A asociación Que voltem para a casa!, formada por familiares e amigos de presos e presas independentistas da Galiza, sairá en marcha os próximos días 3 e 4 de febreiro para denunciar a política de dispersión penal. A asociación denuncia taména detencións incomunicadas, o segredo de sumario –que limita o seu dereito de defensa efectiva– e o papel da AN como tribunal de excepción

“Un dos nosos obxectivos é acabar coa dispersión penal, unha medida que se aplica sistematicamente aos presos e presas galegas independentistas”, explica Cristina Rodríguez Ramos, membro da asociación que organiza esta marcha desde fai once anos. Que voltem para a casa! lanzou unha campaña de micromecenazgo en Verkami co obxectivo de conseguir 3.500 euros cos que financiar os gastos derivados da marcha.

O día 3 de febreiro, unha columna partirá en autobús desde Santiago de Compostela até Lugo. De alí continuará até a prisión de Villanubla, en Valladolid, e despois a Mansillas das Mulas. Aí atoparase con outra columna que partirá desde Vigo o día 4 e que pasará tamén polas prisións de Estremera (Madrid) e Ocaña). Máis de 1.500 quilómetros de marcha que supoñen unha pequena mostra das longas distancias que familiares e amigos de presos ven obrigados a realizar cada fin de semana para poder ver aos seus seres queridos. A asociación Que voltem para a casa! cifra en 272.892 os quilómetros percorridos durante 2016 para poder visitar ao cinco presos independentistas galegos e en preto de 36.000 euros o gasto que supuxo abarcar este percorrido

“Queremos levarlles o noso apoio, que vexan que estamos aí e seguimos pelexando porque se cumpran os seus dereitos, pero tamén denunciar esta situación. Imos percorrer moitísimos quilómetros nun día, e é a distancia que teñen que percorrer cada fin de semana a familia e amigos destas presas e presos”, continúa Cristina, quen tamén denuncia as violacións de dereitos sufridas durante todo o proceso seguido contra estas persoas, “desde que os deteñen, con detencións incomunicadas, segredo de sumario –que limita o seu dereito de defensa efectiva– e o papel da Audiencia Nacional como tribunal de excepción, até a dispersión e o réxime de vida ao que son sometidos, en primeiro grao e FIES”.

En 2013, a Audiencia Nacional ditou a primeira sentenza que contemplaba a existencia dun grupo armado independentista operativo en Galicia, a pesar de que nunca se deu un atentado ou ataque que puxese en perigo a persoas. Desde entón cóntanse polo menos seis persoas condenadas con penas de entre seis e 18 anos de cárcere, e nove persoas máis imputadas no marco da operación Jaro. A asociación Que voltem para a casa! denunciou ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos a vulneración de dereitos dos presos independentistas galegos durante o seu xuízo na Audiencia Nacional e reclamou a revisión da condena, mais esta petición foi desestimada.

Máis.