Sabela e Óscar son dúas das nove persoas procesadas no cadro da ‘Operación Jaro’, o proceso da Audiencia Nacional que suspendeu as actividades de Causa Galiza e mantén as persoas encausadas pendentes de penas de prisión. “Levamos máis de 12 meses cunha espada de damocles sobre as nosas cabezas”.

 

– Faise un ano da ‘Operación Jaro’ (OJ). Como foron estes doce meses, tanto a nivel persoal (pesan sobre vós peticións de penas de cárcere? como político?

– A nivel persoal, a operación, para uns máis para outros menos, supuxo un golpe importante para todos nós. Non esperabamos ser detidas por canto as nosas actividades, a nosa militancia, eran públicas e legais. Ainda sabendo que vivimos nun estado con graves deficites democráticos e en ofensiva fascistoide contra os pobos e as clases populares, sendo sinceras, non agardábamos esta escalada represiva que supuxo un salto cualitativo nas actuacións do Ministerio do Interior contra o independentismo no noso país. Un ano máis tarde, penso que nos reafirmou nas posicións políticas e ideolóxicas polas que fomos detidas e estamos agora procesadas. Fíxonos máis firmes nas nosas convicións. Por outra banda, non podemos obviar que nestes 12 meses levamos sobre as nosas cabezas unha espada de damocles; incertidume absoluta sobre o noso futuro e como se resolverá este proceso. Somos conscientes de que as decisións finais non dependerán tanto de aspectos xurídicos senón de cuestións políticas.

A nivel político, a Operación Jaro é a proba gráfica, creo que ninguén necesita xa máis probas, de que este rexime é calquer cousa agás unha democracia na que se respeiten os direitos de opinión, reunión, a liberdade ideolóxica e de expresión. Aconteceu noutras latitudes e agora toca aqui. Neste País o Estado persegue posicións políticas e ideolóxicas e existe o delito de opinión. O seu obxectivo é tratar de obstaculizar o avanzo da consciencia nacional e do independentistmo, tanto a nível socolóxico como político-organizativo. Axudar a mantelo como elemento residual e á defensiva a base de criminalización e represión. Malia uns primeiros momentos de temor e incertidume as xentes souberon responder e a dia de hoxe o independentismo se encamiña cara umha rearticulación do espaço político que nos fai ser optimistas e que de algumha forma nos resarce politicamente. O tempo dirá se este episódio dramático no persoal supón, no político, un pulo para o avanzo das posicións e dun futuro proxecto político.

– Cal é a vosa opinión sobre o feito de que a Audiencia Nacional citase en Madrid dirixentes do BNG no marco do acción xudicial?

– Pois unha proba máis do carácter político de todo o proceso e un intento de criminalizar colateralmente calquer expresión nacionalista, neste caso prexudicando eleitoralmente ao BNG. A cita a Vence e Lobeira foi en período preelectoral e creo que todos estamos dacordo en que non foi casualidade.

– Recentemente rexistrouse unha pregunta por parte de EH Bildu e BNG á Comisión Europea a respecto da suspensión de actividades de Causa Galiza e o proceso que se mantén contra vós por parte da Audiencia Nacional. A vía da ‘socialización’, en Galiza e fóra dela, do que é e implica a ‘Operación Jaro’ está a dar resultados?

– Fíxose un grande traballo de socialización. A manifestación nacional de 24 de xaneiro, e a rolda de prensa de 26 de abril, en que se denunciou a irreversibilidade da ilegalización, con máis de 60 axentes sociais, sindicais e políticos rechazándoa, son dous exemplos claros. Podemos dicir sen triunfalismo que a nosa iniciativa lle deu a volta ao discurso do Estado en certos ámbitos, denunciando que realmente o que se pretende é barrer do mapa unha opción política. Por outra parte, mantivemos a dinámica de palestras informativas, certa “internacionalización” do caso, logramos o compromiso da CIG para que a ilegalización e o hipotético xuízo se abordasen nas asembleas de delegadas do sindicato nacionalista, estamos en Europa, etc. Conseguimos, dalgún xeito, dar a volta á operación, evidenciar que estamos ante a persecución policial e xudicial dunha opción político-ideolóxica e, dalgún modo, visibilizar a natureza antidemocrática do réxime.

– Causa Galiza está ilegalizada de facto. Suspendida de actividades por un período que o xuíz estudará nas vindieras semanas se o prorroga e mantén esa medida. Tendes algunha esperanza de que se reverta esa decisión?

– A renovación da “suspensión de actvidades” que o xuíz Eloy Velasco impuxo en outubro de 2015 decidirase en abril de 2017, un ano despois de que a medida se fixese definitiva. Neste sentido hai unha liña de actuación xurídica para reclamar o estatus legal de Causa Galiza e iremos, se é necesario, ao Tribunal Constitucional. No entanto, somos excépticos e excépticas sobre a posibilidade de que a Audiencia Nacional acepte esta tese porque asumila suporía admitir que a operación policial, a campaña mediática de criminalización e o propio proceso penal en que estamos agora foron unha farsa. É improbábel que as instancias xudiciais contradigan ou deslexitimen as iniciativas do Governo español e da Guardia Civil, todas somos conscientes de que no Estado Español non existe unha verdadeira separación de poderes.

– Desde o colectivo de persoas encausadas argumentades que o acontecido o 31 de outubro foi un golpe dirixido contra o independentismo. "Segar a herba de raíz para que non calle un proxecto independentista", afirmastes.

– Certamente. Saben que a posición independentista crece na sociedade, aínda que ninguén a reclame e estexa politicamente desarticulada. O Estado actua para escenificar a tratamento de que pode ser obxecto calquer organización, e as suas xentes, que procure a ruptura democrática através dun proxecto político independentista. Modelan a golpes o mapa político do país, satanizan unha posición política e, ao tempo, encarreiran sectores nacionalistas a se manteren en posicións de reforma do Estado. A citación de dirixentes do BNG en Madrid obedece claramente a isto.

– Un ano após o operativo, cales considerades que son as claves que hai detrás da OJ e as súas consecuencias?

– Por un lado a existencia dun antagonismo total entre o proxecto nacional galego e o proxecto nacional español, entre Galiza e o Reino da Espanha, entre o independentismo galego e o Estado español. A luita de davide contra goliate. No que um Estado, cheo de recursos, emprega as súas ferramentas legais, alegais e ilegais, para debilitar as posicións independentistas e as suas pequenas trincheiras. Por outra, Causa Galiza podía representar unha potencialidade de futuro nun momento complexo como o actual e por iso o Estado consciente de que a posición independentista crece, actúa tratando de reducir o independentismo a un estado de opinión desorganizado e sen estratexia, mantendoo á defensiva.

– A investigadora Helena Domínguez enmarca a OJ nos operativos que, antes en Euskal Herria e nestes anos en Galiza, empregan o termo de ‘terrorismo’ para criminalizar e actuar contra movementos como pode ser o independentista.

– Efectivamente. O Estado español construiu no seu tempo unha arquitectura xurídica de excepción que fose funcional para a represión da esquerda abertzale. Agora, ese marco legal é aplicado en Galiza a unha escala forzosamente distinta. Causa Galiza foi ilegalizada a partir de acusacións irrisorias -actos de memória histórica, acudir á manifestación do 25 de xullo do 2015 e cousas similares-de ser o “brazo político” dunha suposta organización armada que nunca reclamou para si esa “extensión legal”. E a partir desa acusación fantástica, que nen o propio Velasco, nen a Guardia Civil, son capaces de fundamentar, móntase a operación, iníciase a cacería e lánzase un aviso ao País: actuar politicamente como independentistas, ou ser solidario cos presos e presas independentistas, é delito e será perseguido. De todos os xeitos, o independentismo agromou hai case un século neste país e, fagan o que fagan, nasceu para ficar, e gañar.

Orixinal aqui.