Alberte Ameneiros, auxiliar nunha clínica dental, viaxou até o campamento de Idomeni a pasada semana para prestar axuda ás persoas refuxiadas. As cifras oficiais sitúan en 54.230 o número total de persoas refuxiadas en Grecia. De entre elas, por volta dunhas 10 mil malviven en Idomeni das que 3 mil son crianzas –segundo os dados de Médicos Sen Fronteiras.

O foco mediático que apuntou cara este lugar nos últimos meses vaise apagando. Un fundido a negro cinematográfico lento e unicamente interrompido de cando en cando polos protestos e as cargas policiais, como a acontecida na quinta feira (19 de maio).
 
Algo que para Alberte Ameneiros é o que están a agardar as autoridades gregas e europeas, "que se apague como noticia" para "quitalos do medio". Os "rumores", explica en conversa con Sermos Galiza, é que visan deslocar as persoas que se atopan en Idomeni cara á "campos militares" aos que xa están a enviar aquelas persoas refuxiadas que se acollen aos plans gobernamentais.

Quen fica, faino nunhas condicións "extremas" baseadas en axuda humanitaria que prestan organizacións non gobernamentais locais e internacionais xunto con persoas voluntarias chegadas desde múltiples recunchos do mundo.

Como decidiches ir a Idomeni?

 Vin a situación na TV. Ía coller unhas vacacións e apetecíame botar unha man.

Tiñas algún contacto alí?

 Fun sen contacto. Estaba nun grupo de Facebook de voluntarios que van pola súa conta e alí organízanse. Sabía que había que ir a unha vila situada a uns 14 quilómetros de Idomeni, Polikastro. Atopei un avión desde Porto co que viaxei a Frankfurt e Tessalónica.

Como foi a chegada?

 A situación de Grecia chama moito a atención. Estivera hai máis de 20 anos e o cambio foi brutal. Hai moita xente pedindo na rúa, as estradas e o tráfico son caóticos. Cheguei ás 23h a Tessalónica e ao día seguinte fun a Idomeni. O punto de encontro é un hotel de estrada de Polikastro no que están acampados moitos voluntarios na parte de atrás que se reúnen dúas veces ao día, ás 8 da mañá e ás 8 da noite. Había un grupo de persoas que reparte plátanos e pan de pita. Apunteime.

A actitude da policía é de desprezo aos refuxiados

Cada mañá iamos ao campo ás 12h. faciamos o reparto dunha tonelada de plátanos e de varias bolsas de pan de pita. A sensación que tiven é de que a axuda chega a quen chega. Repartiamos de maneira bastante caótica. Día a día medraba o nerviosismo. Tamén nos achegavamos ás tendas de campaña para preguntar que precisaban e tentabamos levarlles cousas ao día seguinte. A actitude da policía é de desprezo aos refuxiados. Nas vías do tren teñen dous autobuses cruzados para que non poidan pasar a fronteira con Macedonia, do outro lado hai un blindado para meter medo.

Cales son as condicións de salubridade do campo?

 Son moi duras. Hai por volta de 8 tendas grandes disponibilizadas por ACNUR. A primeira vez que entrei lembrei os barracóns nazis. Hai persoas amoreadas, durmindo en catres tapados con mantas. En fronte delas hai WCs e duchas, máis de 15, porén non dá para todos. O resto das persoas vive en tendas de campaña. Fan lume e quentan auga, imaxino que para se lavar. Mentres estiven alí choveu cada dous días polo que hai moita lama. Dentro do que cabe a situación non é de todo extrema dentro do extrema que é.

O goberno non presta ningunha axuda?

 Alí non vin presenza de ningún goberno ou administración. Si hai camións do lixo e xente que recolle e limpa. Sorpréndeme como a UE e Grecia poden ter 8 mil persoas alí sen prestarlles atención. A axuda que chega é da solidariedade popular e chega a quen chega. A policía para os voluntarios todos os días, pídelles a documentación. Tentan extremar as condicións para que se vaian ou se acollan aos campos militares. Coñecín familias que volvían para Siria porque aquilo era insoportábel. Teñen nacido crianzas e descoñécese a situación legal na que se atopan. Hai moita desinformación. Porén, aínda cren que hai posibilidades de que abran a fronteira mais iso non vai acontecer. Hai rumores de que os van trasladar queiran ou non nos vindeiros meses.

Que sensación traes de volta?

 Dunha banda, estiven contento proque te implicas, cólleslle cariño á xente, sobre todo aos nenos. Doutra, ao saír a sensación é de pena profunda porque o seu futuro é dramático. Ou quendan alí non sei en que condicións ou volven a Siria. Sei que fixen o que puiden mais sentes impotencia. Preocúpame moito a situación das crianzas porque están expostas a calquera cousa pola desidia do goberno e da UE.

E ao chegar aquí, que percibes?

 Parece que vés doutro mundo, que non estiven alí porque ves a normalidade que hai aquí. Non é algo do que se fale socialmente. Creo que é iso ao que están agardando, a que a noticia se apague para actuar, para quitalos do medio. Fálase de perto de 60 mil persoas en toda Grecia, non é tanta xente como para non ser reubicadas en condicións dignas. Aínda que sexa entre 10 ou 12 países. É un número insignificante. A xente fuxe dunha guerra xogándose a vida no traxecto. Non se ten a máis mínima sensibilidade.

Orixinal: Sermos Galiza