A moza, de 21 anos de idade e estudante de Historia na cidade de Murcia, ficou moi sorprendida ante a recepción dun telegrama para que acudise, de forma inmediata, ao Xulgado central da Instrución número 5 de Murcia na mañá do 4 de xaneiro. “Chegou unha carta certificada á miña casa para que fose inmediatamente ao xulgado onde tiña un auto do fiscal que me acusaba de humillación ás vítimas do terrorismo, concretamente ao xeneral franquista Carrero Branco”. Agora enfróntase a dous anos e seis meses de cárcere polas “piadas” que realizou na súa conta de Twitter, con cinco mil seguidores, desde o ano 2013 a xaneiro de 2016 sobre o xeneral franquista. “Xa en setembro do ano pasado fun declarar ao Xulgado sobre este tema onde tiven a primeira notificación mais nunca imaxinei que ía ter este tipo de condena”, esclarece a moza.

“Kissinger regalou a Carrero Banco un anaco da lúa, ETA pagoulle unha viaxe”

“Eu non quería facer dano a ninguén. É un tipo de humor negro que fago sen maldade e para os meus seguidores nas redes”, apunta. A súa primeira mensaxe fica datada no auto o 29 de novembro de 2013. “ETA impulsou unha política contra os coches oficiais combinada cun programa espacial”. A esta seguíronlle “Filme: “A tres metros sobre o ceo”. Produción ETA Films”. As mensaxes son moi espaciadas no tempo e hai case un ano de distancia entre unhas e outras. “Eleccións no día do aniversario da viaxe espacial de Carrero Branco. Interesante”, redactaba o 4 setembro de 2015. Algúns dos tuits ían acompañados da imaxe do atentado do xeneral como este: “Carrero Branco tamén regresou ao futuro co seu automóvel. Regreso ao futuro”, ou o último, intitulado “20D”, o pasado 16 de xaneiro de 2016, onde incluía unha foto dun astronauta coa cara do xeneral, asasinado nesa data en 1973 por ETA.

Apoio de Gabriel Rufián, deputado de ERC

A moza explica a parodia cómica que quixo facer sobre a explosión do vehículo oficial de Carrero Branco cunha viaxe á lúa. “En Twitter tamén fixen chistes de máis personaxes públicos, que ocorre con este de Carrero Branco?”, afirma. Aos dous anos e seis meses de cárcere suma na condena tres anos de liberdade vixiada e 8 anos e seis meses de inhabilitación absoluta de actividade laboral. Así o expresaba na súa conta de Twitter, engadindo. “Só iso, chistes dun ditador”.

En menos de cinco horas, a interacción da noticia tivo case 12.000 retuits e 5375 gústame. Un só político deu o seu apoio en redes. Trátase de Gabriel Rufián, deputado de ERC, quen engadía: “Supoño que Billy el Niño nunca foi xulgado porque non fixo ningunha piada de Carrero Branco durante os 9 días que torturó Lidia Falcón”.

Sen data para o xuízo

A moza ten todo o apoio da familia neste transo “incomprensíbel”. “Non quero ter antecedentes sendo tan nova e estudante. Non se como me pode afectar o futuro”, apunta. Canto á defensa que prepara co seu avogado destaca a petición de “absolución por non haber exaltación de ETA nos tuits”. Ante a presión da carta, Cassandra está moi asustada. “Tocarame cargar con estes graves antecedentes penais por unha bobada de tuits”.

A data de Xuízo Oral está aínda á espera, aínda que a nova conta con moitísimos apoios no seu canal de Twitter. “Só espero que se arquive a causa por todo o surrealista deste tema e que non afecte a miña vida de estudante”. Entre as medidas cautelares, a moza tivo que eliminar as mensaxes inculpatorias destacadas no seu perfil. “Non entendo ben onde está a liberdade de expresión en España pondo unha condena que me pode mesmo afundir a vida como estudante”, sinala.

Ver máis.

Vídeo EsCULcA sobre Liberdade de Expresión.