No ano 2013, a Audiencia Nacional considerou probado que Antóm Santos pertencía a unha organización terrorista chamada "Resistencia Galega". O investigador e profesor da USC foi condenado a 10 anos tras unha sentenza froito dun xuízo no que non se permitiu falar aos peritos da defensa. Iniciou, así, un percorrido por diferentes cadeas españolas. Sometido ao réxime FIES, os seus dereitos foron fortemente restrinxidos, o cal, unido á política de dispersión de presos, se converteu nun castigo non só para el, senón para toda a súa familia e amizades. O seu pai, Xosé Luis Santos Cabanas, conta en Novas do exterior, 63.000 quilómetros de viaxes á cadea, (Axóuxere), a experiencia da peregrinación por distintos cárceres á que esta situación o levou a el e á súa compañeira Victoria, e nai de Antom.

Algúns dos artigos recollidos no libro foran antes publicados, mais supoño que non empezou a escribilos pensando na súa publicación…

Despois da detención do meu fillo Antom e da súa compañeira Maria empezou a chamarnos moita xente amiga. Non dabamos nin atendido o teléfono. Comecei a escribir correos para ir informando de como ía evolucionando a situación a un grupo de amigos. Para min era, ademais, un desafogo. O xeito no que están escritos explícase por iso: son textos pensados para persoas amigas, para interlocutores cómplices.

Unha das primeiras cousas nas que nos fai reparar o libro é a realidade á que apunta Helena Domínguez na súa tese doutoral: como os medios se converten en propagandistas do Ministerio de Interior e como, nesa lóxica, manipulan, ata chegar a acusar a Antom de ser fundador dunha organización cando tiña… 8 anos.

Unha amiga vivía no mesmo edificio ca Antom e María. Saíra cear e, cando volveu, viu que a policía tiña tomada a rúa. Acababan de deter ao meu fillo e a Maria, cun despregamento policial totalmente desproporcionado para levar dúas persoas pacíficas. Pero ademais dos policías, a nosa amiga viu un monte de xente, que pensou que eran policías de paisano. Pero non, eran xornalistas. Porque parece que cando realizan unha operación policial así, chaman aos xornalistas, como se fosen tamén funcionarios do Ministerio de Interior. Marga Tojo escribiu unha reportaxe moi boa sobre isto.

Comentaba Helena Domínguez na presentación do libro en Teo que os medios se preocupaban moito da xente para acusala con nomes e apelidos sen respectar a presunción de inocencia, pero non desde que entraban no cárcere. Estas crónicas fálannos dese mundo do que case non sabemos nada.

Iso explícao moi ben Xabier Cordal no limiar do libro. O cárcere, di, “parece formar parte doutro continente. A elección habitual é negarse a saber del”. Temos a cadea ao lado, pero preferimos mirar para o outro lado. Helena Domínguez comentaba, si, que aos medios non lles interesa o que pasa dentro da cadea. E sería un bo exercicio xornalístico contalo, con rigor, e en horario de máxima audiencia. Porque o réxime penitenciario español, que é un dos máis duros de Occidente, é banalizado polos medios. Créanse falsas imaxes, como a de que a cadea é unha sorte de hotel a pensión completa.

A realidade é descoñecida. E sobre todo a cadea dentro da cadea que é o réxime FIES (Ficheiros de Internos de Especial Seguimento). No libro recollemos un texto da artista Núria Güell traducido ao galego, que é o dossier de prensa que acompañou unha intervención que fixo para denunciar o réxime FIES, cuxo obxectivo, segundo explica, é anular o recluso a través da represión. A cadea é un burato da democracia, e o FIES é un burato aínda máis escuro, que vulnera dereitos fundamentais: controlan as conversas, fotocopian a correspondencia…

O libro vén sendo, precisamente, o relato de como o réxime FIES afecta á familia e amigos da persoa reclusa. Réxime que foi declarado nulo polo Tribunal Supremo.

Eu non son xurista pero, si, o FIES está vixente despois dunha trampa legal. O réxime FIES, que segundo o goberno é só un ficheiro, é na práctica unha regulación paralela da vida dos presos, que foi realizada a través de instrumentos de regulación do funcionamento interno da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias. O Tribubal Supremo anulou a instrución na que se instauraba sen entrar a valorar o significado da vulneración de dereitos fundamentais que supón: o illamento do recluso, a intervención sistemática das súas comunicacións… Limitouse a dicir que non era algo que correspondese a Institucións Penitenciarias, e declarouno ilegal. Ao mesmo tempo, o Ministerio de Xustiza, sendo ministro Francisco Caamaño, lexislou para legalizar o mesmo réxime. Así, o réxime FIES, que é un atentado contra os dereitos fundamentais, está vixente no réxime penitenciario español.

Fala moito de burocracia e da súa utilización como xeito de control  e castigo. O seu relato remite nisto a Foucault, Weber… e mesmo Kafka. A arbitrariedade na aplicación das normas, a indefensión… Aínda que vostedes notaron diferenzas niso entre Aranjuez e Dueñas, sendo na segunda o trato máis humano.

A burocracia fai moi difícil, por exemplo, pasar libros aos reclusos. Isto non funciona igual en todas as cadeas, pero o que si funciona é unha ambigüidade regulamentaria que se converte noutra forma de tortura. Non sabes ben o que está permitido e o que non. Non che explican, dinche cousas contraditorias e fanche dar mil voltas. Na cadea de Aranjuez só permiten entregar paquetes dous días ao mes, e só pode facelo unha persoa autorizada. Iso pode obrigarte a ter que localizar unha persoa que vive moi lonxe de ti para que entregue ese paquete no día sinalado…. Tamén está moi restrinxido o que se pode levar. Está prohibido levarlles comida, por exemplo.

O meu fillo quería rematar un traballo de investigación que xa ten feito. Só quería pulilo.  Eu xa lle dixen que sen o acceso á biblioteca que teñen os demais investigadores, ía telo difícil. Unha amiga bibliotecaria ofreceuse a axudar a facerlle chegar os libros que precisase, porque as bibliotecas dos centros penitenciarios son parte da rede pública de bibliotecas. Cando llo dixen ao meu fillo riu. Podía estar presentando instancias, explicoume, ata que remate a condena. Podía conseguir que ao final un xulgado me dese a razón, pero os libros non ían chegarme. Envieille o seu traballo de investigación, e non quixeron darllo porque non tiña depósito legal. E claro, depósito legal vaino ter cando estea rematado, agora non.

Comentaba o xurista Carlos Castresana, nun congreso hai uns días en Santiago, que a Audiencia Nacional substituíra ao TOP franquista, e que algunhas das persoas que formaran parte do TOP seguiran a prestar servizos na Audiencia. O xuízo do seu fillo foi, ademais, utilizado politicamente.

Se se lles imputasen ao meu fillo e aos seus compañeiros os mesmos cargos nun xulgado ordinario, a pena non sería a mesma que na Audiencia Nacional, que os acusou de pertencer a unha organización terrorista, Resistencia Galega, que eu penso que non existe. Mais hai que manipular a opinión pública, como se fixo falándolle de Venezuela antes das últimas eleccións. O Estado ten que crear inimigos, e neste caso creounos cun grupo de mozos perfectamente integrados socialmente, que non teñen os problemas engadidos das familias vítimas da desigualdade social, porque entón aínda sería peor, como pasa coa maior parte das persoas que están na cadea, que o que precisan á asistencia social, e non represión. Porque hai moitas persoas que cumpren penas desproporcionadas por delitos menores, mentres os ladróns de luva branca están fóra.

Mais isto non é sorprendente, en realidade. A base é a corrupción política. O mesmo día que o meu fillo estaba a ser xulgado, un alto cargo do Ministerio de Interior sae nos medios dicindo que en Galicia hai unha organización terrorista activa. Agora sabemos, polo que saíu nos medios sobre as gravacións, que o Ministerio de Interior argallaba persecucións contra a disidencia política en Cataluña. É a creación de inimigos para beneficiar o seu partido e o que eles consideran que é o Estado.

No xuízo, ademais, instrúe a mesma policía que fai despois de perito no xuízo, que é unha cousa que nun Estado de Dereito non ten sentido: normalmente instrúe un xuíz e xulga outro. Pois os peritos da policía puideron falar o que quixeron no xuízo, pero os peritos da defensa, que eran Carlos Taibo e Bernardo Maiz, profesionais das ciencias sociais de recoñecido prestixio, non puideron falar porque os expulsaron da sala. Vulnerouse, así, o dereito á defensa.

Dá a impresión, ao ler o libro, de que hai contención pola súa banda. Fala dalgunhas situacións de malos tratos que viviu o seu fillo, pero non é un relato moi dramático. Non é que haxa tampouco distancia, porque non pode tela, pero dentro do que podería ser a súa reflexión sobre como isto lle afecta á súa familia, hai moita serenidade.

É que iso é o que tento. Contalo coa maior serenidade posible, para que a xente acceda a unha información non distorsionada. Eu cóntolles aos amigos o que está pasando e, despois, as bágoas quedan para o espazo privado. Estou moi agradecido a todos os amigos que nos están apoiando, á xente que non nos coñecía e se achegou a nós… Mimáronnos moito e iso foi unha gran axuda. Os amigos que lían as miñas crónicas foron os que me dicían que tiña que publicalas, para romper o cerco informativo dos medios.

Fala moito de “crueldade inútil”.

A crueldade inútil é o título dun libro de Xerardo Díaz Fernández, dos documentos para a Historia de Galicia publicados por Edicios do Castro, que fala da crueldade da cadea no 1936. As Redes Escarlata concedéronlle o premio Vidal Bolaño ao blog ‘De volta para Loureda’, de apoio a Carlos Calvo. Belén Quintáns contaba neste blog que, cando seu irmán estaba na cadea, ían xuntos de viaxe varios galegos, e levaban a pota coa comida. Agora iso non é posible porque non está permitido levar comida para os presos. Méndez Ferrín tamén falaba diso. Porque privalos diso é un xeito de privalos dun xeito de relación coas súas raíces, co cordón umbilical. Por que non podemos facer o prato preferido de Antom e levarllo ou compartilo alí con el?.

Ou telo máis perto. A política de dispersión dos presos, ao illalos da súa contorna social, non parece favorecer a rehabilitación e reinserción da que fala a Constitución.

Ademais diso, é un castigo para a contorna do preso. Ter que conducir 600 quilómetros para ver o teu fillo non só é caro e complica as obrigas laborais. Nós acreditabamos que tiñamos que traballar os dous, a nai de Antom e eu, que eramos funcionarios. Entón aceptaron que podiamos facer as visitas en fin de semana, pero unha vez cada tres meses en vez de unha vez cada mes. Outro exemplo de crueldade inútil. Ou ir por semana e estar case dúas noites sen durmir -e non temos 20 anos para facer iso-, ou ver o noso fillo cada tres meses.

A nai de Antóm é Victoria, e dixo vostede na presentación do libro que ela estaba moi presente nas crónicas. Ela é os outros dous ollos seus, onde van ver o seu fillo.

Hai catro ollos nas crónicas, si. Ela é coautora anónima, e deulle a primeira lectura ás crónicas. Hai moitas cousas nas que eu non reparara, que viu ela. O libro non existiría sen Victoria e sen o resto dos lectores, que me dicían que esperaban a seguinte crónica… Estou moi agradecido a todos os lectores, a Alba Rico e todos os autores do limiar e epílogos do libro e á editorial Axóuxere.

Di vostede no libro que o contexto é un Estado autoritario que persegue a disidencia política mentres tapa a corrupción. Cordal fala no limiar de Estado totalitario.

É un Estado que mantén tribunais de excepción, e un réxime penitenciario que amosa continuidades co réxime fascista. A min tampouco me gusta que se frivolice sobre o significado do que foi a represión franquista, pero pódese falar de Estado autoritario se, por exemplo, se compara a cadea española coa francesa. Alí poden ter un ordenador, cociñar… Aquí temos o FIES.

Di Cordal que o Estado criminaliza o independentismo e o anarquismo -ou parte deles, poderiamos dicir-, sen aplicar criterios similares ás bandas da reacción. O contexto aquí é tamén a Lei Mordaza, a reforma do Código Penal e, en xeral, a represión dos movementos sociais. O medo ao terrorismo é útil para reforzar a represión.

A xente vai esquecendo non só o que pasa na cadea. Tamén a actuación europea cos refuxiados, o paro, a emigración… A cadea pode ser o último de todo iso: o endurecemento do Código Penal, o regulamento penitenciario… Convivimos con todo iso como se fose normal. Non está nas preocupacións políticas prioritarias, tampouco nas dos partidos de abaixo e á esquerda. Non se quere tocar este asunto, o cal leva a que sexa aceptado no día a día. Como se fose unha plaga da que non podemos librarnos.

Todo forma parte dunha estratexia de creación do inimigo interior, como falabamos antes. Coa Lei Mordaza non sabes moi ben por que poden multarte ou encarcerarte. E crear un cocón é moi útil para atemorizar a poboación e que acepte leis represivas.