Os dados que pon sobre a mesa a OIM son estarrecedores e espellan un drama humano dunhas dimensións sen precedentes. 14 mortos por día. 5.079 migrantes que perderon a vida en 2016 tentando cruzar o Mar Mediterráeo para chegaren ao continente europeu. Foxen ou de conflitos bélicos -en boa parte provocados polas potencias europeas- ou da miseria -identicamente enxendrada polo colonialismo occidental.
As persoas migrantes que tentaron atravesar o Mediterráneo partiron ou ben do Norte de África ou ben de Oriente Medio. O número de vítimas non fai máis que medrar, nunha espiral infernal que non parece ter límites. O aumento de mortes en 2016 a respeito de 2015 foi de 34 por cento: 5.079 face 3.777. En 2014 rexistáronse 3.279 falecimentos.
En 2016 consolidouse a tendencia que estabelece a rota do Mediterráneo como a máis letal para as persoas migrantes e refuxiadas. O corredor do Saara e o Norte de África cara á costa norte do continente -precisamente para apañar alí fráxeis embarcacións rumo a Europa- é o segundo que máis vidas se cobra no planeta, cun total de 1.124. O terceiro ponto de negro das matanzas en masas de migrantes é a fronteira entre México e Estados Unidos -precisamente onde Trump quer colocar un muro-, con 432 mortos.
Cantos migrantes conseguiron cruzar o Mediterráneo con vida?
Segundo os dados da OIM, en 2016 foron un total de 363.348. A maior parte deles -en concreto 181.436- chegaron ás costas de Italia provenientes da Libia e do Exipto. O segundo continxente máis numeroso -por volta de 173.561- tiñan como orixe Siria, Afganistán, Iraque, Paquistán e Irán, partiron de Turquía e alcanzaron a costa de Grecia.
Ver máis.