos feitos. A prensa está, por dicilo así, “relaxada”, en canto a comprobar cousas que son básicas. Nestes casos reproduce acríticamente o que din esas instancias. E a información que facilitan non sempre é veraz, xa que forma parte dunha especie de “guerra psicolóxica”. Ademais, hai que ter en conta outras estratexias discursivas como a “extensión do terrorismo”, que é cando coa escusa de loitar contra o ‘terrorismo’ se estende a ‘criminalización’ a outros colectivos e asociacións que se afastan do discurso oficial.

Entón o que tamén se denuncia nesta tese é unha determinada forma de facer xornalismo, que deixa á marxe calquera deontoloxía ao tratar este tipo de temas

O tratamento de RG desde a perspectiva do terrorismo condicionou de forma distorsionante a práctica xornalística e deu lugar a mecanismos de desinformación. Revisei as informacións publicadas por ABC ou La Voz de Galicia desde 2005 a 2014 e comprobei que os erros foron frecuentes, dende non respectar a presunción de inocencia ata informacións totalmente incorrectas e carentes de rigor. Ademais, polo xeral, as accións de violencia política non se contextualizaron, non se ofreceu unha interpretación, unha explicación que intentase albiscar o por qué do fenómeno. Deste xeito, a violencia sempre parece “irracional”. Ao tempo, coa escusa de atacar Resistencia Galega, algúns columnistas desacreditaron outras formas e experiencias de pensar e de querer construír este país, facendo unha asociación perversa entre o terrorismo e o nacionalismo galego democrático, e nalgúns casos, mesmo a lingua.

De feito, nunha das conclusións do traballo afirmas que “O imaxinario do terrorismo foi utilizado para criminalizar e desacreditar mediaticamente as expresións do nacionalismo galego”. Que queres dicir?

Podo poñerche un exemplo. No 2013, o Partido Popular presentou toda unha serie de mocións instando a condenar Resistencia Galega, no Parlamento de Galiza, nas Cortes españolas e despois nos diferentes concellos galegos. Deste xeito, forzou a que todos os partidos se posicionaran fronte a un texto redactado nos termos que ao PP lle interesaba. Cando as outras forzas se negaban a apoiar a moción, os políticos populares, e tamén a prensa, presentaban estes partidos como sospeitosos de apoiar o terrorismo . Isto ocorreulle especialmente aos partidos nacionalistas como o BNG e AGE, que foron insistentemente cuestionados e desacreditados por non seguir a liña oficial.

Importouse a Galiza, logo, a estratexia que durante catro décadas se aplicou en Euskal Herria

O tratamento do conflito vasco na prensa está bastante estudado e as investigacións coinciden en varios aspectos, como o dominio das fontes oficiais na construción das noticias e a marxinación das voces dos colectivos sociais, a habitual presenza de mecanismos de desinformación e un aliñamento ideolóxico dos xornais que afecta á calidade da información. Todas estas características tamén se deron na Galiza, que é un contexto totalmente diferente.

Falas nas conclusións da tese de “sarillo de intereses interconectados de tipo polítco e mediático” que inflúen á hora de tratar este tipo de temas por parte dos medios convencionais.

Os xornais da Galiza, en xeral, están aliñados co goberno da Xunta, co que teñen unha relación de dependencia. A través de subvencións, convenios, axudas… transfírense cantidades millonarias aos medios e exércese un control indirecto, e tamén directo, sobre certos aspectos do que se publica. Este tipo de axudas non son transparentes, o que fai moi complicado saber o monto total delas.

Ben, a isto engadimos outros intereses e outras prácticas da colaboración e entendemento mutuos. Un exemplo: varios activistas independentistas que se viron envoltos en operacións policiais, contáronme que no momento que os detiveron, atopáronse con fotógrafos de prensa e cámaras de televisión ás portas das súas vivendas. Antes de que se enteren a familia, amizades… xa están os medios para tomar a foto. Iso fano porque alguén lles avisa antes, claro.

A tese rematáchela antes de que tivese lugar a ‘Operación Jaro’, coa detención de militantes de Causa Galiza e a suspensión de actividades da organización por un ano. Estamos perante un salto cualitativo?

Eu creo que estamos perante algo que confirma todas as teses das que vimos falando, pero levadas ao extremo. Vemos como se deu unha estratexia de “contaminación” do independentismo co terrorismo e unha criminalización de prácticas políticas que presentan un desafío á orde establecida. Non é un fenómeno novo, son varios os estudos que sinalan a instrumentalización que fan os Estados do ‘terrorismo’, unha etiqueta que serve para a construción de inimigos ideolóxicos e como escusa perfecta para reprimir todo tipo de disidencia.

Retomas o concepto de ‘modelo de propaganda’ porque consideras que é útil para entender o papel dos medios convencionais galegos nesta cuestión. Que caracteriza este modelo?

Baseeime neste modelo, definido por Herman e Chomsky nun contexto moi determinado, a finais dos 70 nos Estados Unidos, mais que segue a ser válido para explicar prácticas mediáticas contemporáneas que se están producindo aquí. Este modelo aséntase na idea de que existe unha serie de filtros que afectan e inflúen nos medios de comunicación. Son catro, a propiedade dos medios e a súa orientación comercial, a publicidade como fonte de ingresos, a confianza cega dos medios na información subministrada polo goberno e o último dos filtros é ideolóxico. Na época na que o plantexaban Chomsky e Herman era o ‘anti-comunismo’ como elemento de control, de xeito que os asuntos tendían a ser enmarcados nunha dicotomía entre comunistas e anticomunistas. Este filtro actualizado á nosa época pasou a ser unha polarización entre os “demócratas” e os “violentos”. Se antes se demonizaban os ‘comunistas’, agora son os ‘terroristas’ ou os que apoian o terrorismo, un concepto moi amplo no que se inclúe toda disidencia.