A lei era filla do movimento político liberal comandado por Gustavo III, o mesmo que xa dera nacimento a unha nova Constituición que reforzava o papel do Riksdag (o Parlamento) e a discusión dos asuntos públicos.

Anos despois, Chydenius e os seus deron outro paso à frente: inspirando-sei na xperiéncia chinesa traballou por instaurar na Suécia algo asi como o equivalente do Buro de Censura Imperial, unha instituición da dinastia Ching que se encarregava de vixiar cuidadosamente o governo e os seus funcionários, de exibir as suas incompeténcias, ineficiéncias e práticas de corrupción.

A ideia pareceu tan poderosa, tan necesária e tan útil que Chydenius escreveu: “Mesmo que a Constituición non conseguise modificar mais nada, a nosa nación mudaria pola acción desta lei que nasceu ao seu amparo”.

O forte proceso de centralización administrativa que experimentou o país escandinavo pudo asi ser controlado polos poderes locais e pola cidadania mercé à “Lei de aceso às actas públicas”, producindo-se unha notável combinación de centralismo con efectivo controlo público… e asi lles foi.

Esta Lei non fraguou por si só o milagre do desenvolvimento económico e o tipo de Estado exemplar –eficaz e de baixíssima corrupción- da Suécia, mas o fenómeno non foi indiferente à acción daquela, orixinária, Lei de Aceso.

“… o feito de facer obrigatoriamente públicas as actas “dos tres estados” acabou convertendo-se nun veneno constante para a liquidación das práticas aristocráticas e feudais e foi un poderoso instrumento para garantir os direitos de propriedade dos agricultores no curso da Storskijtesstadgan (reforma agrária)”, afirma Magnus Blöstroml.

Os suecos descobriron ben cedo que o aceso à información é un disolvente eficaz de práticas patrimonialistas, discrecionais, ilegais ou corruptas. E ese disolvente acompañou –aliado- o proceso de decolaxe económica daquel país, marcando-o para sempre. O próprio Magnus Blöstroml insiste mais adiante: “contar con un aceso aos certificados oficiais, foi unha alavanca pensada para apoiar o proceso de distribuición de terras mais despois difundiu-se a outras áreas do governo até se converter en parte da cultura administrativa do Estado e dos cidadáns”.

A cousa chegou a tal ponto de xeneralizacion, sofisticación e sistematización que hoje en dia, os funcionários suecos afirman poder entregar unha cópia fiel de calquer documento elaborado hai douscentos anos en 24 horas! Suécia encarou valorosamente o desafio da modernización do seu governo na última parte do século dezaoito e fixo-o embrullando a sua estratéxia con transparéncia. Ninguén foi mais lonxe do que a Suécia durante todo o século XVIII e XIX (mesmo se tomarmos en consideración o notável esforzo da Colómbia en 1888), e fixo-o sen barulho, sen a fanfárria típica das grandes poténcias, evitando dar lizóns ao resto do mundo.

Talvez por iso, o resto do mundo tardou en recoñecer a importáncia da medida sueca, pois a idea do aceso irrestrito aos documentos públicos demoraria ainda dous séculos en cobrar forza na viciña Finlándia (1951), nos EE.UU (1966) e en Dinamarca (1970), para acabar convertendo-se na vaga democratizadora dos últimos cinco anos do século XX. Durante este breve período mais de 40 estados tomaron exemplo e instituíron as suas próprias leis de aceso à información. O fenómeno é hoje de tal magnitude e universalide que existen xa 62 estados con leis de transparéncia e o proceso continua.