A organización humanitária cré que esta situación se deve a vários factores: a negativa dos sucesivos governos a recoñecer os casos de tortura, a excesiva duración dos procesos, a prática de indultar os torturadores, a vixéncia do rexime de detención incomunicada, a falta de critérios para determinar as indemnizacións às vítimas de torturas e maus tratos, a infravaloración dos danos ocasionados pola tortura e os maus tratos e a falta absoluta de axudas governamentais.

Segundo o documento apresentado en Madrid, Barcelona e Gasteiz simultaneamente, no Estado Español non se protexe devidamente o direito das vítimas de tortura e maus tratos a unha compensación xusta e adecuada, tal como esixen as normas internacionais de direitos humanos.

A organización internacional chegou a esta conclusión despois de examinar 450 sentenzas ditadas por tribunais españóis entre os anos 1980 e 2004 e de analisar en profundidade 95 destas sentenzas en que se provou a comisión de tortura ou maus tratos. A maioria delas son firmes e condenatórias, ainda que nalguns casos os responsáveis foron absolvidos por teren prescrito os delitos, por non teren sido identificados os culpáveis directos ou por outros motivos.

A duración dos procesos por tortura e maus tratos é excesiva. A maioria das vítimas da ampla mostra de sentenzas analisadas por Amnistia Internacional tiveron de aguardar mais de 7 anos desde o momento en que aconteceron os feitos para acederen a unha indemnizacion”, asegura Esteban Beltrán, Director de AI no Estado Español. Do total de sentenzas firmes do Tribunal Supremo analisadas, aproximadamente o 40% corresponde a procesos que duraron entre 5 e 10 anos; o 27% entre 10 e 15 anos e un 16% entre 15 e 20 anos. Só o 16% das sentenzas examinadas neste relatório foron emitidas nun prazo inferior aos 5 anos.

As maiores demoras corresponden a denúncias de tortura ou maus tratos apresentadas por persoas detidas no cadro da investigación de “delitos de terrorismo”.

Impunidade de facto dos funcionários.

Funcionários condenados por delitos de tortura e maus tratos -vários deles reincidentes- beneficiaron de indultos, outros –tamén condenados ou con procesos pendentes- continuaron exercendo o seu lavor en postos que esixian protección dos direitos humanos, alguns foron premiados.

Por outra parte, foron poucas as sentenzas que impuxeron condenas superiores ao mínimo estabelecido na lexislación española para o ingreso en prisión: 5 de Audiéncias Provinciais e 11 do Tribunal Supremo.

Vítimas sen reparación

Canto aos critérios dos tribunais para determinar a indemnización às vítimas, Amnistia Internacional lamenta constatar que non parecen garantir a reparación de todos os danos causados, materiais e imateriais. Os xuíces, ao fixaren as indemnizacións, toman como instrumento orientativo o baremo da Lei de Uso e Circulación de Veículos de Motor. Unha norma en que non se teñen en conta os danos morais. Por iso, entre os casos examinados pola organización humanitária ao 80% das vítimas correspondeu unha indemnización inferior a 3.000 euros. Ora, o mais significativo é que aproximadamente ao 30% foron concedidas indemnizacións inferiores aos 600 euros, despois de longos anos de espera.

Resulta preocupante que, apesar de teren resultado provados no xuízo as torturas e os maus tratos, muitas vítimas non obteñen indemnización alguna”, continua Esteban Beltrán. Tamén preocupa a Amnistia Internacional que non se teñan feito esforzos por conceder algun tipo de recoñecimento público às vítimas de tortura e maus tratos. A organización afirma que non existen no Estado Español instrumentos de axuda governamentais aos que poderen aceder as vítimas de forma imediata e efectiva para obteren resarcimento polo dano sofrido e os meios para unha reabilitación o mais completa posível. Na maioria dos casos, a única reparación que receben estas vítimas de graves violacións dos direitos humanos é a indemnización que outorga o xuiz en sentenza.

Falta de vontade política

Ainda que a tortura non é sistemática no Estado Español, afirma AI, receben-se denúncias frecuentes e fiáveis e constata-se un aumento das denúncias por detención ilegal e maus tratos con componente racista, especialmente a cidadáns estranxeiros.

O relatório denuncia falta de vontade política para facer frente a esta prática vil. Cando é responsável subsidiário, o estado costuma recorrer as sentenzas en vez de responder às suas obrigacións de maneira imediata e, nas escasas ocasións en que o governo español pagou as indemnizacións, estas chegaron às vítimas uns 15 anos despois de acontecidos os feitos que deron lugar à denúncia. Todos os governos españois tenderon a negar a existéncia de casos de tortura. Cando se trata de persoas detidas en rexime de incomunicación, atribuen as denúncias a unha estratéxia destas persoas para minaren a credibilidade das autoridades, cando a tortura ou maus tratos son denunciados por persoas pertencentes a minorias étnicas, negan tratar-se de unha prática estendida e con componente racial.

Estas mesmas preocupacións que Amnistia Internacional pon de manifesto no seu relatório foron xa expresadas a comezos de 2004 polo Relator Especial sobre a Tortura das Nacións Unidas, quen subliñou igualmente a imunidade dos funcionários e a falta de reparación xusta às vítimas como factores a ter en conta na prática da tortura.

No seu dia, o governo Aznar criticou o relatório do responsável da ONU afirmando que “contén importantes erros fácticos” e “non mostra a imparcialidade própria do seu cargo”. “Non é un diagnóstico fundado da realidade española”, insistiu.

Recomendacións de Amnistia Internacional Para erradicar a tortura no Estado Español.

AI considera indispensável que exista vontade política para prevenir o delito, encausar os supostos responsáveis e garantir às vítimas a reparación mais completa posível. Neste sentido, a organizacion inclui neste documento 23 recomendacións dirixidas ao Parlamento, ao Governo, às autoridades xudiciais, ao Fiscal Xeral do Estado e aos Corpos e Forzas de Seguranza. A principal recomención é a adopción de medidas lexislativas e de outra índole con a devida dotación orzamentária para garantir as vítimas de torturas e maus tratos poderen aceder a unha reparación completa.

O relatório completo pode ler-se en www.amnistia.org