Domingo 22 de maio, inmediacións do estadio Vicente Calderón. Unha moza diríxese á súa casa no medio dun enorme dispositivo policial con motivo da final da Copa do Rei. Vai escoitando música polos auriculares e ollando distraídamente o móbil cando dous policías corren atrás dela e danlle o alto. Minutos despois continúa o seu camiño cunha mestura de sorpresa e indignación e unha denuncia na man. O motivo "Levar un bolso coa cara dun gato encadrada polas siglas A.C.A.B e a mensaxe "All cats are beautiful" (Todos os gatos son fermosos). Mais o acrónimo é tamén coñecido como consigna antipolicial: "All cops are bastards" (Todos os policías son uns bastardos). E non os convenceu.

O mero feito de exhibilo pola rúa foi considerado unha «falta de respecto ás forzas de seguranza no exercicio das súas funcións», infracción que, en virtude da Lei de seguranza Cidadá, pode acarretar unha multa de entre 100 e 600 euros. «Tentei dialogar, mais como vía que canto máis falaba máis nervosos estaban, desistín». Só ao ler detidamente a denuncia volveu sobre os seus pasos para esixir unha rectificación: «Escribiran que no bolso puña "All cops are bastards" e iso non era certo. Como ía eu a demostrar despois que era ese e non outro o bolso polo que me denunciaron"». Os policías negáronse a mudar unha vírgula, aínda que dous días despois o caso era arquivado o caso, que se converteu no máis visto en Twitter.

A lei, ao detalle

Orde pública máis estrita

A Lei de seguranza Cidadá actualiza unha norma similar de 1992, mais é máis estrita en temas de orde pública. Castiga as sentadas, a ocupación de lugares públicos ou as manifestacións ante sedes parlamentares.

Menos control xudicial

Chegou da man da reforma do Código Penal en que desapareceron as faltas. Algunhas pasaron a ser infraccións administrativas, que non as revisa un xuíz a non ser que se recorran. Os expertos din que «desequilibra o balance de poderes a favor do Executivo». Está recorrida ante o Tribunal Constitucional.

Sen apoios políticos

O anteproxecto recibiu críticas de partidos políticos e organizacións internacionais antes mesmo de ser elaborada. A súa redacción final, aínda que eliminou infraccións polémicas como as «ultraxes a España», foi aprobada só cos votos do PP.

«Non Somos Delito»

É a plataforma que engloba máis de 80 colectivos contrarios ás reformas legais que «criminalizaron a protesta». Máis de 60 concellos e institucións comprometéronse a non aplicala.

105 persoas foron denunciadas de media cada día desde que entrou en vigor a lei por «faltas de respecto» e «desobediencia» á autoridade ou aos seus axentes.

77,8% das denuncias tramitadas pola Lei de Seguranza Cidadá corresponden a infraccións por consumo ou tenencia ilícita de drogas. O 8,3% ten que ver co control de armas e apenas un 0,17% coa fabricación e manipulación de explosivos. As faltas de respecto e desobediencias suman 31.483, un 8,5% do total.

23.932 das 31.483 denuncias por faltas de respecto ou desobediencia acabaron en sancións. Son o 75%.

600.000 euros é a pena máxima para infraccións moi graves, como manifestacións sen comunicar ante «infraestruturas críticas» ou a celebración de espectáculos prohibidos.

Non foi a primeira enxurrada de críticas contra a coñecida como "Lei Mordaza". A norma máis contestada do Goberno de Mariano Rajoy cumprirá o 1 de xullo un ano en vigor co rexeitamento de amplos sectores da cidadanía e todos os partidos da oposición enfronte, ademais de organismos como Amnistía Internacional ou o Consello de Europa. A normativa, que viña actualizar unha similar de 1992, regula aspectos como a fabricación de armas, o consumo de drogas ou a prestación de servizos sexuais na vía pública, mais son os artigos que se refiren á orde pública os que xeraron maior malestar.

Das 372.018 denuncias que se cursaron entre xullo de 2015 e abril de 2016, a inmensa maioría (77,8%) están relacionadas coa tenencia ilícita de estupefacientes. Mais hai 17.206 expedientes sob o epígrafe «faltas de respecto a forzas de seguranza» e outros 14.277 por «desobediencia ou resistencia á autoridade», dos que o 75% acaban en sanción. Tras ese enunciado, que moitos tachan de «ambiguo», escóndese un rosario de situacións rocambolescas, desde unha queixa en Facebook porque a Policía Local non contesta o teléfono a outras por chamar "colega" a un axente ou criticar abertamente que un coche patrulla estea mal estacionado. A penúltima pérpla é o bolso dos gatitos.

O primeiro caso en levantar balbordo motivouno un comentario mordaz subido ás redes sociais. E.D., un canario de 27 anos cunha páxina nas redes sociais onde analiza a actualidade local en ton satírico, veu arriba ao decatarse de que a alcaldesa pensaba trasladar as dependencias policiais: «O mellor para controlar unha caste de escaqueados ben acomodados en convenios e estatutos é afastalos do centro de poder. Si señor. Que grandes». Ás poucas horas tiña a dous axentes chamando á porta de casa. Comunicáronlle que fora denunciado por faltarlles ao respecto.

«Non son antisistema»

Onde está a barreira que converte o sarcasmo nunha infracción administrativa? «Son empregados públicos e teñen que estar dispostos a admitir críticas», clama J.C.P., un ferralleiro do pobo malagueño de Losa, denunciado por uns feitos parecidos. Recibira un aviso urxente e non podía acudir porque alguén estacioinara na porta da súa garaxe, a pesar de que contaba cun vao. Tratou de porse en contacto coa Policía Local varias veces para que o retirasen, mais ninguén contestaba o teléfono. «É a 1 da mañá, estou a chamar á Policía e non está operativa, mais toman café no pobo do lado», desabafou no Facebook. «Xa era a segunda vez que me pasaba e estaba encabuxado», recoñece.

Conta que no día seguinte pararonno na rúa, «identificáronme e redactaron a denuncia nunha folla en branco». Cando foi recoller unha copia á comisaría, non figuraba a data nin o lugar dos feitos e dicía que se negara a asinala. «Non é certo, eu asino encantado porque non me compromete», protesta. A súa historia despide un certo cheiro a rifa persoal. Non era a primeira pequena liorta do ferralleiro cos axentes do seu pobo. «Non son ningún antisistema, son un currante que ten dereito a queixarse e ao que se aplicou a lei de forma desproporcionada».

O avogado barcelonés A.G.B. tamén considera que foi vítima dun «abuso de autoridade». Especializado en Dereitos Humanos, participaba nunha manifestación en contra do Centro de Internamento de Estranxeiros en calidade de mediador. Ao chegar ás instalacións, achegouse aos Mossos d"Esquadra para comentarlles que non lle parecía conveniente que exhibisen metralletas. «Ao axente co que falei non lle sentou ben, mais despois díxenllo ao seu xefe e mandou retiralas», lembra. Nun momento da manifestación, que decorreu sen incidentes, un fotoxornalista que ademais era amigo seu sufriu un ataque de epilepsia. A súa compañeira, moi nervosa, pediulle que ficase ao seu lado.

Cando chegou a ambulancia, o mesmo axente ao que solicitara desprenderse do fusil de asalto achegouse para esixirlle que se fose de alí. «Tentei falar con el para explicarlle a situación, que era mediador e que estaba a acompañar á miña amiga nese mal momento». A súa actitude non foi comprensiva. «Ti de que vas" Antes eras avogado, logo mediador, agora amigo, o que es é un pillabán», conta que lle dixo o policía. «Tentei facelo razoar, mais canto máis falaba máis se cabreaba, ata que comezou a redactar unha denuncia». A.G.B. asegura que en ningún momento se negou a darlle a documentación, e que cando pediu ao axente o seu número de placa, este pretendeu facelo desistir en troca de non cursar o expediente. «Mais eu non funciono así».

Un consello práctico: o letrado convida quen crea estar a sufrir un abuso deste tipo «que pidan con tranquilidade e educación a identificación, porque é a única maneira de denunciar unha situación irregular». Ao seu xuízo, a lei ten un efecto disuasorio sobre as manifestacións. «A moita xente custaba saír á rúa a protestar e esta lei intimidouna», critica.

Control do poder

A quen non amedrentou para exercer o seu traballo é á xornalista M.A., multada con 601 euros por saltar o perímetro reservado aos medios de comunicación ás portas da Audiencia Nacional. «Nin sequera había cordón, era unha liña imaxinaria», apunta. Curtida na información de tribunais desde hai trinta anos, asegura que viviu «situacións moi tensas, mais nunca até chegar á denuncia». Prestaban declaración Jordi Pujol e a súa esposa, Marta Ferrusola, «un día de gran impacto mediático». Á saída, a reporteira de Catalunya Radio tratou de abordar o letrado da familia, mais un policía deulle o alto. Nas imaxes que se emitiron en televisión vese a Alcocer correndo atrás do letrado e volvendo sobre os seus pasos á chamada do axente. «Só me preocupaba obter as declaracións», lembra.

Iniciouse unha breve discusión cuxo resultado foi unha sanción de 601 euros por desobediencia. A que fora xefa de prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña enfrontouse a críticas cando desempeñaba ese labor, «mais sempre fun consciente de que os medios de comunicación son o control real do poder xudicial e deben ter unha marxe de manobra». Aquel día viuse coas mans atadas polas ordes dun axente totalmente alleo ao oficio de xornalista. Á marxe de como se resolve o proceso xudicial "a súa empresa vai recorrer", para M.A.o seu caso é «grave» porque «esconde unha situación de total indefensión, demostra que esta lei deixa demasiada marxe á Policía e reduce as garantías dos cidadáns».

 O gatiño que escondía unha lema antipolicial

A B.L. encántanlle os gatos, mais estiveron a piques de metela nunha lea. No seu bolso puña "All Cats Are Beautiful", mais os policías que a denunciaron viron nel unha referencia á lema "All Cops Are Bastards" (Todos os policías son uns bastardos).

Que llo digan á panadeira E.N.. Ocorréuselle comentar coa súa compañeira de traballo, en voz alta, que non lle parecía correcto que un axente da Policía Municipal de Sabadell deixase o coche patrulla mal estacionado para entrar a comprar un bolo. Ao home non lle sentou ben a crítica e denunciouna. O pasado mes de febreiro E.N. recibiu unha multa de 100 euros por «faltas de respecto e consideración a un membro das forzas e corpos de seguranza».

Dúas horas de formación

Algunhas destas situacións resultan tan absurdas que convidan a reflectir sobre o tipo de formación que recibiron os axentes para aplicar unha lei que é a súa principal ferramenta de traballo. «Apenas un par de horas de charla», recoñecen desde o SUP, sindicato maioritario da Policía Nacional. Para o seu portavoz, Ramón Cossío, «era necesario que a figura do policía se vise reforzada fronte a algunhas situacións», mais admite que a lei «non está ben desenvolvida, non concreta moitos casos e induce á confusión». O resultado é que «o cidadán non sabe até que punto está a cometer unha infracción administrativa» e, o que é máis grave, «o axente moitas veces tampouco». Mesmo xuíces e fiscais están a ter problemas para interpretar unha norma infestada de expresións tan subxectivas como «perturbación grave», «tranquilidade cidadá» ou «falta de consideración».

É sancionábel chamar "colega" a un axente"

Un veciño de Málaga recibiu unha multa de 300 euros por dirixirse en ton coloquial ao garda civil que lle estaba sometendo a un control de alcoholemia. A súa conduta foi descrita como «despectiva e desconsiderada» na acta, que ademais sinalaba como agravante que se produciu «en presenza de viandantes pola zona». Para Álvaro García Ortiz, portavoz da Unión Progresista de Fiscais, a normativa adoece dunha «redacción moi aberta e non debería selo tanto para non dar lugar a malas interpretacións».

A Lei de Seguranza Cidadá chegou ademais da man dunha reforma do Código Penal na que desaparecen as faltas, polo que esas infraccións administrativas que antes eran revisadas por un xuíz agora son tramitadas polo Goberno, e só acaban nun xulgado en caso de recurso contencioso administrativo. «Hai que ter moito coidado cando se toca o balance de poderes nun estado de dereito», advirte o fiscal, porque o resultado é que «na nosa vida diaria o poder da Policía é moito maior que antes». A asociación Xuíces para a Democracia vai máis aló e cualifícaa como «o maior recorte de liberdades da historia recente».

Innecesaria?

«Calquera lei é un recorte de liberdades para uns e ao mesmo tempo unha garantía para as liberdades de outros», amorna o maxistrado Celso Rodríguez Padrón, portavoz da Asociación Profesional da Magistratura. Desde a agrupación conservadora defenden a pertinencia de actualizar a lexislación porque «a ordenación anterior penaba algunhas condutas de maneira excesiva» e tamén era necesario que outras «recibisen algún tipo de sanción». Así, hanse tipificado como infraccións as sentadas, as manifestacións fronte ao Congreso ou o Senado ou a escalada de edificios ou monumentos sen autorización, no que parece un intento de penalizar o catálogo das formas de protesta empregadas polos "indignados".

O fiscal García Ortiz discrepa: «Non había un problema de conflitividade en España que justificase incidir nos dereitos fundamentais da cidadanía, xa que as ferramentas legais disponíbeis até agora eran suficientes». A plataforma Non Somos Delito, que agrupa máis de oitenta colectivos do país críticos coa lei, ve unha «clara intencionalidade política que busca criminalizar a protesta social e convertela nun problema de orde pública».

O certo é que dificilmente sairía adiante noutro contexto que non fose un goberno do PP en maioría absoluta. Mais desde o Ministerio do Interior tratan de «matizar» a abafadora contestación social. «Abriuse un debate moi manipulado, nestes meses houbo máis manifestacións e cunha regulación máis garantista para os cidadáns», defende o secretario de Estado de seguranza, Francisco Martínez. Aínda que a regulación das liberdades públicas «sempre é un debate espiñento, deben aplicarse de acordo aos principios de necesidade e proporcionalidade», apunta o maxistrado Rodríguez Padrón.

Un exemplo. A lei penaliza o uso non autorizado de imaxes de membros das Forzas e Corpos de Seguranza que poidan pór en perigo a seguranza persoal ou familiar dos axentes. O artigo serve para castigar a quen difunda a fotografía recoñecíbel de alguén que participa nunha operación antiterrorista. Tamén á muller denunciada por surbir ao seu perfil de Facebook unha foto dun coche patrulla aparcado no espazo reservado a discapacitados"

Guillermo Elejabeitia

Orixinal aqui.