Ivan Prado é un dos galegos que mellor coñece Palestina, a onde acode dende hai 13 anos para actuar nas xiras de Pallasos en Rebeldía. Nesta entrevista realizada dende Cisxordania, o pallaso relátanos o impacto do conflito na psique dos nenos e móstrase durísimo co Estado de Israel. Na súa opinión, non é un país, senón un “exército de ocupación”. O boicote aos produtos israelís e o papel das institucións galegas son outros dos puntos desta conversa.

Pallasos en Rebeldía, en colaboración coa cirqueira Kanbahiota, o Concello de Rivas Vaciamadrid e a asociación Human Supporters, están de volta unha vez máis en Palestina, nesta ocasión montando un campo de traballo no que participan trece rapaces. Concibido como ferramenta psicopedagóxica, o evento está a visitar vairas cidades de Cisxordania propiciando encontros con mozos palestinos, ofrecendo obradoiros e proxeccións. No medio deste labor entrevistamos a Iván Prado (Lugo) -director do Festiclown (Galiza), Magiclown (Ibiza) e Firaclown (Barcelona).  Prado ademais é portavoz de Pallasos en Rebeldía e cofundador de ‘Artist Against The Wall’ canda Leo Bassi e Patch Adams.

Vostedes din que “para a poboación palestina que sofre a ocupación de Israel, resistir é un arte e aprender a sorrir é un traballo”. Custa facer máis rir un neno que vive nun territorio en estado de conflito case permanente?

A miña experiencia en Palestina despois de 14 visitas e oito anos de estar visitando este lugar -onde a humanidade xoga o seu futuro-  é que crianzas que máis sufren o sistema de terror global no que vivimos a día de hoxe, e en concreto os que sufren a ocupación sionista, son os seres máis abertos, despertos e xenerosos co pallaso. Non custa máis facelos rir, ao contrario, o feito de non saberen se mañá van estar vivos, ou de sufriren unha violencia sistemática, ou seren vítimas deste xenocidio sionista, lévaos a estar tan vivos todo o tempo, en realidade viven nun presente continúo, e portanto están moi receptivos a rir e abrazar a enerxía do pallaso.

Froito da súa experiencia nas previas viaxes a Palestina, que danos entenden están sufrindo os cativos a nivel psicolóxico? Non me refiro aos danos físicos e sociais máis evidentes, senón aqueles relacionados coa compresión do seu contorno e a súa capacidade para desfrutar.

Hoxe actuamos no campo de refuxiados de Askar, que se considera o campo de refuxiados “sonotone”, no sentido de humor negro, porque a maioría das crianzas teñen deficiencias auditivas importantes, por iso van co aparato na orella porque as bombas provocan deficiencias auditivas moi fortes. Iso que provoca? Unha sensación de medo permanente, de facilidade para o sobresalto, para ficar con medo e ao mesmo tempo ao estar nun comportamento hiperactivo e con certo punto de agresividade porque o contorno é completamente agresivo e polo tanto tamén a linguaxe coloquial e cotiá. Son rapaces que pendulan entre o medo e a agresividade, mais tamén son seres de luz, completamente amorosos, e que están moi espertos a nivel persoal. A nivel psicolóxico, os danos que xera esta ocupación, ten que ver coa incertidume. Notas que as crianzas, sobre todo despois dos bombardeos en Gaza ou das intervencións militares en Cisxordania, quedan traumatizadas, en shock e teñen unha demora no trato con persoas estrañas ao seu contorno inmediato.

A caravana de Pallasos en Rebeldía está apoiada financieiramente polo Concello de Rivas Vaciamadrid. Bota en menos o apoio das institucións galegas?

Nós nunca botamos en falta os apoios institucionais, vimos dunha tradición circense na que entendemos que o soño se autoconstrúe. Obviamente, se houbera institucións galegas dispostas a apoiaren Pallasos en Rebeldía aceptariamolo gustosamente porque temos unha parte importantísima que somos galegos e temos un vínculo directo cunha cooperativa galega e cun festival, o Festiclown, que naceu en Galiza. Para nós sería normal e mesmo agradábel recibirmos diñeiro de institucións galegas. Non o botamos en falta na medida en que o Goberno Galego, conservador e retrógrado, non atende as necesidades do país e si das multinacionais e do poder central, e polo tanto non nos sorprende. Tamén pensamos que na medida en que non hai unha sociedade máis consciente, é complicado que un proxecto transgresor como Pallasos en Rebeldía sexa atendido polas institucións galegas.

Por que a campaña se centra unicamente en Cisxordania? Por motivos puramente loxísticos ou tiveron algún problema para acceder á Franxa de Gaza?

Estamos en Cisxordania porque dende 2003, non son capaz de entrar en Gaza, nin eu nin ninguén de Pallasos en Rebeldía porque son permisios que ten que tramitar o consulado español e levan anos prometéndonos que poderemos entrar e a día de hoxe aquí seguimos. Mais un dos nosos soños especiais e poder volver a Gaza.

Que lle diría aos que defenden que a política de bloqueo do Goberno Israel e extensión dos asentamentos en territorio palestino é a única resposta posíbel para que o Estado de Israel sobreviva?

Que non aprenderon nada da historia da humanidade nin do século XX. Diríalles que un dereito nunca se alcanza cometendo inxustizas e xenocidios. Diríalles que se para sobreviviren teñen que impedir que outras comunidades, etnias ou pobos non poidan vivir dignamente, entón deberían cuestionarse o seu dereito a sobrevivir ou a vivir. Diríalles que a ocupación militar é unha escusa para algo máis profundo que ten que ver co odio a humanidade e a liberade das persoas. Diríalles que mentres constrúan muros, a sombra dese valado chegará aos dous lados, e serán os dous pobos os que estean cercados por ese muro aínda que só sexa un quen o levanta. Diríalles que o verdugo ten a maior responsabilidade, porque ten o maior poder sobre as vítimas, mais tamén el é unha vítima. Diríalles que non se pode construír un Estado baseado no medo e no terror. Diríalles que Israel non é un país, é un exército de ocupación e que Israel non é unha sociedade libre, é un parque temático de terror, e que polo tanto as súas políticas de ocupación, o muro, o bloqueo, os asentamentos, só dan continuidade a unha dor e a unha ferida que leva séculos aberta.

 Que cre que poden facer os cidadáns do común para axudar a resolución do conflito?

Non creo que haxa un conflito, hai unha ocupación. Igual que non creo que haxa unha guerra, hai unha ocupación. A solución polo tanto para acabar coa dor da ocupación é deixar de ocupar. Eu son un cidadán do común e estou aquí. Facendo o meu labor de terrorismo lúdico, porque creo que os pallasos somos os verdadeiros cascos azuis da humanidade, aínda que non deixemos máis mortos que os mortos de risa. A miña nai, que non é pallasa, se quere tomar unha actitude de apoio a esta ocupación, diríalle que vote as persoas que estean dispostas a obrigar Israel a deixar de ocupar un país que non é seu, que saiese a rúa para solidarizarse co pobo palestino, que deixase de consumir produtos que poidan vir de Israel ….

Cal é a súa opinión sobre as campañas que promoven o boicot a produtos de Israel?

Pallasos en Rebeldía e eu persoalmente somos asinantes do Boicote aos produtos israelís, o tratado BDS, (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel). A acción cidadá é a arma máis potente que temos para acabar con este apartheid, como sucedeu co caso de Sudáfrica.

Vostede, se non me equivoco, leva acudindo a Palestina dende 2009. Pensa seguir volvendo pase o que pase?

Levo dende 2003, que visitei Gaza e Cisxordania. Actuei 28 veces, durante 22 días, e actuei baixo as bombas e mesmo perseguido por tanques no medio de tiroteos e penso seguir vindo en calquera circunstancia. Se é nunha Palestina liberada, con moitas ganas e alegría; mais se é nunha Palestina bombardeada cos mesmas forzas e motivos que hoxe